ÍNDICE


Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida aos fogares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza dende 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo da ampliación da mostra é permitir a análise da poboación galega en relación coa actividade económica cunha maior desagregación do que se viña facendo ata o momento. Como resultado deste convenio, a partir do terceiro trimestre de 2009 incorpórase á operación a mostra adicional recollida polo IGE, utilizando idéntica metodoloxía e o mesmo sistema de traballo de campo que o INE.

A finalidade principal da EPA é coñecer a actividade económica no relativo ao seu compoñente humano. Está orientada a dar datos das principais categorías poboacionais en relación co mercado de traballo (poboación ocupada, parada, activa e inactiva) e a obter clasificacións destas categorías segundo diversas características. Tamén posibilita confeccionar series temporais homoxéneas de resultados.

Cada ano realízase un módulo específico no que se trata algún tema relacionado co mercado laboral e que complementa a información da EPA. O módulo de 2020 ten por obxectivo ofrecer información sobre o número e tipo de accidentes que se producen no traballo e o seu impacto laboral, os problemas de saúde provocados ou empeorados polo traballo, os factores de risco e as características laborais das persoas afectadas.


Accidentes


O 3,9% da poboación galega ocupada ou que traballou nalgún momento do ano tivo algún accidente no transcurso da súa xornada laboral ou no traxecto de ida ou volta nos doce últimos meses. En termos absolutos, isto tradúcese en 49.000 persoas.

Ao restrinxir a análise ás persoas que sufriron un accidente con lesión durante a xornada laboral ou nos traxectos, a cifra redúcese a 31.400 persoas.

Hai que destacar que o 5,7% dos accidentes con lesión ocorridos durante a xornada laboral foron accidentes de tráfico.

O 19,4% dos traballadores e das traballadoras que tiveron algún accidente con lesión durante a xornada laboral estivo menos de un día ou ningún sen traballar, o 8,9% estivo polo menos un día sen traballar pero menos de 4 e o 28%, entre 4 días e un mes.

O momento da incorporación demorouse polo menos un mes pero menos de tres para o 13,4% das persoas ocupadas e, finalmente, o 12,7% das persoas que sufriron algún accidente laboral non espera volver a traballar ou a baixa tivo unha duración de entre 3 meses e un ano.

   

Persoas de 16 a 74 anos ocupadas ou que traballaron no último ano que tiveron algún accidente con lesión durante a xornada laboral, segundo o tempo que estiveron sen traballar. Galicia. Ano 2020
Unidade: miles de persoas
Tempo sen traballar Datos
Total 31,4
Aínda non está traballando, pero espera traballar de novo 4,9
Menos de un día ou ningún 6,1
Polo menos un día pero menos de 4 días 2,8
Polo menos 4 días, pero menos de 2 semanas 3,9
Polo menos 2 semanas, pero menos dun mes 4,9
Polo menos un mes, pero menos de tres meses 4,2
Polo menos tres meses pero menos de seis meses 1,8
Entre 6 meses e 12 meses ou non espera volver a traballar 2,2
Non sabe non contesta 0,5
Fonte: INE-IGE. EPA. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo (descarga da táboa)


Enfermidades


O 20,3% da poboación galega de 16 a 74 anos que en 2020 estaba ocupada ou que traballara anteriormente tivo algunha enfermidade nos últimos doce meses. Esta porcentaxe sobe conforme aumenta a idade da poboación estudada. Así, entre os mozos e mozas menores de 25 anos, só o 10% tivo algunha enfermidade no trascurso dos últimos 12 meses, mentres que para as persoas de 55 ou máis anos esta porcentaxe sitúase no 27,2%.

Do total de persoas que sufriu algunha enfermidade no último ano, 130.100 manifestaron que a enfermidade foi provocada ou que empeorou por mor do traballo


Persoas de 16 a 74 anos ocupadas ou que traballaron anteriormente, segundo tivesen ou non algunha enfermidade, por grupos de idade. Galicia. Ano 2020
Unidade: porcentaxes
Grupos de idade Si Non Non sabe/non contesta
Total 20,3 79,5 0,2
de 16 a 24 anos 10,0 90,0 0,0
de 25 a 34 anos 12,4 87,6 0,0
de 35 a 44 anos 16,1 83,8 0,1
de 45 a 54 anos 19,7 80,0 0,4
de 55 e máis anos 27,2 72,6 0,2
Fonte: INE-IGE. EPA. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo (descarga da táboa)

   

Persoas de 16 a 74 anos ocupadas ou que traballaron anteriormente, que tiveron algunha enfermidade, segundo fora ou non provocada ou empeorada polo traballo. Galicia. Ano 2020

Fonte: INE-IGE. EPA. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo (descarga da táboa)


Entre as tipoloxías de enfermidade laboral (aquela provocada ou empeorada por mor do seu traballo actual ou pasado) destacan os problemas óseos, das articulacións ou musculares (66,6% dos casos). O 12% das enfermidades laborais estaban relacionadas co estrés, depresión ou ansiedade.

O 41,7% dos galegos e das galegas ocupadas ou que traballaron anteriormente e que tiveron algunha enfermidade laboral di que esta lle limita considerablemente as súas actividades cotiás.


Persoas de 16 a 74 anos ocupadas ou que traballaron anteriormente, que tiveron algunha enfermidade laboral, por tipor de enfermidade e sexo. Galicia. Ano 2020
Unidade: miles de persoas
Tipo de enfermidade Total Homes Mulleres
Total 130,1 63,5 66,6
Problema óseo, articular ou muscular 86,7 42,5 44,2
Problema respiratorio ou pulmonar 8,3 4,6 3,8
Estrés, depresión ou ansiedade 15,6 4,9 10,8
Enfermidade ou ataque cardíaco, ou outros problemas do sistema circulatorio 3,1 2,4 0,7
Outro tipo de problema de saúde 16,4 9,2 7,2
Fonte: INE-IGE. EPA. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo (descarga da táboa)

   

Persoas de 16 a 74 anos ocupadas ou que traballaron anteriormente, que tiveron algunha enfermidade laboral segundo se esta enfermidade limita ou non as súas actividades cotiás. Galicia. Ano 2020

Fonte: INE-IGE. EPA. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo (descarga da táboa)


Persoas ocupadas segundo estivesen expostas ou non a efectos adversos para a súa saúde física, por tipo de factor con maior efecto negativo. Galicia. Ano 2020
Unidade: miles de persoas
Factor con maior efecto negativo Datos Porcentaxe
Total 1.074,2 100,0
Non hai un factor de risco importante para a saúde física 203,8 19,0
Posturas dolorosas ou esgotadoras 198,1 18,4
Movementos repetitivos de mans ou brazos 110,9 10,3
Manexo de cargas pesadas 148,0 13,8
Ruído e forte vibración 39,7 3,7
Sustancias químicas, po, vapores fume ou gases 72,0 6,7
Actividades que implican un grande esforzo visual 125,2 11,7
Escorreduras, tropezóns e caídas 39,7 3,7
Uso de máquinas ou ferramentas manuais (exclúense os vehículos) 43,1 4,0
Uso de vehículos no traballo (non se inclúen nos traxectos a /desde o traballo) 61,5 5,7
Outros factores de risco 30,3 2,8
Non sabe/ Non contesta 2,2 0,2
Fonte: INE-IGE. EPA. Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo (descarga da táboa)

   

En 2020 un total de 868.200 persoas ocupadas en Galicia manifestou que estiveran expostas a factores adversos para a súa saúde física. Para o 18,4% da poboación ocupada o factor con maior efecto negativo estivo relacionado co mantemento de posturas dolorosas ou esgotadoras. A continuación, o 13,8% dos traballadores e das traballadoras sinala o manexo de cargas pesadas como o factor con maior efecto negativo para a súa saúde física.



Por outra banda, 478.100 ocupados e ocupadas sinalan que estiveron expostas a factores adversos para o seu benestar mental: o 24,5% considera as presións de tempo ou sobrecarga de traballo como o factor negativo máis importante, o 6,6% o trato con clientes difíciles, pacientes, alumnos, etc., e o 5,9% a inseguridade laboral.


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

INE-IGE. Enquisa de poboación activa (EPA). Módulo sobre accidentes laborais e problemas de saúde relacionados co traballo