ÍNDICE


ZDP: Zona densamente poboada; ZIP: Zona intermedia; ZPP: Zona pouco poboada


Renda Dispoñible Bruta (RDB) segundo o grao e subgrao de urbanización

A renda dispoñible bruta e a poboación distribúense de modo desigual polo territorio galego. No 2021, na zona densamente poboada, reside o 35,9% da poboación e concéntrase o 41,6% do total da RDB galega. Pola contra, na ZPP baixa reside o 14,8% da poboación e correspóndelle o 11,6% da RDB.


 

Se atendemos á evolución temporal destas variables dende o comezo da serie, cabe destacar o incremento do peso da ZIP alta na renda dispoñible bruta, en detrimento da ZDP e da ZPP baixa cuxa relevancia diminúe en termos da renda dispoñible.


Saldo de Rendas primarias (SRP) segundo o grao e subgrao de urbanización

A renda primaria defínese como a renda que reciben as unidades residentes en virtude da súa participación directa no proceso de produción e a renda a cobrar polo propietario dun activo financeiro ou dun recurso natural por facilitar fondos ou poñer os recursos naturais a disposición doutra unidade institucional. É dicir, sería a renda que obteñen os fogares antes de que interveña ningún mecanismo de redistribución. Principalmente serían as rendas do traballo asalariado (Remuneración de asalariados) e por conta propia (Rendas mixtas) xunto con outras rendas que reciben os fogares como rendas da terra ou rendas recibidas pola participación en sociedades entre outras.

En 2021, o 19,9% do saldo de rendas primarias de Galicia correspóndese coa zona pouco poboada, sendo esta unha porcentaxe inferior á da RDB desta zona. Pola contra, na zona densamente poboada e na ZIP alta, a porcentaxe do saldo de rendas primarias que lles corresponde é superior á da renda dispoñible bruta.

Distribución da poboación, do saldo de rendas primarias e da renda dispoñible bruta segundo o grao e subgrao de urbanización. Ano 2021
Unidade: porcentaxe (%)
Grao/subgrao de urbanización Poboación Saldo das rendas primarias bruto Renda dispoñible bruta
ZDP 35,9 43,5 41,6
ZIP 37,0 36,8 35,9
     ZIP alta 28,4 29,0 28,0
     ZIP baixa 8,6 7,8 7,9
ZPP 27,1 19,9 22,5
     ZPP alta 7,6 6,8 6,9
     ZPP intermedia 4,7 3,5 4,0
     ZPP baixa 14,8 9,6 11,6


Peso das rendas do traballo sobre a renda dispoñible bruta segundo o grao de urbanización

As principais compoñentes do saldo de rendas primarias son as rendas do traballo: remuneración de asalariados e rendas mixtas.

Se nos fixamos no peso da remuneración de asalariados sobre o total da renda dispoñible bruta segundo o grao de urbanización, podemos ver que o maior valor se atopa na zona densamente poboada, onde supón o 72,4% da renda dispoñible bruta total no ano 2021. Pola contra, na zona pouco poboada, a remuneración de asalariados representa o 56% da renda dispoñible bruta. Na provincia da Coruña é na única onde a relevancia das rendas do traballo asalariado sobre o total da renda dispoñible total é superior na ZIP que na ZDP.

As rendas mixtas supoñen o 17,1% da renda dispoñible bruta en Galicia no ano 2021, sendo máis relevantes na provincia de Lugo onde representan o 18,1%. A nivel de Galicia, o maior peso atopámolo na zona densamente poboada. Porén, se analizamos este dato por provincias atopamos resultados diferentes. Na provincia de Ourense as rendas mixtas teñen un maior peso na renda dispoñible bruta total na ZIP. Na ZPP da provincia de Lugo o 18,6% da renda dispoñible bruta procede das rendas mixtas.

Remuneración de asalariados sobre RDB.
Galicia e provincias. Ano 2021

Unidade: porcentaxe (%)
Espazo Total ZDP ZIP ZPP
Galicia 68,4 72,4 71,5 56,0
A Coruña 70,3 71,2 75,3 60,0
Lugo 63,9 75,0 68,0 51,2
Ourense 60,9 70,6 66,3 47,6
Pontevedra 69,8 73,8 68,7 60,0

 

Rendas mixtas sobre RDB.
Galicia e provincias. Ano 2021

Unidade: porcentaxe (%)
Espazo Total ZDP ZIP ZPP
Galicia 17,1 17,4 16,7 17,1
A Coruña 17,6 18,2 16,3 18,6
Lugo 18,1 18,2 17,3 18,6
Ourense 15,4 16,3 17,1 13,6
Pontevedra 16,5 16,4 17,0 15,5


Peso das rendas do traballo sobre a renda dispoñible bruta segundo o subgrao de urbanización

A análise por subgrao de urbanización do indicador de remuneración de asalariados sobre renda dispoñible bruta amosa como nos últimos anos este indicador toma un valor moi próximo na ZIP alta e na ZDP aínda que nos primeiros anos da serie a remuneración de asalariados tiña un maior peso na ZDP. Así mesmo, os valores para a ZIP baixa e para a ZPP alta tamén converxen nos últimos anos da serie estando ambos os dous moi próximos á media de Galicia. Polo que respecta á ZPP intermedia e a ZPP baixa, aínda que estas dúas zonas son as que presentan un menor peso da remuneración de asalariados sobre a RDB,cómpre resaltar a evolución crecente deste indicador nas dúas zonas dende o ano 2013, a excepción do lixeiro descenso no ano 2020 orixinado pola excepcional situación deste ano.

Ata o ano 2019, a importancia das rendas mixtas na renda dispoñible bruta total é especialmente elevada nas ZPP intermedia e baixa. Esta dúas zonas xunto coa ZIP baixa presentan en todos os anos anteriores ao 2020 valores do peso das rendas mixtas sobre a RDB superiores á media galega. Noutro extremo atópanse as tres subzonas que se correponden con concellos con núcleos urbanos importantes, a ZDP, a ZIP alta e a ZPP alta, nas que o peso das rendas mixtas sobre a RDB é moi similar nas tres zonas e inferior á media galega.

No ano 2021 increméntase o peso das rendas mixtas sobre a RDB en todas as zonas de Galicia excepto a ZPP baixa, aínda que non chega a alcanzar os valores rexistrados no ano 2020.

 

Distribución secundaria da renda segundo o grao e subgrao de urbanización

Para obter a RDB a partir do SRP deben deducirse deste último agregado os impostos correntes sobre a renda e o patrimonio, as cotizacións sociais e as transferencias correntes pagadas e engadirlle as prestacións sociais e outras transferencias correntes recibidas. Na sección anterior vimos que na ZDP e na ZIP a porcentaxe de SRP é superior á da RDB, mentres que na ZPP ocorre o contrario.

No proceso de redistribución da renda, as prestacións sociais (compostas principalmente por pensións e prestacións de desemprego) son unha das partidas máis relevantes. No ano 2021, as prestacións sociais supoñen un 34,5% da renda dispoñible bruta de Galicia, sendo este peso do 38,8% na ZPP. As prestacións sociais son especialmente relevantes na ZPP das provincias de Ourense e Lugo. Estes resultados están moi relacionados coa estrutura por idades da poboación destas zonas, ao ser as pensións de xubilación a principal compoñente das prestacións sociais.

A evolución do peso das prestacións sociais na renda dos fogares é semellante en tódalas zonas e subzonas definidas. Dende o 2010 este indicador incrementouse en tódalas zonas e subzonas, se ben dende o 2014 este peso esta diminuíndo un pouco, ata o ano 2020 no que o indicador experimenta unha notable subida en todas as zonas debido á situación excepcional deste ano. No 2021, o peso das prestacións sociais sobte a RDB diminúe en todas as zonas de Galicia a excepción da ZPP baixa, aínda que rexistra todavía valores superiores aos do ano 2019. Nas subzonas ZPP baixa e intermedia é onde é maior a importancia das prestacións socias. O menor valor atopámolo na ZIP alta, mentres que a ZIP baixa toma valores moi próximos aos da ZPP alta e tamén próximos á media de Galicia.

Prestacións sociais sobre RDB.
Galicia e provincias. Ano 2021

Unidade: porcentaxe (%)
Espazo Total ZDP ZIP ZPP
Galicia 34,5 33,5 33,0 38,8
A Coruña 33,0 32,7 31,3 36,3
Lugo 37,4 32,9 37,8 41,3
Ourense 39,9 36,9 37,9 44,3
Pontevedra 33,9 33,6 33,3 36,7

 

Ratio de cotizacións sociais sobre prestacións sociais

A relación entre cotizacións sociais e prestacións sociais indícanos en que medida as prestacións cobradas nun determinado territorio estarían cubertas polas cotizacións sociais pagadas polos fogares de dito territorio. A nivel de toda Galicia, no 2021, as cotizacións sociais pagadas cobren o 62,9% das prestacións sociais que reciben os galegos. A ratio cotizacións sociais sobre prestacións sociais toma no ano 2021 os valores máis elevados na ZIP da provincia da Coruña. Tanto en Galicia como a nivel provincial, o indicador toma o menor valor na zona menos poboada (ZPP), sendo especialmente baixo este valor na ZPP da provincia de Ourense.

Na primeira metade da serie dispoñible a ratio de cotizacións sociais sobre prestacións sociais diminúe en tódalas zonas para estabilizarse nos anos posteriores a 2014, ata o ano 2020 no que presenta unha notable caída en todas as zonas cunha posterior subida no ano 2021 recuperando en parte o valor do indicador no ano 2019. Destaca a ZIP alta como a subzona onde as cotizacións sociais pagadas cobren unha maior porcentaxe das prestacións sociais recibidas.

Ratio de cotizacións sociais sobre prestacións sociais. Galicia e provincias. Ano 2021
Unidade: porcentaxe (%)
Espazo Total ZDP ZIP ZPP
Galicia 62,9 65,8 69,1 49,5
A Coruña 66,6 65,6 75,1 55,7
Lugo 55,8 69,5 58,4 44,3
Ourense 49,6 59,1 57,9 37,3
Pontevedra 65,5 67,3 67,1 55,7

 

Renda dispoñible bruta por habitante segundo o grao e subgrao de urbanización

A renda dispoñible bruta por habitante aumenta xunto co grao de urbanización, seguindo o mesmo patrón en todas as provincias. En todas as zonas, na ZDP, na ZIP e na ZPP, a renda dispoñible bruta por habitante da provincia da Coruña é superior ás correspondentes das outras provincias.

 

Dende o inicio da serie, a ZDP é a zona onde se acada a renda dispoñible bruta por habitante máis elevada e a única que é superior á media de Galicia. Porén, nos últimos anos a renda por habitante da ZIP alta estáse incrementando máis do que o fai a media galega e, no ano 2021, acada o valor de 15.996 euros, só 233 euros por debaixo da media galega.

Nota Para os anos anteriores a 2020, a poboación do ano t obtívose como o promedio da poboación a 1 de xaneiro dos anos t e (t+1). A partir de 2020 emprégase a poboación a 1 de xullo publicada nas Cifras poboacionais de referencia.

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos:

Fontes de información:

IGE. Elaboración propia a partir de: IGE. Renda municipal do sector fogares

Os datos do ano 2021 son provisionais.