ÍNDICE


Estudo de salarios / Salarios nas fontes tributarias

Introdución

Neste apartado utilízase a estatística “Mercado de trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias” realizada pola Axencia Tributaria para facer unha análise dos salarios dende a óptica do perceptor, utilizando como variables de clasificación a provincia e a Comunidade Autónoma, o sexo, a idade, a rama de actividade e os tramos de salario. A estatística achega información desde o ano 1999 ata o ano 2022.

A estatística ten carácter censual e está baseada nas declaracións anuais do Modelo 190 que presentan todas as persoas físicas, xurídicas e demais entidades que, estando obrigadas a reter ou ingresar a conta polo imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, satisfagan ou abonen algunha renda no ano de referencia da estatística.

Esta estatística permite coñecer o perfil demográfico da poboación asalariada por sexo, a masa salarial por tramos de idade e polo tanto, o salario medio para cada tramo. Ademais, tamén proporciona a clasificación dos asalariados para 10 ramas de actividade co seu correspondente salario medio.

Á hora de interpretar os resultados debe terse en conta que nesta estatística ao longo do ano as persoas poden obter percepcións salariais de máis dunha empresa e dous ou máis tipos de percepcións1. Ademais o número de asalariados anuais calcúlase como a suma de persoas que ao longo do ano tiveron algunha percepción salarial; e o salario medio anual como a suma dos salarios anuais dividida polo número de asalariados. En consecuencia, o salario medio anual tende a ter un nesgo á baixa en comparación con outras estatísticas nas que o denominador é o número de asalariados calculado como media anual. Un incremento da temporalidade, por exemplo, fará que o salario medio calculado neste apartado diminúa máis que un salario por hora traballada.

Salario medio anual. España e Galicia

No ano 2022 rexístrase o salario medio anual máis alto da serie desta estatística en Galicia (21.999 euros). O número de persoas que recibiron un salario en 2022 incrementouse ata os 1.067.825 e tamén aumenta a retribución total, que alcanza o seu máximo na serie temporal. O salario medio anual rexistrou unha alza en Galicia de 1.213 euros, cando en España se incrementou en 1.262 euros (pasa de 21.519 euros a 22.781 euros).

Desde o ano 2007 as diferenzas entre o salario medio anual en Galicia e en España reducíronse. Esta diferenza marcou o máximo no ano 2007 (1.344 euros anuais) e o mínimo no ano 2020 (603 euros anuais). En Galicia, o ano 2014 foi o último ano con decrecemento do salario medio e, desde esa data, o salario medio anual medrou máis que en España.

O salario medio anual das mulleres medrou 1.086 euros no ano 2022, mentres no caso dos homes fíxoo en 1.367 euros. Este comportamento é similar ao ocorrido no conxunto do Estado no que tamén se produce un maior crecemento dos salarios medios anuais dos homes. Esta evolución incrementa a diferenza entre os salarios medios de homes e mulleres, que en 2022 se sitúa en 4.519 euros anuais en Galicia e 4.999 euros en España. O salario medio das mulleres galegas, aínda que é máis baixo que o español, aproxímase máis ao da media de España que no caso dos homes.

Salario medio anual. Ambos sexos. España e Galicia
Unidade: Euros
Ambos sexos
Homes
Mulleres
España Galicia España Galicia España Galicia
1999 12.719 11.869 14.547 13.092 9.806 9.704
2000 13.279 12.230 15.239 13.554 10.266 10.011
2001 13.932 12.763 16.038 14.249 10.811 10.378
2002 14.370 13.241 16.588 14.834 11.175 10.783
2003 14.963 13.672 17.198 15.333 11.838 11.216
2004 15.658 14.355 17.964 16.155 12.424 11.727
2005 16.018 14.887 18.321 16.742 12.800 12.225
2006 16.849 15.678 19.314 17.671 13.497 12.911
2007 18.087 16.743 20.750 18.852 14.568 13.898
2008 18.996 17.736 21.596 19.932 15.620 14.856
2009 19.085 18.217 21.433 20.271 16.110 15.594
2010 19.113 18.314 21.449 20.408 16.209 15.704
2011 19.102 18.271 21.422 20.393 16.264 15.688
2012 18.601 17.737 20.876 19.865 15.872 15.227
2013 18.505 17.770 20.647 19.820 15.956 15.383
2014 18.420 17.729 20.537 19.746 15.917 15.414
2015 18.645 17.839 20.779 19.899 16.143 15.501
2016 18.835 18.114 21.026 20.243 16.281 15.730
2017 19.172 18.463 21.417 20.554 16.568 16.123
2018 19.809 19.159 22.095 21.327 17.180 16.755
2019 20.566 19.879 22.875 22.038 17.927 17.511
2020 20.503 19.900 22.640 21.887 18.047 17.720
2021 21.519 20.786 23.724 22.818 19.011 18.580
2022 22.781 21.999 25.137 24.185 20.138 19.666

 

Percepcións salariais segundo o grupo de poboación ao que pertencen as persoas asalariadas. Galicia

Da poboación que recibiu rendas salariais en Galicia, máis de 856 mil galegos recibiron en 2022 só este tipo de rendas. Neste ano destaca o descenso do colectivo que percibiu rendas salariais e prestacións de desemprego, nas que se inclúen as que proveñen dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). A porcentaxe de persoas asalariadas que só reciben rendas salariais sitúase no 80,2%, mentres o 15,6% do colectivo de asalariados percibiu prestacións por desemprego en 2022.

O tipo medio de retención situouse no 15,29%, isto é, incrementouse en máis de medio punto con respecto ao ano anterior. No colectivo que percibe rendas salariais e pensións o tipo é máis alto (16,05%).

 

Persoas asalariadas, percepcións salariais
e retencións segundo o grupo de poboación. Galicia

Unidade: Persoas, euros, porcentaxe
2020 2021 2022
Total
     Persoas 1.023.742 1.042.813 1.067.825
     Retribucións (miles de €) 20.372.460 21.676.121 23.491.180
     Retribución anual media (€) 19.900 20.786 21.999
     Retencións (miles de €) 3.003.739 3.191.257 3.590.961
     Tipo de retención (%) 14,74 14,72 15,29
Asalariados
     Persoas 638.805 777.923 856.766
     Retribucións (miles de €) 15.430.214 18.364.303 20.612.538
     Retribución anual media (€) 24.155 23.607 24.059
     Retencións (miles de €) 2.487.376 2.869.130 3.280.978
     Tipo de retención (%) 16,12 15,62 15,92
Asalariados e pensionistas
     Persoas 38.808 42.335 44.255
     Retribucións (miles de €) 626.212 699.025 765.981
     Retribución anual media (€) 16.136 16.512 17.308
     Retencións (miles de €) 101.214 109.382 122.959
     Tipo de retención (%) 16,16 15,65 16,05
Asalariados e desempregados
     Persoas 335.275 215.945 162.014
     Retribucións (miles de €) 4.198.652 2.548.592 2.063.076
     Retribución anual media (€) 12.523 11.802 12.734
     Retencións (miles de €) 404.212 207.553 182.973
     Tipo de retención (%) 9,63 8,14 8,87
Asalariados, pensionistas e desempregados
     Persoas 10.854 6.610 4.790
     Retribucións (miles de €) 117.382 64.201 49.584
     Retribución anual media (€) 10.815 9.713 10.352
     Retencións (miles de €) 10.936 5.191 4.051
     Tipo de retención (%) 9,32 8,09 8,17

Salario medio anual por ramas de actividade. España e Galicia

En Galicia, no ano 2022 o maior salario medio rexístrase no sector das Entidades financeiras e aseguradoras e o menor nos Outros servizos persoais e de ocio. Con respecto a 2021 medra o salario medio anual en todos os sectores.

En canto ás diferenzas de nivel no salario medio por sectores, Galicia supera a España no sector primario (no que o emprego asalariado ten pouca entidade en Galicia) e no sector da Construción. No resto de sectores o salario medio anual é superior en España, e as maiores diferenzas prodúcense en Entidades financeiras e aseguradoras e Información e comunicacións. As diferenzas máis pequenas están no Comercio, reparacións e transporte; e en Servizos sociais.

Salario medio anual por sectores. España e Galicia
Unidade: Euros
2018
2019
2020
2021
2022
Sector España Galicia España Galicia España Galicia España Galicia España Galicia
Total sectores 19.809 19.159 20.566 19.879 20.503 19.900 21.519 20.786 22.781 21.999
Agricultura, gandería, silvicultura e pesca 7.726 15.991 8.284 15.792 8.411 15.619 9.037 16.507 9.803 17.786
Industria extractiva, enerxía e auga 28.986 28.923 29.258 29.021 29.799 29.233 29.990 29.780 32.117 31.070
Industria 24.112 21.783 24.752 22.570 24.188 21.870 25.442 22.903 26.673 24.462
Construción e actividades inmobiliarias 18.287 18.379 19.196 19.233 18.716 18.868 19.979 19.953 21.141 21.218
Comercio, reparacións e transporte 18.623 18.092 19.162 18.845 18.446 18.227 19.695 19.238 21.094 21.001
Información e comunicacións 30.796 24.394 31.801 25.112 32.645 25.771 33.566 26.625 35.253 27.708
Entidades financeiras e aseguradoras 38.758 32.017 43.763 34.932 43.955 34.417 43.982 34.889 45.431 35.680
Servizos ás empresas 17.652 15.025 18.340 15.621 18.347 15.593 19.285 16.331 20.206 16.958
Servizos sociais 23.924 23.959 25.366 25.281 26.225 26.074 26.722 26.720 28.201 27.985
Outros servizos persoais e de ocio 11.194 9.632 11.615 9.967 9.342 8.500 10.844 9.657 12.718 11.109

Persoas asalariadas e percepcións salariais por grupos de idade. España e Galicia

Nos seguintes gráficos amósase a estrutura comparada das persoas asalariadas e da masa salarial por grupo de idade de Galicia e España. O grupo de idade máis numeroso é o que vai dos 46 a 55 anos, tanto en Galicia como en España, porén a porcentaxe que representa este grupo é superior en Galicia. Isto ocorre cos grupos de maior idade en detrimento dos de menor idade, nos que a porcentaxe en España é maior: no grupo de idade de 18 a 25 anos concéntrase o 8,4% das persoas asalariadas en Galicia por un 11,0% en España.

 

Coa representación en forma de pirámide de idades da masa salarial e das persoas asalariadas por sexo, preténdese amosar nunha imaxe fixa as diferenzas estruturais demográficas entre Galicia e o conxunto de España na composición da poboación asalariada por idades e sexo e o correspondente reparto da masa salarial entre os grupos de persoas asalariadas.

 

As observacións máis salientables resúmense nos seguintes puntos:

- A poboación asalariada galega está máis envellecida que a española. A proporción da poboación asalariada que ten máis de 55 anos supera á media española en 1,2 puntos porcentuales. En contraste, os novos (menores de 36 anos) teñen maior peso en España que en Galicia: un 31,4% fronte a un 27,1%.

- Na poboación nova asalariada (menor de 36 anos) existe unha gran diferenza entre o peso da súa masa salarial e o peso poboacional no conxunto de persoas asalariadas: en Galicia esta diferenza é de 9,1 puntos e en España de 10,6 puntos. En Galicia implica que o 27,1% da poboación asalariada recibe o 18,0% da masa salarial.

- No resto de grupos de idade a proporción de masa salarial supera á de poboación, sendo o grupo de 46 a 55 anos o que presenta unha situación máis favorable: o 28,0% das persoas asalariadas absorben o 32,6% da masa salarial.

- Por sexos, no grupo de 36 a 45 anos as mulleres (13,2% da poboación asalariada) perciben o 12,1% da masa salarial.

- Pola contra, no grupo de 46 a 55 anos, os homes (14,4% da poboación asalariada) perciben o 18,8% da masa salarial.

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia

Salario medio anual por sexo e grupos de idade. Galicia
Unidade: Euros
Ambos sexos
Homes
Mulleres
Idade 2020 2021 2022 2020 2021 2022 2020 2021 2022
Total idade 19.900 20.786 21.999 21.887 22.818 24.185 17.720 18.580 19.666
Menor de 18 anos 2.224 1.892 1.843 2.523 2.218 2.119 1.765 1.468 1.515
De 18 a 25 anos 7.149 7.439 7.948 8.068 8.306 8.821 6.073 6.439 6.969
De 26 a 35 anos 15.342 16.590 17.854 16.342 17.540 18.810 14.297 15.604 16.871
De 36 a 45 anos 20.258 21.244 22.553 22.320 23.373 24.819 18.079 19.014 20.210
De 46 a 55 anos 23.199 24.212 25.635 25.820 27.025 28.684 20.308 21.155 22.388
De 56 a 65 anos 24.937 25.525 26.815 27.084 27.702 29.310 22.407 23.008 24.008
Maior de 65 anos 21.157 22.471 23.618 25.536 26.309 27.323 15.105 17.253 18.779

Por idade, todos os colectivos teñen un salario medio anual superior ao rexistrado en 2021, coa excepción dos asalariados menores de 18 anos. A maior subida porcentual atopámola no grupo de idade de 26 a 35 anos, cun incremento do 7,6%.

O salario medio é superior nos homes en todos os niveis de idade, porén as diferenzas reducíronse nos dous grupos de idade máis baixos e no grupo máis alto. En 2022 tanto no caso dos homes como no caso das mulleres, produciuse unha suba do salario medio en todos os grupos de idade coa excepción do grupo que recolle aos menores de 18 anos. En 2022 neste grupo hai 2.556 asalariados, dos 1.067.825 asalariados totais.

 

Datos provinciais

Salario medio anual por provincias


Ata o ano 2022 o perfil da evolución do salario medio anual é similar nas catro provincias: forte crecemento ata o ano 2008, moderación nos anos 2009 e 2010 e diminución ata o ano 2013, no que o salario medio se estabiliza con lixeiras variacións á alza ou á baixa. Desde 2015 rexístranse crecementos nas catro provincias ata o ano 2019. No ano 2022 o comportamento é positivo nas catro provincias, sendo a provincia da Coruña a que rexistra un maior incremento porcentual do salario medio anual

A Coruña é a única provincia na que o salario medio supera á media galega; séguelle a bastante distancia Pontevedra e Lugo, sendo o nivel medio de Ourense inferior. No caso de Pontevedra no ano 2001 o salario medio aproximábase moito á media galega (189 euros anuais por enriba do dato para Galicia), no ano 2022 a diferenza amplíase e sitúase en 902 euros por debaixo da media galega.

Salario medio anual. Galicia e provincias
Unidade: Euros
Galicia A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
1999 11.869 12.508 10.966 10.990 11.682
2000 12.230 12.738 11.444 11.335 12.157
2001 12.763 13.403 11.963 11.766 12.574
2002 13.241 13.954 12.264 12.189 13.047
2003 13.672 14.369 12.715 12.660 13.474
2004 14.355 15.172 13.379 13.406 14.005
2005 14.887 15.729 13.933 13.940 14.494
2006 15.678 16.539 14.592 14.693 15.322
2007 16.743 17.629 15.754 15.736 16.339
2008 17.736 18.823 16.642 16.535 17.184
2009 18.217 19.395 17.273 17.039 17.489
2010 18.314 19.411 17.322 17.169 17.676
2011 18.271 19.404 17.243 17.105 17.605
2012 17.737 18.895 16.703 16.564 17.036
2013 17.770 18.988 16.703 16.532 17.034
2014 17.729 18.892 16.724 16.552 17.014
2015 17.839 18.972 16.806 16.595 17.184
2016 18.114 19.360 16.954 16.680 17.422
2017 18.463 19.539 17.409 17.109 17.898
2018 19.159 20.385 17.959 17.614 18.529
2019 19.879 21.208 18.648 18.280 19.160
2020 19.900 21.172 18.963 18.447 19.105
2021 20.786 22.000 19.823 19.398 20.046
2022 21.999 23.456 20.788 20.355 21.097

 

Tramos de salario. Índice de Gini por sexo e por provincias

A curva de Lorenz amosa graficamente a concentración do ingreso ou da riqueza dun espazo determinado (o máis usual é o conxunto de persoas ou fogares dun país ou rexión). Canto máis cerca esté a curva da recta que une os puntos (0,0) e (100,100), máis igualitaria será a distribución da renda, sendo o caso extremo cando a distribución coincida coa recta, na que todos os individuos percibirían a mesma renda. Cos datos obxecto de análise, relaciónanse as porcentaxes acumuladas de poboación asalariada coas porcentaxes acumuladas de masa salarial nun ano.

A partir da curva de Lorenz calcúlase o índice de Gini, que proporciona unha medida cuantitativa do grao de concentración dos ingresos (ou da riqueza) dun determinado país, rexión ou grupo social. Este coeficiente varía entre 0 e 1, onde o 0 indica a igualdade máxima e o 1 cando un só individuo acapara todo o ingreso. Polo tanto, este coeficiente permítenos facer comparacións no grao de desigualdade entre os grupos obxecto de estudo e a súa evolución no tempo.

Coa información relativa aos 13 tramos de percepcións anuais por salario, determinados como múltiplos das percepcións mínimas interprofesionais anuais, calcúlase o índice de Gini para ter unha aproximación ao grao de desigualdade no tempo e no ámbito territorial (Galicia e provincias).

En primeiro lugar represéntase a curva de Lorenz de Galicia e de España. A imaxe das dúas curvas superpostas indica que a distribución salarial en España é lixeiramente máis desigual que en Galicia.

Se comenzamos polos salarios máis baixos, vese que en Galicia hai un 33,6% da poboación asalariada que percibe un 10,5% da masa salarial (en España o 36,5% das persoas asalariadas percibe o 10,5% da masa salarial) e que o 75,3% absorbe o 48,3% dos salarios en Galicia, e en España o 73,1% do colectivo asalariado o 42,8% da masa salarial.

Se nos situamos nas rendas salariais máis elevadas, en Galicia un 9,9% das persoas asalariadas reciben o 28,5% da masa salarial, en cambio en España un 11,9% recibe o 34,6% dos salarios totais.

As rendas salariais están máis concentradas en España que en Galicia, é dicir, a distribución do ingreso é menos desigual na nosa Comunidade autónoma.

Como se deduce do gráfico no que se representa o índice de Gini referido ao ano 2022, a desigualdade nos ingresos por salarios, é maior nas mulleres que nos homes nas catro provincias, sendo Lugo a que rexistra a diferenza máis elevada. Ou dito doutro xeito, as diferenzas salariais son máis elevadas nas mulleres asalariadas que nos homes asalariados.

En canto á evolución temporal, o grao de desigualdade redúcese no ano 2022, recuperando a tendencia mostrada desde 2017, que se interrompera no ano 2020.

 

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

Agencia Tributaria. Mercado de Trabajo y Pensiones en las fuentes tributarias


  1. As persoas asalariadas poden clasificarse segundo o grupo de poboación ao que pertencen. Estes grupos son os seguintes: poboación que só percibe salario, poboación que percibe salario e pensión, poboación que percibe salario e prestación por desemprego e poboación que percibe salario, pensión e prestación por desemprego. Para cada un destes grupos pode calcularse o salario medio anual.↩︎