ÍNDICE


Introdución

O principal obxectivo do Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia que elabora o Instituto Galego de Estatística é proporcionar información sobre o traballo por conta propia en Galicia, abordando distintos ámbitos deste, como…

O colectivo obxecto deste estudo son as persoas que cotizan ao Réxime Especial de Autónomos e Autónomas e ao Réxime Especial de Traballadores e Traballadoras do Mar por conta propia, con actividade laboral en Galicia (residan ou non na Comunidade Autónoma galega).

Este estudo nútrese, fundamentalmente, de dúas fontes de información principais:

É a primeira vez que o IGE publica este estudo, que pasará a ser de actualización continua no ano 2025, segundo o permitan as fontes de información empregadas. Na publicación de novembro/2024, o período de referencia da información é o último día hábil do mes de decembro de 2023 para a información procedente dos ficheiros de afiliacións á Seguridade Social, e o ano 2022 no caso da información procedente da MCVL.


Clasificación e caracterización das persoas que traballan por conta propia no momento actual

En decembro de 2023 rexistráronse 212.918 afiliacións en alta laboral á Seguridade Social de persoas que traballaban por conta propia en Galicia, ben no Réxime Especial de Autónomos/as (204.526 afiliacións), ben no Réxime Especial do Mar conta propia (8.392 afiliacións).

O peso do emprego por conta propia na Comunidade Autónoma galega é elevado se se compara co resto de Comunidades Autónomas e co conxunto de España. Así, en Galicia o 19,4% das afiliacións rexistradas a último día hábil de decembro/2023 pertencían ao Réxime Especial de Autónomos/as, mentres que no conxunto de España esta porcentaxe situouse nese mesmo período no 16,1%. De feito, Galicia ocupa o 3º posto (empatado con outras dúas CC.AA.) se ordenamos de maior a menor as Comunidades Autónomas en función do peso que ten o Réxime Especial de Autónomos/as no conxunto das afiliacións da comunidade.


Peso do Réxime Especial de Autónomos e Autónomas no conxunto de réximes da Seguridade Social por Comunidades Autónomas. Decembro/2023

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: o peso do Réxime Especial de Autónomos e Autónomas sobre o total de réximes calculouse tendo en conta unicamente as afiliacións en alta laboral a último día hábil do mes de decembro de 2023. A variable ámbito xeográfico reflicte o concello de traballo da persoa afiliada.

Se analizamos as afiliacións no segundo dos réximes que integran o estudo do emprego autónomo, o Réxime Especial do Mar conta propia, as diferenzas entre Galicia e os resto de Comunidades Autónomas son aínda máis acusadas. Este réxime non ten un peso elevado no conxunto das afiliacións rexistradas a último día hábil do mes de decembro de 2023 no Sistema da Seguridade Social, nin en Galicia nin no resto das Comunidades Autónomas; no territorio galego só supón o 0,8% das afiliacións totais. Agora ben, se se analiza o peso de Galicia no conxunto do Estado, obtense que as afiliacións rexistradas neste réxime no territorio galego representan o 65,7% das afiliacións rexistradas neste réxime en España, mentres que para o conxunto do Sistema da Seguridade Social, Galicia só supón o 5,1% das afiliacións totais rexistradas no Estado.


Peso do Réxime Especial do Mar conta propia no conxunto de España por Comunidades Autónomas. Decembro/2023

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: o peso do Réxime Especial do Mar conta propia sobre o total de réximes calculouse tendo en conta unicamente as afiliacións en alta laboral a último día hábil do mes de decembro de 2023. A variable ámbito xeográfico reflicte o concello de traballo da persoa afiliada.


Das 212.918 afiliacións correspondentes ao ámbito do emprego autónomo rexistradas en Galicia en decembro de 2023, o 13,1% realizaban actividades relacionados co comercio ao retallo. Esta é a rama de actividade con maior volume de emprego autónomo na nosa Comunidade Autónoma. Séguena en importancia a rama 01, relativa a actividades relacionadas coa agricultura e a gandaría, que ocupa ao 10,6% das afiliacións correspondentes a persoas que traballaron por conta propia en Galicia no mes en estudo. A terceira rama con maior volume de emprego autónomo é a 56, que aglutina ás actividades de restauración (servizo de comidas e bebidas), co 8,9% das afiliacións deste tipo; e, en cuarto lugar, co 8,7% das afiliacións, as actividades de construción especializada.


Afiliacións ao Réxime Especial de Autónomos/as (inclúe mar conta propia) da Seguridade Social en alta laboral, nas 10 ramas de actividade con maior volume de emprego autónomo. Galicia. Decembro/2023

Unidade: afiliacións, porcentaxe

CNAE-2009 Datos Peso
47 Comercio ao retallo, salvo de vehículos de motor e motocilcetas 27.968 13,1
01 Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas 22.550 10,6
56 Servizos de comidas e bebidas 19.023 8,9
43 Actividades de construción especializada 18.474 8,7
46 Comercio por xunto e intermediarios do comercio, salvo de vehículos de motor e motocicletas 11.092 5,2
49 Transporte terrestre e por tubaxe 10.122 4,8
96 Outros servizos persoais 9.977 4,7
03 Pesca e acuicultura 8.268 3,9
41 Construción de edificios 8.048 3,8
86 Actividades sanitarias 6.707 3,2

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: os datos están referidos ao último día hábil do mes. A variable ámbito xeográfico reflicte o concello de traballo da persoa afiliada ou o concello de residencia, no caso de que non se dispoña do primeiro no ficheiro de microdatos.


Neste estudo sobre o emprego autónomo en Galicia tamén se analizou a antigüidade das afiliacións, isto é, canto tempo levaba en alta laboral cada afiliación deste tipo en relación ao último momento de análise, isto é, o mes de decembro de 2023. Obtívose que o 67,5% das 212.918 afiliacións rexistradas nos Réximes Especial de Autónomos/as e Mar conta propia neste momento, levaba 5 ou máis anos en activo. O 9,9% levaba de 3 a 5 anos en activo, o 13,1% máis de 1 ano pero menos de 3, e só o 9,5% das afiliacións deste tipo levaba menos de 1 ano en activo.


Afiliacións ao Réxime Especial de Autónomos/as (inclúe mar conta propia) da Seguridade Social en alta laboral, segundo a antigüidade da afiliación. Galicia. Decembro/2023

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: os datos están referidos ao último día hábil do mes. A variable ámbito xeográfico reflicte o concello de traballo da persoa afiliada ou o concello de residencia, no caso de que non se dispoña do primeiro no ficheiro de microdatos.


Para o Réxime Especial de Autónomos/as, a fonte de información empregada neste estudo (isto é, o ficheiro de afiliacións subministrado pola Seguridade Social) permítenos coñecer se o traballador ou a traballadora mantivo algunha relación laboral con outras entidades. A maioría das persoas que traballan por conta propia en Galicia non manteñen ningún vínculo de pertenza ou exclusividade con outras entidades (o 59,6% das persoas afiliadas en decembro/2023). Non obstante, o 17,2% das persoas afiliadas neste réxime son socias de empresas colectivas e o 12,7% pertencen a órganos de administración de sociedades mercantís.

Ademais, en torno a 18.080 traballadores e traballadoras por conta propia en Galicia son familiares de socios/as de sociedades mercantís ou colaboradores de titulares de explotación (o 8,8% das afiliacións no Réxime Especial de Autónomos/as en decembro de 2023). A fonte tamén permite calcular o número de traballadores e traballadoras autónomas dependentes economicamente doutras entidades (TRADE) de Galicia, que no mes en estudo se cifra en 373 persoas en Galicia (o 0,2% do colectivo en estudo).


Afiliacións ao Réxime Especial de Autónomos/as da Seguridade Social en alta laboral, segundo a relación do autónomo ou da autónoma con outras entidades. Galicia. Decembro/2023

Unidade: afiliacións

Galicia A Coruña Lugo Ourense Pontevedra
Total 204.526 83.330 31.517 22.459 67.220
Socio ou socia cooperativo ou de empresa colectiva 35.268 12.586 5.826 4.562 12.294
Membro de órgano de administración de sociedades mercantís 26.016 11.733 2.457 1.582 10.244
Familiar de socio ou socia de sociedade mercantil 3.845 1.668 449 256 1.472
Familiar colaborador de titular de explotación 14.235 6.153 2.598 1.521 3.963
TRADE 373 169 29 37 138
Outra 2.790 1.143 557 332 758
Sen relación 121.999 49.878 19.601 14.169 38.351

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: nesta táboa non se inclúen as afiliacións ao Réxime Especial do Mar conta propia. Os datos están referidos ao último día hábil do mes. A variable ámbito xeográfico reflicte o concello de traballo da persoa afiliada ou o concello de residencia, no caso de que non se dispoña do primeiro no ficheiro de microdatos. A definición de TRADE pode consultarse no artigo 11.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballador Autónomo.


Ata o de agora, os resultados presentados estiveron referidos ao lugar de traballo do autónomo ou da autónoma. Pero a fonte de información de partida (o ficheiro de afiliacións á Seguridade Social), xunto co Padrón Municipal de Habitantes do Instituto Nacional de Estadística, permite saber en que concello reside cada unha das persoas que compoñen o colectivo en estudo. No mapa de abaixo amósase a distribución do emprego autónomo polo territorio galego, tendo en conta o concello de residencia da persoa, en relación ao volume total de persoas afiliadas con residencia en cada concello.

As zonas con maior densidade de afiliación nos réximes que integran o emprego autónomo son os concellos que conforman as comarcas de Xallas e Terra de Soneira (así como os concellos de Muxía e Fisterra, que pertencen á comarca epónima, e Tordoia, que pertence á comarca de Ordes), o interior da provincia de Lugo (a excepción dos concellos de Lugo, Begonte e Outeiro de Rei), así como algúns concellos diseminados polo interior de Ourense (preto das fronteiras con León e Portugal) e o oeste das provincias da Coruña e Pontevedra. A grandes trazos, pode dicirse que o emprego autónomo ten máis peso nas zonas rurais de Galicia, aquelas con menor densidade de poboación.


Peso das afiliacións ao Réxime Especial de Autónomos/as (inclúe mar conta propia) no conxunto das afiliacións á Seguridade Social en alta laboral, segundo o concello de residencia da persoa afiliada. Decembro/2023

Unidade: porcentaxe

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: os datos están referidos ao último día hábil do mes. A variable ámbito xeográfico reflicte o concello de residencia da persoa segundo o Padrón Municipal de Habitantes do Instituto Nacional de Estadística (INE).


Supervivencia do emprego autónomo

Como se comentou na introdución, este estudo nútrese de dúas fontes de información. Os datos do primeiro apartado do resumo proceden da explotación dos ficheiros mensuais de afiliacións á Seguridade Social, mentres que no que segue se van empregar os datos resultantes da explotación da MCVL. Esta segunda fonte, dispoñible dende 2013, permitiu calcular o número de altas no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas que se foron rexistrando en Galicia co paso dos anos, así como a taxa de supervivencia destes emprendementos por conta propia.

A taxa de supervivencia do emprego autónomo defínese como a proporción de afiliacións no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas que seguen en alta laboral a último día hábil do período considerado (1 ano despois, 2 anos despois, etc.) en relación a todas as afiliacións que se deran de alta neste réxime no ano de referencia. A situación de alta laboral, a súa vez, determínase a último día hábil do período considerado.

Como se observa na gráfica de abaixo, o número de altas neste réxime foi diminuíndo dende 2013 a 2020, alcanzando o seu valor máximo en 2014, con 36.500 altas, e o valor mínimo da serie en 2020 (coincidindo co estalido da pandemia da COVID-19), ano no que se rexistraron 23.125 afiliacións dadas de alta no Réxime Especial de Autónomos/as. A partir de 2020, esta variable volve á senda de crecemento e en 2022 producíronse 25.350 altas no réxime en estudo.

Non obstante, a taxa de supervivencia a 1 ano, isto é, o número de emprendementos por conta propia que seguían en alta laboral 1 ano despois do seu comezo, rexistra unha evolución decrecente ata 2016, momento no que a súa evolución se torna positiva (coa excepción do ano 2019, no que diminúe levemente). En 2013, a taxa de supervivencia do emprendemento autónomo en Galicia situábase no 50,5%, mentres que en 2021 acadou o 55,7%; isto é, de cada 100 afiliacións dadas de alta en 2021 no Réxime Especial de Autónomos/as en Galicia, 55 seguían en alta laboral o último día habil de 2022.


Evolución das altas no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas e da taxa de supervivencia destas afiliacións 1 ano despois. Galicia

Unidade: afiliacións, porcentaxe

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: a taxa de supervivencia do emprego autónomo defínese como a proporción de afiliacións no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas que seguen en alta laboral a último día hábil do período considerado (1 ano despois, 2 anos despois, etc.) en relación a todas as afiliacións que se deran de alta neste réxime no ano de referencia.A situación de alta laboral determínase a último día hábil do período considerado.


A supervivencia tamén se pode observar 2 anos despois do inicio do emprendemento, 3 anos despois, 4 anos despois, etc. Por exemplo, das 23.125 afiliacións dadas de alta en 2020 no Réxime Especial de Autónomos/as en Galicia, o 44,3% seguían en alta a último día hábil de 2022, isto é, 2 anos despois de comezar a súa actividade. E se nos remontamos máis atrás no tempo, obsérvase que das 36.500 afiliacións dadas de alta en 2014, a último día hábil de 2022 seguían en alta o 22,1% destas (taxa de supervivencia aos 8 anos).


Evolución da taxa de supervivencia do emprego autónomo. Galicia

Unidade: afiliacións

Duración do emprendemento 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022
Número de altas no ano 100,0 100,0 100,0 100,0 100,0 100,0 100,0 100,0 100,0 100
Seguen en alta 1 ano despois 50,5 52,0 50,5 47,9 50,9 54,0 53,4 55,8 55,7 -
Seguen en alta 2 anos despois 40,6 42,1 40,4 37,5 40,6 44,9 44,0 44,3 - -
Seguen en alta 3 anos despois 34,8 36,1 32,3 33,7 35,1 37,5 36,5 - - -
Seguen en alta 4 anos despois 31,0 31,7 28,5 30,5 32,4 33,0 - - - -
Seguen en alta 5 anos despois 27,1 27,9 25,3 27,9 28,6 - - - - -
Seguen en alta 6 anos despois 23,5 24,9 23,9 25,1 - - - - - -
Seguen en alta 7 anos despois 21,7 23,2 21,8 - - - - - - -
Seguen en alta 8 anos despois 20,0 22,1 - - - - - - - -
Seguen en alta 9 anos despois 19,3 - - - - - - - - -

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: (-) Non procede.

A taxa de supervivencia do emprego autónomo defínese como a proporción de afiliacións no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas que seguen en alta laboral a último día hábil do período considerado (1 ano despois, 2 anos despois, etc.) en relación a todas as afiliacións que se deran de alta neste réxime no ano de referencia.A situación de alta laboral determínase a último día hábil do período considerado.


Bases de cotización das persoas que traballaron por conta propia no ano de referencia

A MCVL tamén permite coñecer a base de cotización mensual das persoas afiliadas no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas en Galicia. No ano 2022, a base media deste colectivo situouse nos 1.211,8 euros ao mes, sendo 122,3 euros superior no caso dos homes ao das mulleres en media (1.262,9 para o xénero masculino e 1.140,6 para o feminino.)

Neste réxime, as normas de cotización ao Sistema da Seguridade Social establecen cada ano uns valores mínimo e máximo que determinan os límites da cotización mensual das persoas que traballan por conta propia. En 2022, este valor mínimo situouse en 960,6 euros ao mes, que coincide precisamente co valor mediano tanto para os homes, como para as mulleres. Isto quere dicir que, polo menos a metade das persoas que estiveron afiliadas en alta laboral ao Réxime Especial de Autónomos/as en Galicia en 2022, cotizaban á Seguridade Social polo valor mínimo.


Media e mediana das bases de cotización no Réxime Especial de Autónomos e Autónomas da Seguridade Social das persoas afiliadas en alta laboral nalgún momento do ano, segundo o xénero. Galicia. Ano 2022

Unidade: euros ao mes/persoa

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)


Máis concretamente, no ano 2022 o 55% dos traballadores e das traballadoras por conta propia de Galicia cotizaban mensualmente ao Sistema da Seguridade Social polo valor mínimo que fixa a normativa deste Sistema. O 28% tiña unha base de cotización que se sitúaba entre a base mínima e 1,5 por este valor (isto é, entre 960,6 e 1.440,9 euros/mes); o 8,4% tiña unha base de cotización situada entre 1.440,9 e 1.921,2 (entre 1,5 por base mínima e 2 por base mínima) e o 8,6% cotizaba por un valor superior aos 1.921,2 euros mensuais.

As diferenzas son notorias se se ten en conta o sector de actividade do traballador ou da traballadora por conta propia. Así, no sector primario a proporción de persoas que cotizan polo valor mínimo fixado na normativa sitúase no 70,1% do total do colectivo en estudo pertencente a este sector; pola contra, na industria esta porcentaxe baixa a 37,8%.


Porcentaxe de persoas afiliadas ao Réxime Especial de Autónomos e Autónomas da Seguridade Social en alta laboral nalgún momento do ano, segundo a relación entre a súa base media de cotización e a base mínima, por sector de actividade. Galicia. Ano 2022

Unidade: porcentaxe

Relación base media-base mínima Total Agricultura e pesca Industria Construción Servizos
Total 100,0 100,0 100,0 100,0 100,0
Igual a base mínima 55,0 70,1 37,8 45,1 55,8
Entre base mínima e 1,5xbase mínima 28,0 21,5 38,1 31,1 27,6
Entre 1,5xbase mínima e 2xbase mínima 8,4 4,8 10,4 12,7 8,0
Máis de 2xbase mínima 8,6* 3,6* 13,7* 11,1* 8,6*

Fonte: IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia (descarga da táboa)

Nota: (*) Poucas observacións mostrais, o dato pode estar afectado por un elevado erro de mostrase.

No ano 2022, a base mínima de cotización situouse en 960,60 €/mes.
Dado que un traballador ou traballadora por conta propia puido atoparse en alta laboral ao longo do ano en estudo en varias actividades pertencentes a distintos sectores de actividade, para a difusión dos resultados desta táboa optouse por considerar o sector da “actividade principal” da persoa. A súa vez, para determinar a “actividade principal” da persoa, seguiuse o criterio establecido na estatística do IGE Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada.


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Estudo sobre o emprego autónomo en Galicia