ÍNDICE



Introdución

A Conta Satélite do Deporte é unha actividade estatística de síntese cuxo obxectivo principal é proporcionar un sistema de medición económica do sector do deporte, que permita valorar a importancia deste sector no conxunto da economía galega. Este proxecto xurdiu a iniciativa da Secretaría Xeral do Deporte (Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes), que solicitou ao IGE a cuantificación da dimensión económica do sector.

As contas satélite permiten afondar no coñecemento dun determinado aspecto da economía dun territorio, ampliando a información do sistema de contas económicas. No eido do deporte, no que existe información dispersa tanto de tipo económica como doutro tipo, unha conta satélite axuda a sintetizar toda esta información.

A definición estatística do sector do deporte non está regulamentada en Europa, aínda que existe unha proposta de clasificación baseada en estandares estatísticos chamada a Clasificación de Vilnius. Porén, a viabilidade da estimación dos agregados económicos consonte a esta definición está constrinxida pola dispoñibilidade de fontes para construír unha valoración económica do deporte.

A Conta Satélite do Deporte de Galicia achega información da conta de produción, explotación e o emprego do sector do deporte na nosa Comunidade autónoma. O sector do deporte definido na conta satélite toma como referencia a Clasificación de Vilnius restrinxíndoa aos denominados produtos e servizos característicos do deporte: aqueles que non existirían se non fose polo deporte. Na metodoloxía desta actividade detállanse os códigos CNAE-09 incluídos na definicion do sector e o procedemento de estimación en cada caso.

A publicación, que nesta edición achega datos para os anos 2021 e 2022, é coherente coas operacións estatísticas do Sistema de Contas Económicas de Galicia en Revisión estatística 2024.


A achega do sector do deporte á economía galega

No ano 2022 o valor engadido bruto xerado polo sector do deporte en Galicia ascendeu a 620.180 miles de euros, o que representa o 0,9% do Produto Interior Bruto xerado na Comunidade autónoma en dito período. Con respecto a 2021 o valor xerado a prezos correntes polo sector medrou a unha taxa do 9,6%.

Conta de produción e explotación do sector do deporte. Ano 2022
Unidade: Miles de euros; Porcentaxes sobre o total da economía
Operacion Dato Peso na economía (%)
P.1 Produción a prezos básicos 1.131.225 0,8
P.2 Consumos intermedios 511.045 0,6
B.1 Valor engadido bruto 620.180 0,9
D.1 Remuneración de asalariados 514.813 1,6
D.11 Soldos e salarios 424.265 1,7
D.12 Cotizacións sociais 90.548 1,3
D.29-D.39 Outros impostos sobre a produción netos de subvencións -7.096 -2,1
B.2 Excedente bruto de explotación / Renda mixta 112.463 0,3
Fonte: IGE. Conta Satélite do Deporte. (Descarga da táboa)

En termos de emprego, o sector é responsable directo de 16.436 postos de traballo, que representan o 1,4% do total do emprego da economía galega. A meirande parte do emprego é asalariado, cuxa remuneración alcanzou os 514.813 miles de euros. Esta masa salarial representa o 1,6% da Remuneración de asalariados total da economía galega.

Emprego no sector do deporte. Ano 2022
Unidade: Unidades; Porcentaxes sobre o total da economía
Operacion Unidades Peso na economía (%)
Postos de traballo 16.436 1,4
Postos de traballo equivalentes a tempo completo 13.008 1,3
Fonte: IGE. Conta Satélite do Deporte. (Descarga da táboa)


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Máis información: