Portal educativo IGE

ver o mapa do portal

Representacións gráficas


Diagrama de barras

É un dos métodos de representación gráfica máis empregados e consiste en representar no eixo horizontal os diferentes valores da variable, aos que se asocian barras de igual ancho e altura proporcional ao número de ocorrencias ou á frecuencia relativa de cada un dos valores.

O diagrama máis habitual é o correspondente a barras verticais que se constrúe situando no eixo horizontal os valores da variable en orden crecente e sobre elas, paralelamente ao eixo vertical levántanse barras ou columnas de igual base e de lonxitude igual ás frecuencias que se queren representar. Se son relativas ou porcentaxes, a suma das lonxitudes de todas as barras é igual á unidade ou 100, o que permite facer comparacións entre dúas ou máis variables comparando os seus diagramas de barras.

Excepcionalmente poden intercambiarse os eixes, por exemplo nas pirámides de poboación. Outras veces aparecen varias barras en varias cores pegadas entre si, especialmente cando se fan estudos estratificados.

Exemplo

No seguinte diagrama de barras preséntase o número de persoas por fogar no ano 2009:

Carácter estatístico: número de persoas

Variable estatística discreta

Datos Frecuencia absoluta Frecuencia relativa Porcentaxe
xi Ni fi %
1 205.374 0,198 19,8%
2 325.022 0,313 31,3%
3 255.611 0,247 24,7%
4 180.498 0,174 17,4%
5 47.777 0,046 4,6%
6 ou máis 22.668 0,022 2,2%
N=1.036.931 1 100%

Fogares segundo o número de persoas
Galicia. Ano 2009

¿Como elaborar un diagrama de barras?

  • Coa folla de cálculo Excel

    + Mostrar paso a paso

  • Coa folla de cálculo de OpenOffice ou de LibreOffice (vídeo demostración)

    + Mostrar paso a paso

  • Mediante a aplicación dispoñible na páxina web do IGE

    + Mostrar paso a paso

Máis exemplos

  • A partir dos datos dispoñibles no libro de Excel ExemploGraficos1.xls elabora un diagrama de barras cos fogares segundo o número de persoas para cada unha das provincias galegas.
  • E se agora probas a construír unha táboa na web, descargala, abrila con OpenOffice Calc, e construír un gráfico de barras? Abaixo atoparás un vídeo demostrativo. Proba a facelo ti mesmo a partir desta táboa da páxina web, onde se amosa a evolución anual da pesca desembarcada en Galicia dende 1997. Representa o valor da produción desembarcada segundo a especie para o último ano dispoñible.

    + Amosar o vídeo demostrativo