Introdución

O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os resultados da Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais. A información subministrada será empregada para a súa integración nas Contas económicas anuais, que teñen como obxectivo analizar e avaliar a estrutura e evolución da economía galega no seu conxunto e as súas compoñentes de oferta, demanda e rendas. Trátase de obter información útil para elaborar as contas de produción e explotación de cada sector institucional (sociedades non financeiras, fogares e institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares), así como obter un mellor coñecemento dos servizos prestados polas entidades obxecto da enquisa e as súas necesidades. Esta operación estatística conta, ademais, cun módulo dedicado ao estudo do investimento levado a cabo por estas entidades e sobre a oferta de prazas nelas (residenciais ou non).

Esta enquisa figura no Programa Estatístico do ano 2024, no marco da operación 2506-06-OE06; está dirixida a empresas, institucións privadas sen fins de lucro e persoas físicas cuxa actividade principal se integre dentro da división 87 da CNAE-2009 (asistencia en establecementos residencias) ou 88 (actividades de servizos sociais sen aloxamento). Nesta enquisa non recabamos datos de organismos públicos que poidan ofrecer estas actividades, como é o caso por exemplo do Instituto de Mayores y Servicios Sociales (IMSERSO).



Emprego

Nas entidades prestadoras de servizos sociais o emprego feminino supera ao masculino. As mulleres representan o 85,7% das persoas asalariadas en 2021 e o 86,2% en 2022. Estas porcentaxes baixan ao tratarse do traballo por conta propia; neste caso, o sexo feminino representa o 71,8% das persoas que traballaban por conta propia nas entidades prestadoras de servizos sociais en 2021 e o 72,5% en 2022.

Un dato a subliñar, que fai destas unhas entidades “especiais”, é que as persoas que prestan os seus servizos voluntariamente, sen percibir a cambio unha remuneración, supoñen o 21,4% do persoal empregado por estas entidades en 2021 e o 24% en 2022, porcentaxes moi elevadas se se comparan con outro tipo de entidades.


Emprego nas entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o sexo e o tipo de empregado/a. Galicia. Ano 2022
Unidade: persoas

Sexo Asalariados/as Traballadores/as por conta propia Voluntarios/as
Total 30.366 1.435 10.052
Homes 4.184 395 3.743
Mulleres 26.183 1.040 6.310

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)

Emprego nas entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o tipo de empregado/a. Galicia. Ano 2022
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)



Ingresos e gastos

A meirande parte dos ingresos das entidades prestadoras de servizos sociais proceden de “ingresos correntes por prestación de servizos” (o 83,3% do total de ingresos).

Con respecto aos gastos, a partida que máis pesa é a de “gastos de persoal”: os soldos e salarios dos traballadores e das traballadoras destas entidades supoñen o 71,5% en 2022. Os gastos en aprovisionamentos supoñen o 13,4% dos gastos totais e a partida “servizos exteriores” supón o 15,1% restante.

Ingresos das entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o tipo de ingreso. Galicia. Ano 2022
Unidade: miles de euros, porcentaxe (%)

Tipo de ingresos Miles de euros Porcentaxe
Ingresos correntes por prestación de servizos e vendas 861.205 83,3
Outros ingresos 4.486 0,4
Ingresos por subvencións, doazóns, legados e outras aportacións 167.753 16,2

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)

Gastos das entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o tipo de gasto. Galicia. Ano 2022
Unidade: miles de euros, porcentaxe (%)

Tipo de gastos Miles de euros Porcentaxe
Gastos de persoal 627.192 71,5
Servizos exteriores 132.280 15,1
Aprovisionamentos 117.578 13,4

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)



Investimentos

En 2022 as entidades prestadoras de servizos sociais investiron 75.033.740 euros en inmobilizado material e inmaterial. A meirande parte do investimento realizado en 2022 por este tipo de entidades corresponde ao grupo de IPSFL, co 61,6% do investimento total, seguido do grupo das sociedades, que realizaron o 38,2% do investimento total.


O 40,5% das institucións prestadoras de servizos sociais con actividade económica en Galicia espera invertir menos en inmobilizado material para o ano 2024; o 29,8% espera invertir máis e o 29,8% espera invertir a mesma cantidade que no ano anterior.

Investimentos nas entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o tipo de entidade. Galicia. Ano 2022
Unidade: miles de euros, porcentaxe (%)

Entidades Total Porcentaxe
Total 75.034 100,0
Sociedades 28.673 38,2
IPSFL 46.211 61,6
Persoas físicas 150 0,2

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)


Previsión de investimentos en inmobilizado material das entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o tipo de entidade. Galicia. Ano 2024
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)

Previsión de investimentos en inmobilizado inmaterial das entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o tipo de entidade. Galicia. Ano 2024
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)



Número de prazas

Na categoría de prazas residenciais inclúense aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade. O número de prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais con actividade en Galicia a 31 de decembro de 2021 era de 25.791; aumentou lixeiramente en 2022, ata chegar ás 26.212 prazas. A porcentaxe de ocupación destas prazas é do 93%; esta porcentaxe sobe ata case o 100% no caso das prazas públicas (o 96,7% en 2021 e 97,8% en 2022). As porcentaxes máis baixas de ocupación atópanse nas prazas residenciais privadas (non financiadas) ; con todo, neste caso supérase o 84% de ocupación no ano 2022.

O 73,2% das prazas residenciais nas entidades privadas prestadoras de servizos sociais de Galicia son de titularidade privada.

O 9,7% das prazas residenciais están ocupadas por persoas de 50 ou menos anos; se desagregamos polo sexo da persoa, esta porcentaxe sobe ata o 16,5% no caso dos homes. Por outra banda, o 61% das prazas residenciais están ocupadas por persoas maiores de 80 anos e, neste caso, ao desagregar por sexo, a porcentaxe de prazas ocupadas por mulleres que superan esta idade é superior á de homes (68,9% no caso feminino fronte a 47,2% no caso dos homes).

Prazas residenciais en entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o financiamento da praza. Galicia. Ano 2022
Unidade: prazas, porcentaxe (%)

Titularidade Número de prazas dispoñibles Número de prazas ocupadas Porcentaxe de ocupación
Total 26.212 24.384 93,0
Públicas 7.032 6.880 97,8
Privada parcialmente financiada 3.364 3.229 96,0
Privada non financiada 15.816 14.274 90,3

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)
Nota: consideramos prazas privadas non financiadas as que están pagadas na súa totalidade polo residente, praza privada financiada é a que está pagada nunha parte pola Administración (libranza) e noutra polo residente e praza pública é a que está financiada na sua totalidade pola Administracion



Distribución das prazas residenciais en entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o sexo e a idade da persoa. Galicia. Ano 2022
Unidade: porcentaxe (%)

Homes

Mulleres

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)


Na categoría “prazas non residenciais” inclúense aquelas ocupadas por menores en garderías ou escolas infantís, por maiores que asisten a centros de día e por persoas que asisten a centros que atenden necesidades especiais.



O 51% das prazas non residencias totais en entidades prestadoras de servizos sociais estaban ocupadas en 2022 por persoas menores de 50 anos (fundamentalmente, por menores en garderías). O 62,8% dos homes que ocupan prazas non residenciais atópase nesta franxa de idade, mentres que no caso das mulleres a porcentaxe baixa ao 41,1%. O grupo de maior idade, o composto por persoas maiores de 80 anos, ocupa o 22,1% das prazas non residencias e, como acontecía coas prazas residenciais, a porcentaxe de ocupación feminina neste grupo supera á de homes.

Distribución das prazas non residenciais en entidades prestadoras de servizos sociais, segundo o sexo e a idade da persoa. Galicia. Ano 2022
Unidade: porcentaxe (%)

Idade Total Homes Mulleres
De 50 ou menos anos 51,0 62,8 41,1
De 51 a 60 anos 7,3 8,6 6,3
De 61 a 70 anos 6,8 6,3 7,2
De 71 a 80 anos 12,8 9,0 15,9
Maiores de 80 22,1 13,3 29,5

Fonte: IGE. Enquisa a entidades prestadoras de servizos sociais (descarga da táboa)
Nota: consideramos prazas privadas non financiadas as que están pagadas na súa totalidade polo residente, praza privada financiada é a que está pagada nunha parte pola Administración (libranza) e noutra polo residente e praza pública é a que está financiada na sua totalidade pola Administracion





Definicións e máis información

Definicións

Máis información