Introdución

O conxunto de Indicadores da intensidade da demanda turística ofrece información sobre a demanda turística de Galicia segundo o destino do viaxeiro. Presentan, por tanto, información cunha maior desagregación territorial da que provén outras fontes de información.

A orixe dos datos para a elaboración deste conxunto de indicadores procede de catro enquisas mensuais que realiza o Instituto Nacional de Estadística (INE):

A poboación obxecto de estudo son os establecementos turísticos de Galicia (hoteis, cámpings, apartamentos turísticos e aloxamentos de turismo rural). Coa información ofrecida por estes establecementos e cedida polo INE ao IGE, elabóranse un conxuntos de indicadores que teñen por finalidade medir o impacto do turismo no territorio galego. Estes indicadores ofrécense para o conxunto de Galicia e unha agregación dos concellos en 18 grandes destinos turísticos. Ademais, realízase un tratamento específico do litoral galego por tratarse dun foco de especial atracción turística.

A finalidade destes indicadores é axudar a planificar os recursos e as políticas encamiñadas a potenciar a actividade turística con criterios de sostibilidade.

A entrada en vigor da Orde SND/257/2020, do 19 de marzo, motivou a suspensión de apertura ao público de todos os aloxamentos turísticos, quedando paralizada a actividade turística a partir do 26 de marzo. Este feito afectou á recollida de datos nas catro enquisas das que se nutre esta operación. A partir do 11 de maio e de acordo coa Orde SND/399/2020, os hoteis e aloxamentos turísticos puideron, de novo, abrir ao público, pero con certas restricións. Estas restricións ao turismo implementadas ao longo do ano 2020 afectan aos niveis dos distintos indicadores que se calculan mediante esta operación. Polo tanto, non é adecuado realizar a comparativa dos datos da demanda turística de 2020 cos rexistrados en 2019 e tampouco se debe realizar a comparativa entre 2020 e 2021.



Galicia e os 18 destinos turísticos

En 2023 as noites en aloxamentos turísticos de Galicia situáronse en 11.993.000, cifra que dividida polo tamaño da poboación galega1, sitúase en 4,44 noites ao ano por cada residente en Galicia.

Asumindo que un residente en Galicia pasa unhas 365 noites ao ano na Comunidade Autónoma, pódese obter unha medida do volume de poboación que supoñen os viaxeiros en relación aos residentes, dividindo as noites entre o número de días do ano e multiplicando o resultado pola poboación galega2. Así, en 2023, este indicador tomou o valor de 1,22% o que significa que, nese ano, os turistas supuxeron o equivalente a 1,22 novos habitantes por cada 100 residentes habituais. Este índice inclúe a poboación de Galicia que visitou ao longo do ano algún destino turístico galego e se aloxou nalgún dos establecementos turísticos considerados. Se cinguimos a análise unicamente aos visitantes de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o indicador toma un valor de 0,86%.

A demanda turística non se distribúe homoxeneamente por todo o territorio galego, senón que tende a concentrarse en torno a catro grandes focos de atracción: os concellos que bordean a Ría de Arousa, Terras de Santiago, A Coruña e As Mariñas e a Ría de Vigo e Baixo Miño. Estas catro zonas por si soas representan o 64,8% das noites rexistradas en Galicia en 2023. Os seguintes destinos en importancia son: a Ría e Terras de Pontevedra (co 5,9% das noites), Lugo e Terra Chá ( 5,2%), a Mariña Lucense ( 4,4%) e a área de Ferrolterra ( 4,2%)3.


Indicadores de intensidade da demanda turística por destinos turísticos. Ano 2023
Unidade: porcentaxe de noites, ratios

Destinos Porcentaxe noites Indicador Poboación (1) Indicador Área
Galicia 100,0 1,22 406
A Coruña e As Mariñas 11,6 0,86 1.482
Ancares - Courel 0,9 1,92 52
Celanova - Limia 0,5 0,40 33
Costa da Morte 4,0 1,18 280
Deza - Tabeirós 0,9 0,46 72
Ferrolterra 4,2 0,73 315
Lugo e a Terra Chá 5,2 0,91 147
Manzaneda - Trevinca 0,4 0,45 34
Mariña Lucense 4,4 2,03 375
O Ribeiro 1,1 0,81 130
Ría de Arousa 18,6 3,21 3.544
Ría de Muros e Noia 1,2 0,94 345
Ría de Vigo e Baixo Miño 15,8 0,97 1.174
Ría e Terras de Pontevedra 5,9 0,85 668
Ribeira Sacra 2,9 1,64 135
Terras de Ourense e Allariz 3,2 0,69 478
Terras de Santiago 18,8 2,26 745
Verín - Viana 0,6 0,60 38

Nota: Indicador poboación (1)=((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)x100
Indicador área=Número de noites/Área do destino (km2)
Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)


Noites en aloxamentos turísticos en relación ao total de Galicia segundo o destino turístico. Ano 2023
Unidade: porcentaxe (%)

Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)


No tocante ao indicador que relaciona a poboación residente co volume de noites, de novo os concellos da Ría de Arousa sitúanse á cabeza no listado de destinos turísticos. A presión do turismo sobre os residentes na Ría de Arousa situouse en 2023 en 3,21 potenciais novos habitantes por cada 100 residentes habituais. Outros catro destinos superan a media galega: Terras de Santiago (2,26%), a Mariña Lucense (2,03%), a Ribeira Sacra (1,64%) e os concellos que conforman o xeodestino Ancares-Courel (1,92%). No outro extremo sitúanse os destinos do interior de Pontevedra e zonas de Ourense, como a zona de Deza-Tabeirós (0,46%) e os concellos que conforman o destino Celanova-Limia, con 0,40 turistas por cada 100 residentes.


Indicador de poboación (1) segundo o destino turístico. Ano 2023
Unidade: tanto por cento (%)

Nota: Indicador poboación (1)=((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)x100
Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)


Se se relacionan as noites coa superficie da Comunidade Autónoma galega resulta un valor de 406 noites por km2. Desagregando este indicador4 por destinos turísticos, de novo aparecen os concellos da Ría de Arousa na primeira posición, con 3.544 noites por km2. Ségueno en importancia a zona da Coruña e As Mariñas, con 1.482 noites/km2, e a Ría de Vigo e Baixo Miño (1.174 noites/km2). Na última posición atópanse os concellos da área de Celanova-Limia, onde o indicador tomou un valor de 33 noites/km2.

Indicador de área segundo o destino turístico. Ano 2023
Unidade: noites/km2

Nota: Indicador área=Número de noites/Área do destino (km2)
Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)


1Indicador de poboación (2) = Número de noites/Poboación do destino
2Indicador de poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)*100
3Nesta operación distínguense dezaoito grandes destinos turísticos en Galicia; oito deles catalóganse como destinos costeiros: A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Ferrolterra, a Mariña Lucense, a Ría de Arousa, a Ría de Muros e Noia, a Ría de Vigo e Baixo Miño e a Ría e Terras de Pontevedra. No apartado de metodoloxía pode consultarse a relación dos concellos que integra cada unha das áreas turísticas de Galicia.
4Indicador de área = Número de noites/Área do destino(km2)



Os concellos costeiros

As zonas litorais son, dende hai anos, un foco de atracción turística moi importante de Galicia. De feito, entre os cinco primeiros postos do ranking de noites sitúanse catro destinos que agrupan concellos costeiros. Se se concreta a análise para estes municipios, obsérvase que o 61,8% das noites rexistradas en 2023 (unhas 7.408.103) tiveron lugar en aloxamentos turísticos situados en concellos costeiros.


Indicadores de intensidade da demanda turística nos concellos costeiros. Ano 2023
Unidade: porcentaxe de noites, ratios

Destinos Porcentaxe noites Indicador Poboación (1) Indicador Área
Total zona de costa 100,0 1,30 1.477
A Coruña e As Mariñas 18,9 0,91 3.201
Costa da Morte 6,4 1,33 377
Ferrolterra 6,4 0,77 586
Mariña Lucense 6,7 2,34 688
Ría de Arousa 30,2 3,35 3.921
Ría de Muros e Noia 1,9 1,02 453
Ría de Vigo e Baixo Miño 22,3 1,10 2.817
Ría e Terras de Pontevedra 7,3 0,78 1.639

Nota: Indicador poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)x100
Indicador área = Número de noites/Área do destino (km2)
Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)


A poboación dos concellos costeiros soporta unha presión turística media de 1,30 viaxeiros por cada 100 residentes. Agora ben, este índice varía considerablemente dunhas zonas a outras. Os concellos da Ría de Arousa (exceptuando os de Meis e Pontecesuras, que non teñen costa) experimentan incrementos poboacionais da orde de 3,35 habitantes por cada 100 residentes habituais por mor do turismo e os concellos costeiros da Mariña Lucense do 2,34%.


Indicador de poboación (1)2 segundo o destino turístico nos concellos costeiros. Ano 2023
Unidade: tanto por cento (%)

Nota: Indicador poboación (1) = ((Número de noites/Número de días no ano)/Poboación do destino)x100
Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)



Indicadores segundo a orixe do viaxeiro

Nesta estatística tamén se analiza a procedencia das persoas que se aloxaron nos distintos establecementos turísticos de Galicia. O 70,3% das noites rexistradas en 2023 corresponderon a turistas de fóra de Galicia. Nalgúns destinos o peso do turismo foráneo supera a media galega. Así, no xeodestino Terras de Santiago supérase en 15,3 puntos a porcentaxe media galega: aquí o 85,7% das noites corresponderon a non residentes. Nos xeodestinos A Coruña e As Mariñas, A Costa da Morte e Lugo e a Terra Chá tamén se supera a porcentaxe media de Galicia.

Non obstante, noutros destinos, coma nos concellos que conforman a zona de Celanova-Limia e O Ribeiro, a porcentaxe de residentes procedentes da propia Comunidade Autónoma galega é moi superior á de non residentes. Nesta última zona, o 56,4% dos turistas residen en Galicia.


Noites en aloxamentos turísticos segundo o destino turístico e a procedencia do viaxeiro. Ano 2023
Unidade: porcentaxe (%)


Fonte: IGE. Indicador da intensidade da demanda turística (descarga da táboa)



Definicións e máis información