Introdución

volver ao índice

A Matriz de Contabilidade Social é unha estatística de síntese de carácter estrutural. O principal obxectivo desta operación é servir de vínculo entre os procesos de xeración de valor engadido e a descrición dos fluxos de bens e servizos dunha economía, recollidos nun Marco Input Output, e o papel das persoas e os fogares na economía. Proporciona, por tanto, información de carácter social, pero o que a distingue doutras estatísticas máis específicas é que ofrece consistencia entre as estatísticas sociais e as contas económicas, isto é, ofrécenos unha visión combinada das cifras macroeconómicas e a súa repercusión nas persoas da nosa economía.

A Matriz de Contabilidade Social de Galicia achega información da remuneración do factor traballo (soldos e salarios se falamos de traballo asalariado e renda mixta se consideramos o traballo por conta propia) por categorías socioeconómicas: ramas de actividade, sexo e nivel de estudos. Achega tamén información por tipo de fogar (os fogares clasifícanse en catro tipos segundo a principal fonte de renda do fogar), para o total de rendas do traballo percibidas na economía de Galicia e información sobre o gasto en consumo final por tipo de fogar e produto consumido.

A publicación, que achega datos da serie 2010-2018, é coherente coas operacións estatísticas do Sistema de Contas Económicas de Galicia publicadas na “Revisión estatística 2019”.



Remuneración do factor traballo por sexo e nivel de estudos

volver ao índice

Soldos e salarios

No ano 2018 a masa salarial medra 5 puntos con respecto ao ano anterior, crecemento tres décimas superior ao do Produto interior bruto (PIB) galego. Os soldos e salarios supoñen neste ano o 34% do PIB, e son a principal compoñente da remuneración de asalariados (o resto serían cotizacións sociais a cargo dos empregadores). No ano 2018 o peso da remuneración de asalariados no PIB é do 43,9%

O 43,1% dos soldos e salarios son percibidos por mulleres. No colectivo feminino destaca o sector servizos como o principal provedor de rendas salariais xa que estes achegan o 88,2% do total. É especialmente relevante o sector que engloba as seccións O a T da CNAE-2009: Administración pública, educación, sanidade, servizos sociais, actividades artísticas e recreativas e outros servizos que achegan máis do 50% das rendas salariais percibidas polas mulleres. Porén, este sector só supón o 24,3% no caso das rendas salariais dos homes. En cambio, a Industria manufactureira e a Construción concentran o 31,1% das rendas salariais dos homes por un 10,1% das mulleres.


Soldos e salarios. Porcentaxe sobre o PIB e porcentaxe que perciben as mulleres.
Unidade: miles de euros, porcentaxes




Ano Soldos e salarios porcentaxe sobre o PIB porcentaxe percibido por mulleres
2010 20.750.247 36,5 38,7
2011 20.306.501 36,5 40,4
2012 18.963.378 35,5 40,6
2013 18.788.865 35,3 41,2
2014 18.538.170 34,5 42,1
2015 19.116.706 34,4 42,5
2016 19.584.514 34,0 43,2
2017 20.134.856 33,9 42,5
2018 21.133.969 34,0 43,1




Distribución dos Soldos e salarios por rama de actividade, nivel de formación e sexo. Ano 2018
Unidade: miles de euros


Nivel de estudos: I: Educación primaria ou inferior.II: Primeira etapa de educación secundaria e similar. III: Segunda etapa de educación secundaria e educación postsecundaria non superior.IV: Educación superior.

Sector de actividade: Servizos I: Comercio, transporte, hostalería, información e comunicacións, actividades financeiras e de seguros, actividades inmobiliarias, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e servizos auxiliares (CNAE G a N).Servizos II: Administración pública, educación, actividades sanitarias e sociais, actividades artísticas, outros servizos e actividades dos fogares que empregan persoal doméstico (CNAE O a T)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)


Se atendemos aos ingresos salariais obtidos en función do nivel educativo, no ano 2018, o 51,1% da masa salarial corresponde a traballadores con educación superior, o 21% a traballadores coa segunda etapa de educación secundaria e o 24% restante a traballadores coa primeira etapa de educación secundaria ou nivel de estudos inferior. No periodo 2010-2018 obsérvase un incremento da porcentaxe de masa salarial correspondente ao colectivo con educación superior e unha diminución na correspondente ao colectivo coa primeira etapa de educación secundaria ou inferior. Entre outros factores, isto pode explicarse polo feito de que durante a crise destruíuse principalmente emprego en sectores que tradicionalmente empregan máis man de obra con estudos non superiores, como pode ser a construción. Por outra banda, tamén se debe ter en conta, a propia estrutura poboacional, onde cada vez é maior a porcentaxe da poboación con estudos superiores (sen que isto implique necesariamente que o traballo que desempeñan requira esta cualificación).

Se nos fixamos na distribución por sexo e nivel de estudos, vemos que no caso das mulleres máis do 63% das rendas recíbenas mulleres con nivel de estudos superior, sendo esta porcentaxe do 48,8% no caso dos homes. Isto está estreitamente relacionados cos distintos sectores de actividade de onde proveñen maioritariamente as rendas salariais dun e doutro colectivo que se comentaba anteriormente.


Distribución da masa salarial por nivel de estudos do traballador
Unidade: porcentaxe sobre os soldos e salarios totais (%)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)


Rendas mixtas

No ano 2018 as rendas mixtas medran 3 puntos con respecto ao ano anterior e supoñen o 12,1% do PIB galego.

As rendas mixtas xeradas polo poboación feminina supoñen o 33,4% do total e concéntranse no sector primario e no sector do comercio, transporte, hostalería, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e outros servizos (CNAE G a N). No caso das rendas mixtas xeradas pola poboación masculina, ademáis dos sectores anteriores, tamén é relevante o sector da construción, de onde proceden o 23,7% das rendas mixtas obtidas polos homes.

Rendas mixtas. Porcentaxe sobre o PIB.
Unidade: miles de euros, porcentaxes




Ano Rendas mixtas porcentaxe sobre o PIB
2010 7.202.077 12,7
2011 6.873.172 12,4
2012 6.719.489 12,6
2013 6.767.242 12,7
2014 6.671.862 12,4
2015 6.795.576 12,2
2016 7.143.496 12,4
2017 7.302.636 12,3
2018 7.521.071 12,1




Distribución das rendas mixtas por rama de actividade e sexo. Ano 2018
Unidade: miles de euros

Sector de actividade: Servizos I: Comercio, transporte, hostalería, información e comunicacións, actividades financeiras e de seguros, actividades inmobiliarias, actividades profesionais, científicas e técnicas, actividades administrativas e servizos auxiliares (CNAE G a N).Servizos II: Administración pública, educación, actividades sanitarias e sociais, actividades artísticas, outros servizos e actividades dos fogares que empregan persoal doméstico (CNAE O a T)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)


Gasto en consumo final dos fogares residentes por tipo de fogar e grupo de produtos

volver ao índice

Os fogares cuxa principal fonte de renda son as remuneracións do traballo (por conta allea ou conta propia) concentran a maior parte do gasto en consumo final dos fogares galegos. En 2018 supoñen o 62,5% do gasto. Os fogares cuxa principal fonte de renda son as pensións contributivas concentran o 34%. O gasto en consumo dos outros fogares (aqueles cuxa principal fonte de renda provén de prestacións non contributivas ou outros tipos de ingresos non derivados do traballo) representan o 3,4% do total.

Distribución do gasto en consumo final dos fogares por tipo de fogar
Unidade: porcentaxe sobre gasto total (%)

Fonte: IGE. Matriz de Contabilidade Social (descarga da táboa)


O gasto en vivenda, auga, gas, electricidade e produtos alimenticios (grupo 1+ grupo 4) supón o 35,4% do gasto dos fogares galegos no 2018. Debe terse en conta que no gasto en vivenda tamén se inclúe o gasto en alugueiro imputado dos fogares residentes nunha vivenda en propiedade. A porcentaxe anterior varía en función do tipo de fogar, así para os fogares cuxa principal fonte de ingresos son as rendas do traballo é do 30%, mentres que no caso de fogares cuxa principal fonte de ingresos son as pensións, prestacións de desemprego, etc. supera o 44%.

Outra diferencia importante atopámola nos grupos 9 (ocio, espectáculos e cultura) e 11 (hoteis, cafés e restaurantes) cuxo gasto supón, no 2018, case o 28% do gasto total dos fogares cuxas rendas proveñen principalmente do traballo e doce puntos menos no caso do resto de fogares.


Distribución do gasto en consumo final por produtos. Fogares cuxa principal fonte de renda son as rendas do traballo
Unidade: porcentaxe (%)


Distribución do gasto en consumo final por produtos. Fogares cuxa principal fonte de renda son pensións, prestacións de desemprego, rendas da propiedade e outras
Unidade: porcentaxe (%)



Definicións e máis información

volver ao índice

Definicións

Máis información: