ÍNDICE


Introdución

O “Marco Input-Output” é unha operación estatística recollida no Programa estatístico anual cuxo obxectivo é describir o proceso produtivo e os fluxos de bens e servizos da economía de Galicia. A edición de 2021 senta as bases da Revisión Estatística 2024 (RE24), revisión extraordinaria regular, introducida desde novembro de 2024 nas estatísticas do Sistema de Contas Económicas de Galicia.

As táboas incluídas nesta publicación teñen unha dobre vertente. Por unha banda constitúen unha ferramenta estatística, é dicir, proporcionan información sobre o funcionamento da economía galega durante o ano 2021, amosan e cuantifican as interrelacións entre as unidades que configuran as ramas de actividade, e entre estas e os consumidores, empresas, administracións públicas e outras economías. Por outra banda achegan aos usuarios unha ferramenta analítica na que se asenta a análise Input-Output con aplicacións recoñecidas no cálculo dos efectos indirectos, clasificación dos sectores produtivos, etc. Difúndense as táboas de orixe e destino cunha estrutura de 72 ramas e 113 produtos, e a Matriz simétrica cunha desagregación de 71 ramas homoxéneas.

Nota: neste resumo de resultados, por razóns operativas, agruparemos as ramas e os productos en cinco categorías (sector primario, minería e enerxía, industria manufactureira, construción e servizos). Poden consultarse as correspondencias nas seguintes táboas: Táboa de correspondencias de ramas, Táboa de correspondencias de produtos.


Conta de bens e servizos da economía

As táboas de orixe e destino incluídas nun marco input-output son unha desagregación por produtos da conta de bens e servizos da economía, isto é, permiten coñecer a orixe e destino de todos os produtos (bens e servizos) da economía. Presenta os recursos (produción e importacións) e os empregos (consumos intermedios, consumo final, formación bruta de capital e exportacións).

A produción supón o 79,5% da oferta de bens e servizos a prezos básicos existente na economía galega. O 20,5% restante son importacións que, segundo procedencia, distribúense do seguinte xeito: 7,7% proceden do resto de España, 6,7% do resto de países da Unión Europea (UE-27) e un 6,1% do resto do mundo.

Os consumos intermedios, aqueles bens e servizos utilizados nos procesos de produción da economía, representan o 42,4% dos empregos totais. O gasto en consumo final (inclúe os fogares, as administracións públicas e as institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares) é o 30,1% dos empregos; a formación bruta de capital o 6,5% e as exportacións representan o 21,0% restante.

Composición da oferta a prezos básicos
Unidade: Miles de €
Magnitude Valor
Produción 128.393.882
Importacións 33.129.167
   • Importacións do resto de España 12.451.240
   • Importacións do resto da UE-27 10.859.462
   • Importacións do resto do mundo 9.818.465
Total oferta a prezos básicos 161.523.049
Fonte: IGE. Marco Input-Output de Galicia. Ano 2021 (Descarga da táboa)

 

Composición da demanda a prezos básicos
Unidade: Miles de €
Magnitude Valor (miles de €)
Demanda intermedia 68.409.541
Gasto en consumo final 48.622.984
Formación bruta de capital 10.572.087
Exportacións 33.918.437
   • Exportacións ó resto de España 14.465.968
   • Exportacións ó resto da UE-27 12.482.044
   • Exportacións ó resto do mundo 6.970.425
Total demanda a prezos básicos 161.523.049
Fonte: IGE. Marco Input-Output de Galicia. Ano 2021 (Descarga da táboa)

 

A oferta-demanda por grupos de produtos

Neste bloque analizamos o equilibrio entre oferta e demanda por cada grupo de produtos. A oferta (ou recursos) a prezos básicos está formada pola produción interior e as importacións (adquisicións de ben e servizos procedentes doutras economías). Nos gráficos que acompañan esta sección inclúense os sectores produtores de cada grupo de produto e a orixe xeográfica das importacións.

A demanda (ou empregos) a prezos básicos está formado pola demanda intermedia, o gasto en consumo final, a formación bruta de capital e as exportacións. A demanda intermedia é a adquisición de bens e servizos para integrar nos procesos produtivos dos sectores económicos galegos. Nos gráficos desta sección distinguimos que sectores demandan cada tipo de produto, e en que medida esta demanda procede da produción interior ou das importacións. Tamén se inclúe a oferta cuxo destino é o gasto en consumo final, formación bruta de capital ou exportación.

Produtos do sector primario

O 81,5% da oferta de produtos do sector primario ten orixe na produción interior. O restante 18,5% procede das importacións. No que respecta aos destinos, máis da metade (53,7%) destes produtos teñen como destino ser consumos intermedios doutras ramas na economía, especialmente da industria manufactureira galega. O 17,8% ten como destino o gasto en consumo final e un 24,1% a exportación, sendo máis elevadas as exportacións ao resto de España. Finalmente, a formación bruta de capital (que inclúe tanto o investimento como a variación de existencias) é o destino final do 4,3% destes produtos.

Produtos mineiros e enerxéticos

O 69,8% da oferta procede da produción das unidades institucionais galegas mentres o 30,2% restante procede doutras economías (son especialmente relevantes as importacións de países non pertencentes á UE-27). A demanda intermedia é o principal destino deste grupo de produtos. No caso dos produtos importados o destino principal son as ramas industriais (por exemplo o cru de petróleo consumido pola refinería estaría aquí incluído). Tamén é relevante o consumo que as propias ramas da minería e enerxía fan de produtos mineiros e enerxéticos.

As exportacións (electricidade e gas, fundamentalmente) representan o 11% do total dos destinos e o destino fundamental é o resto de España. O gasto en consumo final representa un 17,2% dos destinos. Deste gasto a meirande parte é de orixe interior.

Produtos industriais

A produción interior achega o 60,8% da oferta total deste grupo de produtos, e a importación un 39,2%. O destino da oferta total de produtos industriais concéntranse na demanda intermedia (43,5%) e nas exportacións (40,3%), porén, dependendo de se a oferta é interior ou importada os destinos difiren. No caso dos produtos industriais importados, predominan os inputs utilizados polo propio sector industrial. No caso da produción, o principal destino está na exportación.

No que respecta aos usos como gasto en consumo final ou en formación bruta de capital predomina o produto importado.

Produtos da construción

Nos produtos da construción non existen importacións nin exportacións. A oferta é integramente produción interior e o destino principal é a formación bruta de capital (56,3%), seguido da demanda intermedia (38,5%). Neste caso a propia construción é a principal consumidora.

O 5,2% restante son os gastos en consumo final.

Servizos

A produción de servizos con orixe galega representa o 93,8% da oferta total deste tipo de produtos. O 6,2% restante son importacións.

O principal destino da oferta é o gasto en consumo final (o 51,2% do total). A demanda intermedia (os servizos como inputs das ramas de actividade galegas) representa o 36,8% dos destinos, e teñen presenza en todos os sectores económicos da economía galega.

Completan os destinos as exportacións (8,4% do total de recursos) e a formación bruta de capital (3,7% restante).

Composición da oferta a prezos básicos

Neste bloque analízanse as compoñentes da produción e das importacións por produtos e grupos de produtos.

Produción

Os servizos copan o 54,6% da produción total da economía galega. Destaca a presenza dos Servizos inmobiliarios, o comercio polo xunto, os servizos de administración pública xeral ou o comercio polo miúdo. Entre estes catro produtos do marco input-output achegan o 19,3% da produción total na economía galega.

Outros servizos destacados son os servizos de non mercado, amais dos incluidos nos xa mencionados servizos da administración pública xeral, os mais sobranceiros son os de educación e sanidade de non mercado, que achegan entre os dous o 5,1% do total da produción galega.

Os produtos industriais achegan o 29,3% da produción total galega. O principal é os vehículos de motor (P29A), cuxa produción representa o 4,6% da produción en Galicia. Outros produtos industriais destacados son os produtos metálicos (P25), a fabricación de conservas (P10B2), as compoñentes de vehículos de automoción (P29B) e o refino de petróleo (P19).

A construción representa o 6,3% da produción total, e os produtos mineiros e enerxéticos achegan un 5,3%. A electricidade (P35A) é o principal nesta agrupación, cunha achega do 3,1%.

Os produtos primarios representan o 4,4% do total. Nesta agrupación destacan os produtos gandeiros (P01B) (1,9% do total), seguido dos produtos agrícolas (P01A) (1,2%), os produtos e servizos forestais (P02) (0,7%), produtos da pesca (P03A) (0,3%) e produtos de acuicultura (P03B) (0,2%).

Importacións

Os produtos industriais representan o 73,1% das importacións totais. As compoñentes de vehículos (P29B) son o principal produto importado. Tras eles, dentro das importacións de produtos industriais manufactureiros, destacan as doutros produtos da metalurxia e produtos metálicos (P24B), os produtos farmacéuticos (P21) e os conxelados de pescado (P10B1). Estes catro produtos representan un 23,8% das importacións galegas totais.

A importación de servizos achega o 14,0% das importacións totais. Os principais servizos importados son os servizos de publicidade (P73) e os servizos informáticos (P62_63). Entre ambos os dous representan o 4% das importacións totais de Galicia. Por outra parte, o grupo formado polas telecomunicacións (P61), o transporte terrestre de mercadorías (P49B), os servicios xurídicos e contables (P69_70) e os servizos anexos ao transporte (P52) representan o 4,3% das importacións totais de Galicia.

Os produtos mineiros e enerxéticos, cunha importación de máis de 2.964,7 millóns de euros representan o 9,0% das importacións galegas. O principal produto importado é o petróleo cru e gas natural (P06) cuxas importacións no ano 2021 representan un 6,8% das importacións totais.

Composición da demanda a prezos de adquisición

Neste bloque analízanse a composición por produtos, ou grupo de produtos, de cada un dos compoñentes de demanda.

Demanda intermedia

Os produtos industriais son os principais produtos utilizados na demanda intermedia, é dicir, nos procesos de produción doutros bens e servizos na economía galega. Representan o 44,8% da demanda intermedia a prezos de adquisición. O principal produto utilizado como insumo na economía galega son as carrozarías e partes e pezas de vehículos de motor (P29B) que representan o 6,6% dos consumos intermedios totais. Séguenlle, en orde de importancia cuantitativa, e dentro dos produtos industriais, os outros produtos da metalurxia (P24B), os produtos metálicos (P25), o refino de petróleo (P19) e os conxelados de pescado (P10B1).

Os servizos representan o 34,2% dos consumos intermedios totais da economía. Dentro dos principais servizos utilizados nos procesos produtivos da economía galega destacan os anexos ao transporte (P52), transporte terrestre de mercadorías (P49B), os servizos inmobiliarios (P68) (na demanda interna inclúen os alugueres que pagan as unidades cuxa principal función é a produción); os servizos xurídicos e contables (P69_70); os servizos de seguridade e limpeza para empresas (P80_82) e os servizos financeiros (P64). Todos eles achegan o 18,5% dos consumos intermedios totais da economía galega.

Os produtos mineiros e enerxéticos representan o 10,1% da demanda intermedia da economía. Dentro deles destacan os de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica (P35A) e o petróleo cru e gas natural (P06). Entre ambos representan o 6,7% dos consumos intermedios totais da economía galega.

Os produtos primarios e a construción achegan o 6,3% e 4,5% respectivamente da demanda intermedia galega. Dentro dos primarios, os produtos agrícolas (P01A) e os produtos gandeiros (P01B) teñen unha presenza similar na demanda intermedia (2,4% e 2,3% respectivamente).

Formación bruta de capital

A formación bruta de capital comprende a formación bruta de capital fixo e a variación de existencias.

O 43,3% da formación bruta de capital realizado en 2021 na economía galega foi en produtos da construción. Séguelle en orde de relevancia cuantitativa os produtos industriais (32,6% do total), e dentro destes o investimento en maquinaria (P28), vehículos de motor (P29A) e produtos informáticos, electrónicos e ópticos (P26) achegan o 16,1 % do investimento total no ano 2021 .

Dentro dos servizos, que representan o 21,4% do total, os servizos de programación informática e información (P62_63) e os servizos de I+D (P72) destacan sobre o resto. Outros servizos significativos na formación bruta de capital son os servizos de arquitectura (P71) e os servizos inmobiliarios (P68), vinculados ao investimento en obras de construción.

O investimento en produtos primarios, mineiros e enerxéticos é pouco relevante cuantitativamente pola natureza dos produtos que inclúe.

Gasto en consumo final

O gasto en consumo final en servizos representa case dous terzos (64,2%) do gasto total de fogares, administracións públicas e institucións sen fin de lucro ao servizo dos fogares. Os servizos inmobiliarios (P68), os servizos de administración xeral (P84) e os servizos de comida e bebida (P56) achegan o 28,4% do gasto en consumo final. Cómpre ter en conta que nas cifras do gasto en consumo final están incluídos os gastos dos non residentes no territorio económico galego e que dentro dos servizos inmobiliarios rexístrase o consumo dos servizos de aluguer imputado das vivendas en propiedade nas que residen os seus propietarios.

Outros servizos cunha elevada presenza son aqueles relacionados co papel das administracións públicas na economía. Así, amais do gasto colectivo dos servizos de administración pública (P84), temos o gasto individual en sanidade e educación de non mercado (P86NM e P85NM respectivamente). A suma dos tres representa o 21,4% do gasto en consumo total.

Os gastos en produtos industriais representan o 27,7% do consumo total. Destacan os produtos farmacéuticos (P21), que achegan o 3,4% do gasto total e o refino de petróleo (P19), que achega o 3% do gasto total. Outros produtos alimenticios (P10E4) e as prendas de vestir (P14) son tamén produtos industriais cun elevado peso no gasto en consumo final (4,9).

Exportacións

A demanda externa está formada polas exportacións de bens e servizos producidos na economía galega cuxo destino está no resto de España, resto da Unión Europea ou en terceiros países. No Marco Input-Output non se rexistran reexportacións, isto é, exportacións de produtos importados (ver metodoloxía)

O 78,8% das exportacións galegas proceden da produción industrial. Dentro destas, destacan as exportacións de vehículos de motor (P29A), que representan o 17,5% das exportacións totais da economía galega en 2021. As conservas de pescado (P10B2) representan o 7,1% das exportacións totais, e outros produtos industriais cun peso elevado nas exportacións son as prendas de vestir (P14), o aluminio (P24A), os produtos metálicos (P25), as compoñentes de vehículos (P29B) e o refino de petróleo (P19).

A exportación de servizos representa o 12,7% das exportacións totais. Os principais servizos os anexos ao transporte (P52) que inclúen, entre outros, os servizos loxísticos. Tamén é relevante a exportación de servizos de transporte terrestre de mercadorías (P49B), os de telecomunicacións (P61) e os servizos xurídicos, contables e de sedes centrais (P69_70).

Na exportación de produtos primarios (cun peso no total do 5,3%) destacan as exportacións de produtos gandeiros (P01B) seguidos, a certa distancia, polos produtos e servizos forestais (P02) e produtos agrícolas (P01A).

Os produtos mineiros e enerxéticos achegan o 3,3% das exportacións totais. Neste grupo, destacan as exportacións de enerxía eléctrica (P35A) que representa o 1,7% da exportacións de Galicia en 2021.

Matriz simétrica

A difusión da “Marco Input-Output de Galicia” inclúe a matriz simétrica, ferramenta analítica na que se asenta a análise Input-Output con numerosas aplicacións no cálculo dos efectos directos, indirectos e inducidos dunha política económica, a clasificación dos sectores produtivos, a identificación de complexos produtivos, etc. O IGE difunde a matriz simétrica xunto coas matrices de coeficientes técnicos, inversa de Leontief, coeficientes de distribución, inversa de Ghosh e os coeficientes do traballo. O obxectivo é facilitar aos usuarios a utilización desta ferramenta para a análise da economía galega.


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos