Estudo de salarios / Salarios nos sete grandes concellos galegos
Neste apartado emprégase como fonte a Mostra continua de vidas laborais (MCVL) facilitada pola Seguridade Social. A MCVL é un conxunto de microdatos anonimizados procedentes de diversos rexistros administrativos: da Seguridade Social, do Padrón municipal de habitantes e da Axencia Tributaria. Constitúe unha mostra representativa de todas as persoas que tiveron relación coa Seguridade Social no ano de referencia, ben porque estiveran afiliadas en situación de alta laboral, ben porque percibiron unha prestación contributiva ou subsidio por desemprego, ou ben porque percibiron algún tipo de pensión contributiva da Seguridade Social. Os resultados que se presentan neste estudo proceden dunha explotación dos datos dispoñibles na MCVL para a Comunidade Autónoma de Galicia. Co obxecto de que os resultados poidan ser comparables cos procedentes da Enquisa de estrutura salarial do Instituto Nacional de Estadística (INE), os datos refírense única e exclusivamente a relacións contractuais en alta laboral a 31 de outubro de cada ano. Ademais, e para limitar o efecto distorsionante que producen as relacións contractuais de moi curta duración sobre os datos agregados, estudáronse unicamente as relacións que cumpriran a condición de estar en alta, polo menos, durante os tres meses completos de setembro, outubro e novembro. Para a determinación dos salarios dos empregados por conta allea, na MCVL utilízanse as percepcións declaradas na clave A do modelo 190 "Resumo anual de retencións e ingresos a conta do IRPF sobre rendementos do traballo, de determinadas actividades económicas, premios e determinadas imputacións de renda" da Axencia Tributaria. Esta clave inclúe todas as percepcións, monetarias ou en especie, satisfeitas pola persoa ou entidade declarante en concepto de rendementos do traballo. Estas retribucións incluirán, así mesmo, as axudas satisfeitas por desprazamentos e os gastos de viaxe por motivos de traballo exceptuados de gravame. É preciso aclarar, ademais, que se refire a percepcións salariais brutas, isto é, antes do pagamento de impostos e que estas inclúen, así mesmo, os importes correspondentes ás percepcións en especie. O modelo 190 ofrece información sobre as percepcións salariais anuais do traballador en cada un dos seus vínculos laborais co empresario. Posto que neste estudo se traballa con relacións contractuais, e ao longo dun mesmo vínculo laboral se poden suceder varios contratos, para calcular o salario por hora primeiramente distribuíuse o salario anual entre as distintas relacións contractuais en función da duración de cada unha, ponderada polo coeficiente de tempo parcial. Así obtívose a percepción salarial diaria en cada relación contractual: Percepción salarial diaria = Importe anual / (Número de días traballados * Coeficiente de tempo parcial) A continuación, para calcular a percepción salarial por hora distribuíuse a percepción diaria ao longo dunha xornada laboral normal de 8 horas: Percepción salarial por hora = Percepción salarial diaria/8 (para máis información sobre a explotación da MCVL consultar aquí) |
Segundo os datos da explotación da MCVL facilitada pola Seguridade Social, no 2018 o salario por hora medio en Galicia situose nos 8,4 euros, mentres que a mediana foi de 6,7 euros por hora, o que quere dicir que o 50% das persoas asalariadas ten un salario inferior aos 6,7 euros a hora. No referente aos sete grandes concellos galegos, a excepción de Lugo e Ourense, todos teñen un salario medio igual ou superior á media galega. Polo que se refire ás diferenzas por sexo e tal e como ocorre no conxunto de Galicia, os salarios medios e os medianos por hora nos sete grandes concellos galegos son superiores no caso dos homes aos que perciben as mulleres. |
|
Salarios por hora segundo o sexo (media e mediana). Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
Salarios por hora (media e mediana). Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
Mediana dos salarios por hora segundo o sexo. Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
Tendo en conta a desagregación do salario por hora segundo a idade, pódese observar que a medida que aumenta a idade tamén aumentan os salarios. Así, as persoas de 55 e máis anos son as de maiores salarios, e estes son máis altos nos concellos da Coruña, Santiago e Vigo. |
|
Salarios por hora segundo grupos de idade (media e mediana). Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
Media dos salarios por hora segundo grupos de idade. Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
O tipo de contrato é unha das variables determinantes do nivel salarial. Tal e como xa se amosou no capítulo 5 para Galicia e provincias, os salarios son superiores para as persoas con contrato indefinido. Esta situación tamén é característica dos sete grandes concellos galegos. Para os contratos indefinidos, os niveis máis altos de salarios están, novamente, nos concellos de Santiago, A Coruña e Vigo, tanto para homes como para mulleres. |
|
Media dos salarios por hora segundo sexo e tipo de contrato. Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
(*) Poucas observacións mostrais, polo que o dato está afectado por un alto erro de mostraxe |
Tal e como xa se amosou tamén no capítulo 5 o salario medio das persoas con xornada a tempo parcial en Galicia é menor que o das persoas con xornada a tempo completo. Esta situación mantense tamén nos sete grandes concellos galegos |
|
Media dos salarios por hora segundo sexo e tipo de xornada. Galicia e grandes concellos. Ano 2018 |
|
(*) Poucas observacións mostrais, polo que o dato está afectado por un alto erro de mostraxe |
Na seguinte táboa pódese observar a evolución dos salarios medios e medianos por hora dende o ano 2012 ao 2018 en Galicia, nas provincias e nos sete grandes concellos da nosa Comunidade Autónoma. |
|
Evolución dos salarios por hora. Galicia, provincias e grandes concellos 2012-2018 |
|
No seguinte gráfico amósase a densidade dos salarios por hora para os sete grandes concellos de Galicia. Pódese observar como, en termos xerais, a curva que aparece máis desprazada cara á dereita e a que ten unha moda menos pronunciada é a do concello de Vigo; isto quere dicir que en Vigo os salarios son máis altos que nos outros concellos. |
Elaboración propia a partir da Mostra continua de vidas laborais facilidada pola Seguridade Social
Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico y de terceros para optimizar su uso. Las cookies no se utilizan para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando se considera que acepta su uso. Conozca nuestra política de cookies