ÍNDICE


Introdución

O principal obxectivo desta actividade estatística é proporcionar información sobre as bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que traballan e residen en Galicia. Por medio desta estatística caracterízase ás persoas que cotizan neste réxime, que supón a redor do 75% do Sistema da Seguridade Social, segundo as súas variables persoais (xénero, grupo de idade, nacionalidade e concello de residencia) e laborais (tipo de contrato, tipo de xornada, actividade económica e grupo de cotización) e calcúlase, para cada categoría, a base media mensual de cotización por persoa.

En moitas ocasións, a base de cotización coincide coa retribución mensual bruta da persoa e é o importe que se emprega no cálculo das cantidades que deben ingresar a empresa e o traballador ou a traballadora para ter dereito, no futuro, á percepción dunha prestación do Sistema da Seguridade Social (por exemplo, no momento da xubilación). Polo tanto, coñecer o seu valor, así como a súa evolución e distribución polo territorio, é vital para o estudo do mercado laboral de Galicia.

A poboación obxecto de estudo é o conxunto das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social ao menos un día no mes de referencia, cuxa conta de cotización na súa afiliación principal se atope inscrita nunha das catro provincias de Galicia e que, ademais, residan na Comunidade Autónoma.

A principal fonte de información da que se nutre esta estatística é o ficheiro de bases de cotización no Réxime Xeral que facilita a Tesourería Xeral da Seguridade Social ao Instituto Galego de Estatística (IGE) con carácter trimestral. A metodoloxía empregada polo IGE na súa elaboración basease na establecida por este organismo na súa publicación, cunha excepción: no seu caso, a clasificación territorial da poboación en estudo ven dada polo lugar de traballo, mentres que na estatística do IGE corresponde co lugar de residencia. De aí que existan pequenas diferenzas nas cifras de cotizantes e base media publicadas polo Ministerio para Galicia e as que derivan desta estatística do IGE. A metodoloxía completa pode consultarse na seguinte ligazón.


Evolución das persoas cotizantes e da súa base media de cotización en Galicia


Ao longo do mes de decembro de 2023, rexistráronse en Galicia unhas 786.026 persoas afiliadas á Seguridade Social con residencia na Comunidade Autónoma e que cotizaban ao Réxime Xeral. A base media de cotización deste grupo situouse nos 2.006,5 euros ao mes por persoa.

A cifra de cotizantes no Réxime Xeral en Galicia diminuíu un -2,1% en decembro respecto a hai 3 meses, en setembro de 2023. A base media mensual por persoa creceu un 2,9% neste mesmo período. Con respecto a decembro do ano anterior, a cifra de cotizantes creceu un 2,4% e o valor da base media mensual de cotización, un 5,9%.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia. Decembro de 2023

Unidade: cotizantes, euros/persoa, taxas de variación

Variable 2023/Decembro Variación relativa respecto a 2023/Setembro Variación relativa respecto a 2022/Decembro
Cotizantes 786.026 -2,1 2,4
Base media mensual 2.006,5 2,9 5,9

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


A evolución interanual, tanto das persoas cotizantes como da base media mensual por persoa no Réxime Xeral en Galicia, foi positiva dende xaneiro/2022.

Na cifra de cotizantes obsérvase unha certa tendencia á estacionalidade (gráfico de abaixo, eixe vertical esquerdo); así, a cifra de persoas cotizantes é maior nos meses de verán que en meses precedentes e posteriores.

En canto á base media mensual, esta mantívose relativamente estable dende o primeiro mes da serie (gráfico de abaixo, eixe vertical dereito) ata setembro/2022, mes no que experimenta unha leve caída, seguida dun incremento ata decembro de 2023.


Evolución das persoas cotizantes e da súa base media mensual no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


Base media segundo as características da persoa cotizante


O 49,1% das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia no mes de decembro de 2023, con residencia tamén na Comunidade Autónoma, eran homes e o 50,9% restante, mulleres. Polo tanto, o xénero feminino supera lixeiramente ao masculino en número de cotizantes.

Pola contra, a base media de cotización por persoa dos homes é significativamente superior á das mulleres: a primeira situouse en decembro en 2.159,2 euros, mentres que a base media para o xénero feminino se situou nos 1.858,9 euros por muller, 300,3 euros por debaixo da do xénero masculino.


Cotizantes, base media mensual por persoa e índice da base media (Galicia=100) no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o xénero. Decembro de 2023

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Variable Total Homes Mulleres
Cotizantes 786.026 386.304 399.722
Base media mensual por persoa 2.006,5 2.159,2 1.858,9
Índice da base media (Galicia=100) 100,0 107,6 92,6

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


A contía da base media mensual por persoa aumenta coa idade do cotizante.

Os tres primeiros grupos que figuran no gráfico seguinte, por debaixo de 30 anos, de 30 a 34 anos e dos 35 aos 39 anos, contan cunha base media por debaixo da media galega. No caso do primeiro grupo, o que conta coa menor base de cotización, esta atópase un 28,2% por debaixo da media de Galicia (1.439,9 para o grupo de idade dos menores de 30 anos, fronte a 2.006,5 euros por persoa de media en Galicia en decembro de 2023).

A partir do grupo de idade de 40 a 44 anos, a base media de cotización por persoa supera xa os 2.000 euros mensuais; esta sobe de grupo en grupo, ata o de maior idade, o das persoas que contaban con 60 ou máis anos en decembro, que percibiron de media unha base de cotización de 2.228,6 euros mensuais.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o grupo de idade. Decembro de 2023

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


Base media segundo as características da afiliación


O 75,1% das persoas que cotizaron ao Réxime Xeral da Seguridade Social en Galicia en decembro e que residían tamén na Comunidade Autónoma, estaban vinculadas á empresa mediante un contrato de tipo indefinido; o 16,4%, mediante un contrato de tipo temporal e o 8,5% son afiliados/as que non teñen contrato, ben por seren funcionarios/as, persoal estatutario ou persoas contratadas mediante programas de formación ou prácticas non laborais. Este terceiro grupo é o que conta coa base de cotización media máis elevada, que se sitúa nos 3.124,8 euros ao mes por persoa. A base media mensual por persoa para os cotizantes con contrato indefinido no mes de decembro de 2023 situouse nos 1.938,7 euros e a do grupo de cotizantes con contrato temporal, 199,1 euros por debaixo, en 1.739,6 euros por persoa.

No relativo ao tipo de xornada, o 83% dos cotizantes ao Réxime Xeral en Galicia traballa a xornada completa e o 17% traballa a xornada parcial. A base media de cotización das persoas que traballaron a xornada completa no mes de decembro en Galicia, cuxa residencia se situaba tamén na Comunidade Autónoma galega, foi de 2.194 euros por cotizante; a base media de cotización do grupo de cotizantes a xornada parcial situouse neste mes nos 1.090 euros por persoa.


Cotizantes e base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o tipo de contrato e o tipo de xornada. Decembro de 2023

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Variable Cotizantes Base media mensual por persoa
Total 786.026 2.006,5
  • Completa
652.506 2.194,0
  • Parcial
133.520 1.090,0
Indefinido 590.407 1.938,7
  • Completa
490.169 2.111,2
  • Parcial
100.238 1.095,0
Temporal 129.043 1.739,6
  • Completa
97.285 1.975,6
  • Parcial
31.758 1.016,8
Sen contrato 66.576 3.124,8
  • Completa
65.052 3.144,5
  • Parcial
1.524 2.286,6

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)

Nota: a categoría “Sen contrato” inclúe ás persoas para as que non figura o tipo de contrato no ficheiro (por erro ou omisión), funcionarios e funcionarias, persoal estatutario, programas de formación e prácticas non laborais en empresas (consultar os Reais Decretos 1493/2011 e 1543/2011).


Como se observa na seguinte gráfica, existen importantes diferenzas nas bases medias de cotización segundo a actividade económica que realice a persoa cotizante. O valor máis elevado acádase nas seccións K e L da CNAE-2009, que corresponden coas actividades relacionadas co sector das finanzas e dos seguros, onde a base media mensual por persoa supera nun 52,6% á media galega en decembro de 2023 (acadando os 3.061,2 euros/persoa). As seguintes actividades económicas con maior base de cotización mensual por persoa son as correspondentes a actividades relacionadas coa produción de enerxía, subministración de auga e xestión de residuos (seccións D e E da CNAE-2009, con 2.586,2 euros/persoa), administración pública e defensa (sección O, con 2.507,1 euros) e as actividades relacionadas coa información e as comunicacións (sección J, 2.417,8 euros por persoa).

Pola contra, na sección I da CNAE-2009, que engloba ás actividades relacionadas coa hostalaría, a base media de cotización mensual por persoa sitúase un 44,1% por debaixo da media de Galicia; neste grupo de actividades, a cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social en decembro de 2023 situouse nos 1.122,4 euros por persoa. Nas actividades correspondentes ás seccións N (actividades administrativas e servizos auxiliares), R-S (actividades artísticas, recreativas e de entretemento; outros servizos) e T-U (actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio) da CNAE-2009, a base media de cotización por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social tamén se atopa bastante por debaixo da media galega, a redor dos 1.400 euros por persoa.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo a sección de actividade económica. Decembro de 2023

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)

Nota: A. Agricultura, gandaría, silvicultura e pesca; B, C. Industrias extractivas; industria manufactureira; D, E. Enerxía, subministración de auga e xestión de residuos; F. Construción; G. Comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas; H. Transporte e almacenamento; I. Hostalaría; J. Información e comunicacións; K, L. Actividades financeiras e de seguros; actividades inmobiliarias; M. Actividades profesionais, científicas e técnicas; N. Actividades administrativas e servizos auxiliares; O. Administración pública e defensa; seguranza social obrigatoria; P. Educación; Q. Actividades sanitarias e de servizos sociais; R, S. Actividades artísticas, recreativas e de entretemento; outros servizos; T, U. Actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio; actividades de organizacións e organismos extraterritoriais


Distribución territorial da base media de cotización


As sete grandes cidades galegas e os seus concellos limítrofes concentran as maiores bases de cotización de Galicia; en particular, na conurbación que rodea as cidades da Coruña e Ferrol, a base media mensual por persoa sitúase por riba dos 1.900 euros, como se observa no mapa de abaixo. Oleiros é, de feito, o concello coa base de cotización máis elevada de Galicia en decembro de 2023; as persoas afiliadas con residencia en Oleiros cotizan por unha base que acada os 2.403,0 euros de media.

Tamén é elevada a base media de cotización mensual por persoa en parte dos concellos costeiros que conforman as comarcas das Mariñas Oriental, Central e Occidental (en Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro), en Cee (concello da Costa da Morte) e na comarca de Valdeorras, entre outros.


Base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas con residencia en Galicia, segundo o concello de residencia. Decembro de 2023

Unidade: euros/persoa

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


Na seguinte táboa preséntanse os 15 concellos con maior base media mensual en decembro de 2023. Santiago de Compostela é, despois de Oleiros, o concello con maior base media de cotización mensual, acadando os 2.273,8 euros de media por persoa no mes de decembro de 2023. A continuación sitúanse A Coruña, con 2.210,3 euros/persoa, e Cervo, con 2.205,5 euros por persoa.


Táboa cos 15 concellos de Galicia con maior base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Decembro de 2023

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
15058 Oleiros 11.900 2.403,0 119,8
15078 Santiago de Compostela 33.253 2.273,8 113,3
15030 Coruña, A 78.455 2.210,3 110,2
27013 Cervo 1.220 2.205,5 109,9
15002 Ames 12.213 2.163,5 107,8
15008 Bergondo 1.972 2.161,4 107,7
15082 Teo 6.503 2.152,0 107,3
15013 Brión 2.628 2.149,0 107,1
15087 Valdoviño 1.747 2.144,1 106,9
15004 Ares 1.742 2.142,3 106,8
15048 Miño 2.084 2.133,4 106,3
36038 Pontevedra 24.501 2.119,1 105,6
15031 Culleredo 11.350 2.112,8 105,3
36057 Vigo 94.043 2.102,1 104,8
15024 Cerceda 1.564 2.101,9 104,8

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


As bases medias no Réxime Xeral máis baixas sitúanse, pola súa banda, nos concellos do sur de Ourense, nos concellos que se sitúan no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense e no interior de Lugo (exceptuando a propia capital e os concellos que a bordean). En Calvos de Randín, por exemplo, a base de cotización media por persoa a penas supera os 1.500 euros en decembro de 2023 (1.504,4); en Oímbra situouse nos 1.557,6 euros/persoa e na Lama, nos 1.561,8 euros/persoa. Na táboa de abaixo complétase o listado dos 15 concellos con menor base de cotización no mes de decembro.


Táboa cos 15 concellos de Galicia con menor base media mensual por persoa no Réxime Xeral da Seguridade Social. Decembro de 2023

Unidade: cotizantes, euros/persoa

Espazo Cotizantes Base media mensual por persoa Índice da base media (Galicia=100)
32016 Calvos de Randín 100 1.504,4 75,0
32053 Oímbra 291 1.557,6 77,6
36025 Lama, A 485 1.561,8 77,8
32010 Beade 66 1.570,8 78,3
36022 Grove, O 2.807 1.590,0 79,2
32064 Pontedeva 95 1.590,5 79,3
32066 Quintela de Leirado 90 1.596,1 79,6
32005 Baltar 183 1.602,9 79,9
32068 Ramirás 270 1.613,4 80,4
32021 Castrelo do Val 156 1.615,8 80,5
32015 Bolo, O 110 1.621,9 80,8
32062 Porqueira 166 1.623,4 80,9
32091 Vilardevós 247 1.623,9 80,9
32078 Sarreaus 199 1.641,1 81,8
32012 Blancos, Os 153 1.644,3 81,9

Fonte: IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada (descarga da táboa)


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Bases de cotización no Réxime Xeral da Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada