Estudo de salarios / Salarios desde o punto de vista do perceptor / Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade

Salarios desde o punto de vista do perceptor: Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade

ÍNDICE


Salario bruto segundo o sexo

No ano 2018, o salario bruto anual medio en Galicia foi de 24.826,91 euros para os homes e de 19.543,17 euros para as mulleres, polo que o salario destas últimas representa o 78,72% do salario dos homes. No ano 2014 o salario feminino representaba o 79,08% do masculino, polo que no período 2014-2018 aumentan lixeiramente as diferenzas salariais entre homes e mulleres.

Salario bruto anual segundo o sexo. España e Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Espazo Total Homes Mulleres
España 24.009,12 26.738,19 21.011,89
Galicia 22.244,59 24.826,91 19.543,17

   

A densidade do salario bruto anual das mulleres atópase á esquerda da dos homes en todos os niveis salariais. No extremo inferior pódese observar que o 50% das mulleres percibíu non máis de 16.146,14 euros no ano 2018, namentres que a porcentaxe de homes que percibiu menos desa cantidade non acada o 25%.

Percentís do salario bruto anual segundo o sexo. Galicia
Unidade: Euros
Percentil Total Homes Mulleres
2014
· Percentil 10 7.736,9 10.505,8 6.312,8
· Percentil 25 12.629,7 15.213,7 10.547,4
· Percentil 50 17.379,5 19.060,1 15.131
· Percentil 75 24.364,2 26.779,3 22.151,8
· Percentil 90 35.829,7 38.893,9 32.264,9
2018
· Percentil 10 8.568,76 11.897,76 7.178,45
· Percentil 25 13.679,88 16.227,76 11.565,45
· Percentil 50 18.600,00 20.357,74 16.146,14
· Percentil 75 26.946,82 28.737,16 24.653,09
· Percentil 90 37.884,89 40.371,50 35.009,19

   


O salario mediano das mulleres no ano 2018 foi 16.146,14 euros, un 17,38% inferior ao seu salario medio, o que indica unha concentración dos salarios por debaixo da media xa que máis do 50% das mulleres perciben un salario inferior ao salario medio.

Nos homes, o salario mediano no ano 2018 foi 20.357,74 euros, un 18,00% inferior ao seu salario medio, o que indica o mesmo comportamento que no caso das mulleres.

Para comparar os salarios como “prezo da man de obra” é necesario empregar a ganancia por hora, que elimina o efecto producido polas diferenzas salariais segundo o tipo de xornada, a tempo completo ou a tempo parcial. Como se observa no apartado O mercado de traballo en Galicia. Asalariados segundo tipo de xornada e contrato, as mulleres teñen unha taxa de parcialidade superior á dos homes.

Na análise da ganancia media por hora por sexo confírmase o xa observado, maiores salarios dos homes en todos os espazos xeográficos considerados. Non obstante, a ganancia por hora mitiga algo as diferenzas entre homes e mulleres. E así, en Galicia no ano 2018, a ganancia por hora das mulleres representa o 88,93% da ganancia por hora dos homes, mentres que, en termos de salario bruto anual, esta porcentaxe non acada o 80%.

Ganancia por hora segundo o sexo. España e Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Espazo Total Homes Mulleres
España 11,95 12,53 11,24
Galicia 10,97 11,56 10,28

   

Salario bruto segundo o grupo de idade

Os salarios están relacionados de forma positiva coa idade dos traballadores, grazas aos complementos de antigüidade e a que os traballadores van mellorando as súas condicións económicas na empresa co paso do tempo. En Galicia, no ano 2018, o salario bruto anual dos traballadores de 55 e máis anos foi un 119,61% superior ao dos asalariados menores de 25 anos; no caso de España, esta porcentaxe acada o 118,64%.

No ano 2018, o salario bruto anual en Galicia é inferior ao de España en todos os grupos de idade considerados. O grupo de idade que menos diferenzas presenta (en euros) é o de menores de 25 anos (diferenza de 1.035,76euros), onde o salario bruto anual en Galicia é o 91,66% do de España para ese grupo de idade. Pola contra, o grupo de idade onde os salarios son máis diferentes é o grupo de 35-44 anos (diferenza de 2.988,44 euros), no que o salario de Galicia é o 87,74% do de España.

Salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia e España. Ano 2018
Unidade: Euros
Idade España Galicia
Total 24.009,12 22.244,59
Menor de 25 12.417,98 11.382,22
25-34 19.350,14 18.009,29
35-44 24.380,69 21.392,25
45-54 26.416,99 25.172,24
55 e máis 27.150,93 24.995,96

   

No gráfico das densidades pódese observar que os salarios dos traballadores están máis concentrados en torno ao pico da curva (valor modal) nos dous grupos de idade inferiores que no grupo de idade de 55 e máis anos, onde os salarios presentan unha maior dispersión.

O salario mediano dos menores de 35 anos no ano 2018 foi 15.907 euros, un 6,76% inferior ao seu salario medio, o que significa que existe un maior número de asalariados menores de 35 anos percibindo salarios máis baixos. No caso dos traballadores de 35 a 55 anos e de 55 e máis anos, o salario mediano destes grupos de idade no ano 2018 é un 16,61% e un 20,46% inferior ao salario medio deses grupos.

Percentís do salario bruto anual segundo o grupo de idade. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Percentil Menor de 35 anos 35-55 anos 55 anos e máis
Percentil 10 7.095,10 9.478,58 8.209,28
Percentil 25 11.111,93 14.294,43 14.736,70
Percentil 50 15.907,00 19.266,28 19.882,16
Percentil 75 20.832,61 28.273,64 30.710,15
Percentil 90 28.123,48 38.481,40 46.405,29

   


A ganancia por hora, coma o salario bruto anual, está relacionada de forma positiva coa idade dos traballadores: a maior idade, maior ganancia por hora. Así, en Galicia no ano 2018, os traballadores maiores de 55 anos teñen unha ganancia por hora un 64,78% superior á ganancia por hora dos traballadores menores de 25 anos. Esta porcentaxe é inferior á que se obtivo cos salarios brutos anuais (119,61%) debido, entre outras cousas, a que os traballadores máis novos teñen unha maior taxa de parcialidade, como se reflicte no apartado O mercado de traballo en Galicia. Asalariados segundo tipo de xornada e contrato.

Ganancia por hora segundo os grupos de idade.
Galicia e España. Ano 2018

Unidade: Euros
Idade España Galicia
Total 11,95 10,97
Menor de 25 7,91 7,44
25-34 9,99 9,32
35-44 11,88 10,51
45-54 12,80 11,95
55 e máis 13,59 12,26

   

Salario bruto segundo o sexo e o grupo de idade

Os salarios dos galegos son superiores aos das galegas en todos os grupos de idade considerados (para o grupo de mulleres menores de 25 anos non se puido obter unha estimación fiable, por ter menos de 100 observacións na mostra), tal e como reflicten os datos dos salarios brutos anuais para o ano 2018.

Salario bruto anual segundo o sexo e o grupo de idade. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Idade Total Homes Mulleres
Total 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Menor de 25 11.382,22 12.984,01 ..
25-34 18.009,29 19.540,57 16.263,80
35-44 21.392,25 23.614,12 19.194,72
45-54 25.172,24 28.820,66 21.584,92
55 e máis 24.995,96 28.090,72 21.454,64

   

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Elaboración propia a partir dos microdatos da Encuesta de Estructura Salarial elaborada polo INE