ÍNDICE


Introdución

A Mostra continua de vidas laborais (MCVL) é un conxunto de microdatos anonimizados procedentes de diversos rexistros administrativos: da Seguridade Social, do Padrón municipal de habitantes e da Axencia Tributaria. A MCVL constitúe unha mostra representativa de todas as persoas que durante o ano tiveron relación coa Seguridade Social, ben porque estiveron afiliadas en situación de alta laboral, ben porque percibiron unha prestación contributiva ou subsidio por desemprego, ou ben porque percibiron algún tipo de pensión contributiva da Seguridade Social.

Na MCVL non só se inclúe información do ano en curso, senón que incorpora toda a información que figure nas bases de datos da Seguridade Social (dende que estas foron creadas, en torno ao ano 1960), de cada unha das persoas integrantes da mostra. Polo tanto, a MCVL pode ser considerada un conxunto de datos de carácter retrospectivo. Ademais, o método empregado na extracción desta (consultar a metodoloxía), garantiza que todas as persoas que foron seleccionadas para formar parte da MCVL no momento da súa primeira extracción (o ano 2004), continúen formando parte desta aínda que se interrompa a súa relación coa Seguridade Social nalgún momento dado. Isto converte á MCVL nunha base de datos tipo panel sobre o mercado laboral español e, con elo, nunha fonte de información idónea para realizar análises lonxitudinais sobre este.

No Instituto Galego de Estatística (IGE) explotamos a información desta fonte estatística con carácter transversal dende o ano 2011. No ano 2022 e tomando como fonte de información a edición de 2018 da MCVL, comezamos a explotala dende unha óptica lonxitudinal; neste resumo preséntanse os resultados máis relevantes desta explotación.

Como se comentou no parágrafo anterior, os indicadores foron calculados tendo en conta a vida laboral das persoas que figuran na MCVL da edición de 2018 con residencia en Galicia; polo tanto, no seu cálculo empregouse información ata o 31/12/2018. O grupo poboacional estudado restrinxiuse, ademais, ás persoas nacidas con anterioridade ao ano 2000. Este grupo dividiuse en varias particións tendo en conta, por un lado, a idade que tiña en 2018 e, por outro lado, o ano de nacemento. O obxectivo é analizar como cambiou a inserción no mercado laboral e as características do emprego e do desemprego, en función do momento no que a persoa inicie a súa andaina laboral.


Primeiro emprego (cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social)

Na seguinte táboa amósanse unha serie de indicadores relativos ao primeiro episodio de cotización en alta laboral á Seguridade Social (que na meirande parte dos casos coincidirá co primeiro emprego) da poboación residente en Galicia en 2018 e nacida con anterioridade ao ano 2000. Agrupouse á poboación en tres grupos en función da súa idade na data de referencia: as persoas que teñen 50 ou máis anos en 2018 (cohorte 1); as persoas que cumpriron entre 35 e 49 anos no 2018 (cohorte 2); e a cohorte 3, integrada polas persoas de menor idade, con menos de 35 anos na data de referencia.

Os galegos e as galegas ingresamos ao mercado laboral a unha idade media de 22,9 anos. Este valor diminuíu dende 1960 en Galicia: as persoas de menor idade comezan a traballar hoxe antes do que o fixeron os seus pais e nais e os seus avós e avoas. A idade media á que comezou a traballar a poboación que ten menos de 35 anos en 2018 sitúase nos 20,8 anos, sobe a 22,5 para os que teñen entre 35 e 49 anos e acada os 24,9 para a cohorte de maior idade. Estas diferenzas por grupos están relacionadas coa tardía e progresiva incorporación da muller ao mercado laboral. Cando se representa a variable idade de acceso ao primeiro emprego de forma separada para homes e mulleres (gráficos de abaixo), a distribución da poboación feminina pertencente á cohorte 1 (a de maior idade) está moito menos concentrada que a relativa ao sexo masculino e que as correspondentes ás cohortes femininas 2 e 3.


Indicadores relativos ao primeiro emprego da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo a idade en 2018. Galicia
Unidade: porcentaxe, anos
Indicador Total cohortes Cohorte 1:
de 50 ou máis anos
Cohorte 2:
de 35 a 49 anos
Cohorte 3:
menores de 35 anos
Idade media de incorporación ao mercado laboral (anos) 22,9 24,9 22,5 20,8
Duración media do primeiro episodio de cotización (anos) 2,8 5,0 2,1 0,9
Duración mediana do primeiro episodio de cotización (anos) 0,5 1,0 0,5 0,2

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social (descarga da táboa)
Nota: a información refírese ao primeiro episodio de cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social; non se inclúe información de persoas que iniciaron a súa vida laboral en sistemas de previsión distintos ao da Seguridade Social nin de persoas que non cotizaron a ningún sistema.


A duración media do primeiro episodio laboral da poboación galega sitúase nos 2,8 anos. Este valor diminuíu nas últimas décadas: cando as persoas nacidas antes de 1969 (teñen, polo tanto, 50 ou máis anos en 2018) entraron a formar parte do mercado laboral, o seu primeiro contrato duraba uns 5 anos de media; para os nacidos e as nacidas entre 1969 e 1983 (teñen entre 35 e 49 anos en 2018), esta duración baixara aos 2,1 anos; e para as persoas que cumpriron menos de 35 anos na data de referencia, recén chegadas ao mercado laboral, o seu primeiro episodio durou menos de 1 ano (0,9 anos, isto é, aproximadamente 11 meses).


Se no canto de analizar a duración media se emprega o valor mediano (o que queda no centro da distribución se se ordena a toda a poboación estudada en función da duración do seu primeiro emprego, de menor a maior duración), as diferenzas entre cohortes non son tan acusadas. Isto é debido a que hai moita variabilidade nesta variable entre persoas, incluso dentro de cada grupo de idade. Así, para o 50% da poboación de Galicia o seu primeiro emprego non superou os 6 meses de duración (0,5 anos).


Distribución da idade á que se accede ao mercado laboral da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo a idade en 2018. Homes. Galicia

Unidade: densidade

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social

Nota: a información refírese ao primeiro episodio de cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social; non se inclúe información de persoas que iniciaron a súa vida laboral en sistemas de previsión distintos ao da Seguridade Social nin de persoas que non cotizaron a ningún sistema.

   

Distribución da idade á que se accede ao mercado laboral da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo a idade en 2018. Mulleres. Galicia

Unidade: densidade

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social

Nota: a información refírese ao primeiro episodio de cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social; non se inclúe información de persoas que iniciaron a súa vida laboral en sistemas de previsión distintos ao da Seguridade Social nin de persoas que non cotizaron a ningún sistema.


Os indicadores calculados para o primeiro episodio de cotización da poboación galega tamén se poden particularizar segundo o grupo de cotización ou o sector de actividade. A agricultura e a pesca son as que rexistran a idade media máis elevada de acceso ao emprego, con 28,7 anos de media, fronte aos 22,1 anos na construción, onde a poboación comeza a cotizar 6,6 anos antes. Por cohortes de idade tamén se observan diferenzas pero a idade media de acceso ao mercado laboral está diminuíndo en todos os sectores; así, as persoas con 50 ou máis anos en 2018 cuxo primeiro emprego foi no sector primario accedían ao mercado laboral aos 34,5 anos de media; entre a poboación menor de 35 anos na data de referencia, cuxa inserción laboral se produciu no sector primario, a idade media de acceso baixara aos 20,8 anos de media.


Aínda que se acceda tardiamente, a duración deste primeiro episodio de emprego acada o seu valor máis elevado na agricultura e na pesca, cun valor de 9,8 anos, e o valor máis baixo no sector da construción, onde as persoas cotizan uns 2,6 anos de media cando se trata da súa primeira experiencia laboral. Con todo, como se observa no gráfico de abaixo, estas diferenzas na duración media do primeiro episodio laboral entre sectores e incluso entre cohortes de nacemento está diminuíndo.


Duración media do primeiro emprego da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo o sector de actividade e o ano de nacemento. Galicia

Unidade: anos

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social (descarga da táboa)

Nota: a información refírese ao primeiro episodio de cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social; non se inclúe información de persoas que iniciaron a súa vida laboral en sistemas de previsión distintos ao da Seguridade Social nin de persoas que non cotizaron a ningún sistema.


Primeiro episodio de desemprego (percepción dunha prestación/ subsidio contributivo por desemprego)

A base de datos lonxitudinal construída a partir da MCVL. Edición 2018 tamén permite analizar as características dos episodios nos que se está a percibir unha prestación ou subsidio contributivo por desemprego. A poboación de Galicia tarda uns 6,3 anos de media en experimentar o seu primeiro episodio de desemprego dende que comeza a traballar. Este indicador diminuíu co paso dos anos, de xeito que na actualidade a falta de emprego se experimenta antes que en décadas previas: unha persoa que comezase a súa andaina profesional nos anos 60 (tiña en 2018 50 ou máis anos) tardaba 8 anos de media en experimentar o paro por vez primeira; nos setenta e primeira metade dos oitenta (poboación con entre 35 e 49 anos en 2018), este valor baixara a 5,8 anos; a poboación que ingresa ao mercado laboral a partir de 1985 (ten menos de 35 anos en 2018) experimenta a súa primeira situación de desemprego 4,5 anos despois de comezar a traballar.


En consonancia co anterior, a idade á que os galegos e as galegas experimentan o primeiro episodio de desemprego está diminuíndo; de media, éntrase no paro por vez primeira aos 28,1 anos pero este valor é inferior na cohorte de menor idade (as persoas que cumpren menos de 35 anos en 2018, que caen no paro en torno aos 24,3 anos) e maior que a media, pola contra, para a cohorte de maior idade (31,1 anos para o grupo poboacional de 50 ou máis idade). A duración deste primeiro episodio de desemprego non superou, de media, os 6 meses (0,5 anos) e foi lixeiramente superior para a cohorte 1 que no caso das cohortes 2 e 3.


Indicadores relativos ao primeiro episodio de desemprego da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo a idade en 2018. Galicia
Unidade: porcentaxe, anos
Indicador Total cohortes Cohorte 1:
de 50 ou máis anos
Cohorte 2:
de 35 a 49 anos
Cohorte 3:
menores de 35 anos
Idade media á que se experimenta o primeiro episodio de desemprego (anos) 28,1 31,1 27,4 24,3
Duración media do primeiro episodio de desemprego (anos) 0,5 0,6 0,5 0,4
Tempo medio transcorrido ata experimentar o primeiro episodio de desemprego (anos) 6,3 8,0 5,8 4,5

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social (descarga da táboa)
Nota: a información refírese ao primeiro episodio de percepción dunha prestación/subsidio contributivo por desemprego; non se inclúe información de persoas que, aínda estando en paro, non percibiron ningún tipo de prestación/subsidio contributivo. O indicador “tempo medio ata experimentar o primeiro episodio de desemprego” calculouse tomando como data de inicio o acceso da persoa ao mercado laboral e como data de fin o momento no que percibe por vez primeira unha prestación/subsidio contributivo por desemprego.


Toda a vida laboral (cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social)

A análise non ten por que restrinxirse unicamente ao primeiro episodio de cotización (ben en alta laboral, ben en situación de desemprego) da poboación residente en Galicia no 2018; a base de datos construída a partir da MCVL permite analizar toda a vida laboral das persoas presentes na mostra. Na táboa de abaixo preséntanse algúns indicadores obtidos ao considerar toda a vida laboral da poboación estudada.


Os galegos e as galegas experimentan unha media de 14,4 episodios continuados1 de emprego ao longo da súa carreira profesional. Neste indicador, a comparación por cohortes hai que realizala con coidado, posto que as persoas de maior idade están preto de rematar a súa vida laboral, mentres que as máis novas acaban de iniciala: é lóxico que a cohorte 1 (persoas de 50 e máis anos) experimentara ao longo da súa dilatada carreira un maior número medio de episodios laborais que a cohorte 3 (14,1 fronte a 11,3). Agora ben, son as persoas pertencentes á cohorte intermedia, que cumpriron entre 35 e 49 anos na data de referencia (ano 2018), as que rexistran o valor máis elevado neste indicador (16,4 episodios de emprego).


A duración media dos episodios de emprego é maior no grupo de poboación de maior idade: nesta cohorte (persoas de 50 ou máis idade en 2018) os seus episodios laborais duran, de media, uns 7,2 anos, fronte aos 3,4 anos para a cohorte 2 (persoas de entre 35 e 49 anos) e os 1,2 anos para a cohorte 3 (poboación menor de 35 anos en 2018). Pero neste caso a comparación tamén debe realizarse con coidado posto que neste último grupo a súa vida laboral está comezando: trátase dos primeiros contratos deste grupo que, moitas veces, son os máis inestables e, por elo, os de máis curta duración, posto que os traballadores e as traballadoras aínda se están formando e buscando mellorar as súas condicións laborais.


Indicadores relativos a toda a vida laboral da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo a idade en 2018. Galicia
Unidade: anos, porcentaxe
Indicador Total cohortes Cohorte 1:
de 50 ou máis anos
Cohorte 2:
de 35 a 49 anos
Cohorte 3:
menores de 35 anos
Duración media dos períodos continuados de emprego (anos) 4,1 7,2 3,4 1,2
Número medio de episodios continuados de emprego (episodios) 14,4 14,1 16,4 11,3
Densidade media de cotización posible (tempo total traballado en relación á vida laboral posible da cohorte) (%) 52,3 59,6 56,5 35,1
Densidade media de cotización real (tempo total traballado en relación á vida laboral real da persoa) (%) 72,5 76,6 75,2 62,2

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social (descarga da táboa)
Nota: a información refírese a episodios de cotización en situación de alta laboral á Seguridade Social; non se inclúe información de sistemas de previsión distintos ao da Seguridade Social nin de episodios de emprego nos que non se cotizou a ningún sistema. Enténdese por “episodio continuado de emprego” aquel no que non se produce a interrupción do vínculo laboral da persoa coa Seguridade Social; durante este período, a persoa pode solapar contratos, cambiar de modalidade contractual dentro da empresa ou incluso cambiar de empresa, pero atópase en todo momento en situación de alta laboral (non pode pasar a situación de inactividade nin percibir unha prestación ou subsidio por desemprego).


O indicador “densidade media de cotización posible” calcúlase poñendo en relación o número de anos que cada persoa da poboación en estudo leva afiliada en alta laboral á Seguridade Social en relación ao cómputo total posible da xeración á que pertence (considerando como data de inicio os 16 anos, que é a idade legal actual á que se pode comezar a traballar en España); o indicador “densidade media de cotización real” relaciona o número de anos traballados co que lle correspondería a cada persoa se se mantivese nesta situación ao longo de toda a súa vida laboral. A diferenza entre un e outro estriba en que no primeiro caso o cálculo da vida laboral total parte dos 16 anos, mentres que no segundo comeza cando a persoa se inseriu no mercado laboral galego (que, como se viu no primeiro apartado, soe producirse en torno aos 22,9 anos). Ambos os dous indicadores proporcionan unha boa medida da proporción da vida laboral que unha persoa pasa traballando e, en contraposición, a diferenza destes indicadores co valor 100 correspondería cos momentos nos que a persoa se atopa en situación de inactividade ou de desemprego.


No ano 2018, a poboación de Galicia nacida con anterioridade ao 2000 estivera empregada o 52,3% da vida laboral completa que lle correspondería de ter comezado a traballar aos 16 anos e o 72,5% da súa vida laboral real (tendo en conta a verdadeira idade á que cada persoa comezou a traballar). Por cohortes, os indicadores aumentan coa idade do grupo considerado: a cohorte 1 traballou o 59,6% da súa vida laboral posible e o 76,6% da real, a cohorte 2 o 56,5% (75,2% no caso da vida laboral real) e, no caso da cohorte 3 (os e as máis novos/as), o indicador sitúase bastante lonxe do 50%, no 35,1% (supera lixeiramente o 60%, concretamente, sitúase no 62,2%, no caso do segundo indicador, referido á vida laboral real).


Densidade media de cotización posible e real da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo a idade en 2018. Galicia

Unidade: porcentaxe

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social (descarga da táboa)

Nota: para o cálculo do indicador “densidade media de cotización posible” divídese o tempo total en situación de alta laboral da persoa pola vida laboral posible da cohorte, se esta accedese ao mercado de traballo no momento de cumprir os 16 anos (idade mínima legal para traballar actualmente en España). Pola contra, no cálculo do indicador “densidade media de cotización real” tense en conta o momento de acceso ao mercado laboral de cada persoa; é dicir, divídese a súa vida laboral polo tempo transcorrido dende que se produce o ingreso ata o 31/12/2018.


Ao comparar o valor destes indicadores por sexo obsérvase que a densidade media de cotización, tanto posible como real, é maior para o sexo masculino que para o feminino; o primeiro grupo, o dos homes, traballara, de media, o 75,1% da súa vida laboral real no ano 2018, fronte ao 69,8% para as mulleres; hai unha diferenza de 5,3 puntos porcentuais entre ambos grupos.


Densidade media de cotización posible e real da poboación nacida con anterioridade ao ano 2000, segundo o sexo. Galicia
Unidade: porcentaxe
Sexo Densidade media de cotización posible (tempo total traballado en relación á vida laboral posible da cohorte) (%) Densidade media de cotización real (tempo total traballado en relación á vida laboral real da persoa) (%)
Ambos sexos 52,3 72,5
Home 57,2 75,1
Muller 47,1 69,8

Fonte: explotación da Mostra continua de vidas laborais. Edición 2018, facilitada pola Seguridade Social (descarga da táboa)
Nota: para o cálculo do indicador “densidade media de cotización posible” divídese o tempo total en situación de alta laboral da persoa pola vida laboral posible da cohorte, se esta accedese ao mercado de traballo no momento de cumprir os 16 anos (idade mínima legal para traballar actualmente en España). Pola contra, no cálculo do indicador “densidade media de cotización real” tense en conta o momento de acceso ao mercado laboral de cada persoa; é dicir, divídese a súa vida laboral polo tempo transcorrido dende que se produce o ingreso ata o 31/12/2018.


1 Enténdese por “episodio continuado de emprego” aquel no que non se produce a interrupción do vínculo laboral da persoa coa Seguridade Social; durante este período, a persoa pode solapar contratos, cambiar de modalidade contractual dentro da empresa ou incluso cambiar de empresa, pero atópase en todo momento en situación de alta laboral (non pode pasar a situación de inactividade nin percibir unha prestación ou subsidio por desemprego). Deste xeito, diferéncianse os períodos nos que a persoa está traballando daqueles nos que non o está. Para máis información, pode consultarse a metodoloxía desta estatística.


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Mostra continua de vidas laborais (MCVL). Información de carácter lonxitudinal