Neste gráfico divídese un círculo en tantos sectores como modalidades existan, de modo que a cada unha delas lle corresponda un arco de círculo proporcional á frecuencia a representar.
Ás veces ao diagrama de sectores dáselle profundidade, o que lle confire un aspecto de pastel circular, gráfico de rodas, queixo en porcións ou tortas, apelativos cos que tamén se denomina. Este tipo de presentación, xeralmente vistosa, presenta a desvantaxe dada pola posible non apreciación visual da existencia de diferenzas entre dúas modalidades de frecuencia similar e a limitación do número máximo de categorías que se representen. Admite variacións gráficas nas que se opta por representar algún dos distintos sectores separados con respecto ao centro do círculo para representalo fronte aos demais.
Pódense empregar con variables cuantitativas, pero débese ter especial coidado no emprego deste diagrama cando se trata de enquisas de opinión, xa que é habitual que se acepten varias respostas e a suma dos sectores pode supor máis do 100% dos datos.
Exemplo
No seguinte diagrama de sectores preséntase a poboación ocupada galega (en miles de persoas) por sectores económicos no ano 2010:
Carácter estatístico: sector económico
Variable estatística cualitativa
Datos
Frecuencia absoluta (miles de persoas)
Porcentaxe
xi
Ni
%
Agricultura e pesca
86,6
7,9%
Industria
171,6
15,6%
Construción
105,2
9,6%
Servizos
737,2
67,0%
N=1.100,7
100%
Distribución da poboación ocupada segundo o sector de actividade Galicia. Ano 2010
Abrimos un libro de Excel onde teñamos os datos que queremos representar no gráfico de sectores, por exemplo o libro ExemploGraficos2.xls que contén o número de ocupados segundo o sector de actividade para o ano 2010.
Situámonos na folla "Sectores" e seleccionamos o rango de datos que queremos representar na gráfica de sectores. Neste caso como o que nos interesa é mostrar o número ocupados segundo o sector de actividade seleccionaríamos o rango de celas A6:B9. ¡Ademais dos datos que queremos representar tamén seleccionamos o nome das categorías, neste caso o sector de actividade! É moi importante NON seleccionar a categoría co total de ocupados. Se incluímos o "Total" na gráfica mostraríase unha porción de torta (concretamente a metade do círculo) con esta categoría e desvirtuaría a gráfica de sectores.
Para rematar pinchamos no botón "Finalizar" e obtemos a gráfica coa distribución da poboación ocupada galega segundo os sectores de actividade para o ano 2010.
Se nos interesa que xunto a cada porción se mostre o nome do sector de actividade ("Agricultura e pesca", "Industria", "Construción" e "Servizos") e a porcentaxe de ocupados nese sector podemos seguir os seguintes pasos:
Borramos a lenda do gráfico. Para borrar a lenda dun gráfico basta con pinchar riba dela co botón dereito do rato e seleccionar a opción "Borrar".
Prememos co botón esquerdo riba do gráfico de sectores para seleccionalo e a continuación pinchamos no botón dereito do rato. Sairanos un menú no que debemos elixir a opción "Formato de serie de datos ..."
(Se queres ver o vídeo a pantalla completa pincha neste enlace)
Abrimos unha folla de cálculo de OpenOffice ou de LibreOffice onde teñamos os datos que queremos representar no gráfico de sectores. Imos utilizar os mesmos datos que na explicación anterior. Abrimos o arquivo ExemploGraficos2.ods, que contén o número de ocupados de Galicia segundo o seu sexo e o sector de actividade para o ano 2012.
Situámonos na folla "Datos" e seleccionamos o rango que queremos representar; neste exemplo, imos representar a ocupación total de Galicia segundo o sector de actividade. Tamén debemos seleccionar os nomes das categorías. Ollo! Non se debe seleccionar a categoría “Total” da variable sector de actividade, xa que, de facelo, no gráfico amosaríase unha porción de torta con esta categoría (a metade do círculo) e desvirtuaría o gráfico de sectores.
A continuación, na barra de menús seleccionamos "Inserir", submenú "Gráfico".
No asistente para gráficos, en tipo de gráfico, escollemos "Círculo". Na última versión de OpenOffice Calc existe a posibilidade de representar catro tipos distintos de gráficos de sectores: normal, gráfico circular seccionado, anel ou anel seccionado. Neste caso imos representar un gráfico normal. Prememos o botón "Seguinte >>".
Comprobamos que o rango de datos é o que efectivamente queremos que se amose. Neste tipo de gráfico, o asistente xa sobreentende que a primeira columna do rango seleccionado contén as etiquetas da lenda, polo que xa aparece seleccionada por defecto a pestana “Primeira columna como etiqueta”. Prememos o botón "Seguinte >>".
Na seguinte pestana do asistente ofrécesenos a posibilidade de engadir novas series na representación, ou eliminar algunha das existentes. É útil cando se queren representar series de datos procedentes de dúas táboas distintas. Tamén podemos asignarlle un nome á serie de datos; para elo, despregamos o recadro “Rango para Nome” e situámonos na cela correspondente á categoría “Total” da variable sexo. Prememos no botón "Seguinte >>".
Nesta pestana podemos engadir un título e un subtítulo ao gráfico, o nome ou unidade dos eixos x e y, e cambiar a posición da lenda (ou mesmo eliminala, se non desexamos que se amose no gráfico).
Se en calquera momento da configuración das características do gráfico nos equivocamos, o asistente para gráficos permítenos retroceder premendo o botón "<< Regresar".
Para rematar, pinchamos no botón "Finalizar" e obtemos o gráfico de sectores coa distribución da poboación ocupada galega segundo os sectores de actividade, correspondente ao ano 2012. Unha vez abandonado o asistente para gráficos, para alterar as características do gráfico haberá que acudir ao menú "Formato" ou “Inserir” da barra de tarefas. Por exemplo, imos engadir a cada porción da torta o nome da categoría que representa, e imos amosar as etiquetas dos datos en porcentaxe:
Seleccionamos o gráfico e seleccionamos na barra de tarefas o menú “Inserir” e, a continuación, “Etiqueta datos”.
Na ventá emerxente seleccionamos a opción de “Amosar valores como porcentaxe”. Prememos no botón “Formato de porcentaxe...” e desmarcamos a pestana de “Formato fonte”. No apartado de opcións, seleccionamos un decimal. Prememos no botón “Aceptar”.
A continuación, na ventá emerxente seleccionamos a opción de “Amosar categoría”.
No recadro de “Separador” podemos escoller o modo de separar, na etiqueta de datos, o valor da categoría do seu nome; neste exemplo, seleccionamos separar mediante unha nova liña.
No recadro “Posicionamento” podemos escoller en que parte da área do gráfico aparecerán as etiquetas de datos (dentro das porcións da torta, no exterior, etc.). Seleccionamos “Mellor acomodo”, que sitúa as etiquetas automaticamente no lugar onde se ven máis claramente.
Prememos o botón “Aceptar” para engadir as modificacións realizadas ao gráfico.
Mediante a aplicación dispoñible na páxina web do IGE
A páxina web do IGE ( www.ige.eu) permite elaborar gráficos a partir das táboas dispoñibles na web.
Unha vez teñamos a táboa cos datos que nos interesa, por exemplo a de poboación ocupada segundo os sectores de actividade para Galicia, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra só hai que premer no botón de "Ver gráfico". Por defecto móstrase unha gráfica de barras.
Hai que ter en conta que a táboa ten que estar construída dun xeito determinado para que a gráfica saia como nos interesa:
As categorías da variable que queremos representar deben estar colocadas nas columnas (neste caso os sectores de actividade).
Non debe aparecer seleccionada a categoría "Total" que mostra o número total de ocupados.
Non podemos ter máis dunha categoría en filas.
A gráfica resultante podémola gardar como imaxe premendo sobre ela co botón dereito do rato e seleccionando a opción "Gardar imaxe como ..."
Máis exemplos
A partir dos datos dispoñibles no libro de Excel ExemploGraficos2.xls elabora un gráfico de sectores coa distribución da poboación ocupada segundo o sector de actividade para cada unha das provincias galegas.
Cos datos de fogares segundo o número de persoas que podes descargarte en ExemploGraficos1.xls constrúe un gráfico de sectores coa distribución dos fogares galegos segundo o número de persoas.
E se agora probas a construír unha táboa na web, descargala, abrila con OpenOffice Calc, e construír un gráfico de sectores? Abaixo atoparás un vídeo demostrativo. Proba a facelo ti mesmo a partir desta táboa da páxina web, onde se amosan as sociedades mercantís constituídas cada mes en Galicia segundo o número de socios fundadores e a súa forma xurídica. Representa a porcentaxe de cada categoría da variable forma xurídica sobre o total de constitucións, ou ben, a porcentaxe de cada categoría da variable número de socios.
(Se queres ver o vídeo a pantalla completa pincha neste enlace)
Localizamos na páxina web a información que queremos representar e construímos a táboa de valores. Por exemplo, imos representar a poboación ocupada de Galicia no ano 2012, por sectores de actividade.
Primeiro seleccionamos as categorías que imos visualizar de cada variable; neste caso escollemos, da variable tempo, o ano 2012; da variable sexo, todas as categorías (prememos no botón "Selec. todos"); da variable idade, a categoría "Total"; e da variable actividade, todas as categorías.
A continuación decidimos en cal dos eixos imos visualizar cada unha das variables, e cales van actuar como filtro. Neste caso, a variable sector de actividade irá en filas (hai que premer no botón "En filas"), a variable sexo en columnas (hai que premer no botón "En columnas"), e as restantes actúan como filtros (hai que desmarcar ambas pestanas, "En filas" e "En columnas"). Prememos o botón "Ver táboa de datos" para visualizar a información.
Para descargar a información da táboa e poder traballar con ela en OpenOffice Calc, prememos o botón "Descargar datos" e escollemos a opción "Excel - Formato nativo (.xls)". Gardamos o arquivo resultante nunha carpeta ou no escritorio.
Localizamos o arquivo descargado no ordenador, prememos derriba co botón dereito do rato e escollemos a pestana de "Abrir con OpenOffice Calc".
Para representar o gráfico de sectores en OpenOffice/LibreOffice Calc, consulta a explicación no apartado anterior.