Introdución

Para avaliar as características e actividade en Galicia das empresas con sede noutras comunidades autónomas é preciso contar con estatísticas que acheguen tanto a información periódica sobre as principais variables, como unha base para outras operacións estatísticas específicas. Por analoxía, interesa tamén coñecer a presenza e actividade noutras CCAA das empresas que teñen en Galicia a súa sede. A esta necesidade responden os indicadores de multilocalización empresarial:

Os indicadores IMAct_ elabóranse para os establecementos de 10 ou máis persoas ocupadas e para o total. Os indicadores IMEmp_ elabóranse para o total de empresas e para as de 10 ou máis persoas ocupadas. Nun e noutro caso, a investigación comprende as actividades incluídas nas seccións B, C, D, E (industria), G (comercio) e H, I, J, L, M, N (servizos de mercado, non financeiros) da Clasificación Nacional de Actividades Económicas 2009 (CNAE-09).



Actividade en Galicia das empresas con sede noutras comunidades autónomas

A cifra de negocios das empresas industriais con sede fóra de Galicia que en 2022 realizaron algunha actividade económica na comunidade autónoma supón o 46,1% do total do importe neto da cifra de negocios das empresas deste sector con actividade en Galicia. Para as empresas dedicadas ao sector servizos, esta porcentaxe sitúase no 20,1% en 2022 e para as empresas comerciais, a cifra baixa ao 17,3%.

No tocante ao emprego, as empresas industriais con sede fóra de Galicia dan traballo ao 15,6% das persoas ocupadas na industria de Galicia. No sector do comercio a cifra é moi semellante (sitúase no 14,1% en 2022). Pola contra, no sector servizos a porcentaxe sobe ao 18,9%.


Actividade en Galicia de empresas con sede noutras comunidades autónomas. Ano 2022
Unidade: porcentaxe (%)

Sector Persoas ocupadas Importe neto da cifra de negocios
Industria 15,6 46,1
Comercio 14,1 17,3
Servizos 18,9 20,1


Se se comparan as porcentaxes observadas en 2022 coas do ano anterior, obsérvase que aumentou moito o peso das empresas industriais con sede fóra de Galicia no importe neto da cifra de negocios xerado por este sector na nosa comunidade autónoma (16,5 puntos). Tamén aumentou en 3,2 puntos o peso das empresas que se dedican ao comercio e teñen a sede fóra de Galicia na cifra de negocios do sector. Pola contra, a evolución deste indicador para o sector servizos foi negativa: reduciuse en 0,4 puntos en 2022 respecto a 2021.


Porcentaxe do importe neto da cifra de negocios xerado en Galicia polas empresas con sede noutras comunidades autónomas
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Indicadores de multilocalización empresarial (descarga da táboa: industria, comercio, servizos)


No caso do emprego, o peso das empresas con sede fóra e actividade en Galicia increméntase nos tres sectores analizados en 2022 con respecto ao 2021. A industria é o sector que rexistra o maior incremento neste indicador; así, neste último, o persoal ocupado polas empresas con sede fóra pasa de representar o 11,8% do total da ocupación do sector en 2021 a representar o 15,6% en 2022; aumenta, por tanto, 3,8 puntos. No comercio esta porcentaxe aumenta en 0,8 puntos. Nos servizos, o peso das empresas con sede fóra de Galicia na xeración de emprego aumenta en 0,1 puntos no período considerado.


Porcentaxe de persoal ocupado en Galicia polas empresas con sede noutras comunidades autónomas
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Indicadores de multilocalización empresarial (descarga da táboa: industria, comercio, servizos)



Actividade noutras comunidades autónomas das empresas con sede en Galicia

No que respecta ás empresas industriais con sede en Galicia que en 2022 realizaron algunha actividade económica noutra comunidade autónoma, o 4,8% do seu importe neto da cifra de negocios facturouse fóra de Galicia. No sector servizos, esta porcentaxe sobe ao 8,8% e no comercio ao 17,6%.


Ademais, o 3,5% das persoas ocupadas polas empresas industriais con sede en Galicia e actividade fóra estivo ocupada noutra comunidade autónoma en 2022; no sector servizos esta porcentaxe sitúase no 7,6% e no comercio acada o 19,3%.


Actividade noutras comunidades autónomas das empresas con sede en Galicia. Ano 2022
Unidade: porcentaxe (%)

Sector Persoas ocupadas Importe neto da cifra de negocios
Industria 3,5 4,8
Comercio 19,3 17,6
Servizos 7,6 8,8


Se se comparan os pesos observados en 2022 cos do ano anterior, obsérvase que a porcentaxe do importe neto da cifra de negocios das empresas con sede en Galicia xerado fóra da nosa comunidade autónoma aumentou no comercio e nos servizos, pero diminuíu no sector industrial. No comercio, o incremento situouse en 1,9 puntos, e nos servizos, en 0,7 puntos. Na industria, a diminución do peso das empresas con sede en Galicia no importe neto da cifra de negocios xerado fóra da Comunidade cífrase en 1,8 puntos.


Porcentaxe do importe neto da cifra de negocios das empresas con sede en Galicia xerado noutras comunidades autónomas
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Indicadores de multilocalización empresarial (descarga da táboa: industria, comercio, servizos)


No referido ao persoal ocupado, a porcentaxe de ocupados e ocupadas das empresas comerciais con sede en Galicia que traballa fóra aumentou 1,8 puntos porcentuais entre ambos períodos de análise. Nas empresas do sector servizos, a diferenza do que acontecía coa evolución da cifra de negocios, obsérvase unha diminución do persoal ocupado alén das nosas fronteiras, de 0,3 puntos. No caso das empresas industriais, esta porcentaxe tamén diminúe: 1,1 puntos entre 2021 e 2022.


Porcentaxe de persoal das empresas con sede en Galicia ocupado noutras comunidades autónomas
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Indicadores de multilocalización empresarial (descarga da táboa: industria, comercio, servizos)



Definicións e máis información

Definicións

Máis información