Resumo de resultados


 Enquisa Estrutura Salarial


Introdución

A Encuesta de Estructura Salarial é unha investigación sobre a estrutura e distribución dos salarios de periodicidade cuatrienal, que se realiza en todos os Estados Membros da Unión Europea (UE) de xeito harmonizado, en cumprimento do Regulamento do Consello da UE núm. 530/1999.

A enquisa esténdese a todos os traballadores por conta allea que presten os seus servizos en centros de cotización e estivesen de alta na Seguridade Social no mes de outubro do ano de referencia. Non se inclúen polo tanto os funcionarios adscritos ás mutualidades e si se inclúen os empregados das empresas públicas.

Investíganse só os centros de cotización con actividade principal incluída nas seccións da B á S da CNAE-09. Polo tanto, quedan fóra do ámbito desta enquisa a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca, as actividades dos fogares como empregadores de persoal doméstico, as actividades dos fogares como produtores de bens e servizos para uso propio e as actividades de organizacións e organismos extraterritoriais, independentemente do tamaño do centro de traballo.

No ámbito do Estado, na enquisa do ano 2018, colaboraron 27.549 centros de traballo e 234.246 asalariados, e na Comunidade Autónoma de Galicia seleccionáronse 1.568 centros de traballo e 12.544 asalariados.

Os obxectivos da enquisa poden resumirse, fundamentalmente, en dous:

  • O coñecemento dos niveis salariais, non só dos niveis medios, senón tamén da súa distribución.
  • A determinación da estrutura do salario, tanto desde o punto de vista da composición como das variables que inflúen nel e a contía na que o fan.

O IGE realizou unha explotación dos datos da enquisa para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que proporciona:

  • Datos comparables para os anos 2006, 2010, 2014 e 2018. Información a nivel autonómico.
  • Principais indicadores de salarios para Galicia e para os países da UE 28.


Composición do salario bruto anual

Ao existir pagamentos con período de vencemento superior ao mes, para comparar niveis salariais emprégase o salario anual. No ano 2018 o salario bruto anual situouse en Galicia nos 22.244,59 euros por traballador, un 10,14% superior ao do ano 2014 (20.195,90 euros). Por sexos, no ano 2018 o salario dos homes é un 27,04% maior que o salario das mulleres, mentres que no ano 2014 o salario dos homes era un 26,45% maior respecto ao salario das mulleres.

Composición do salario bruto anual. Galicia.
Unidade: Euros
2014
2018
Compoñentes Total Homes Mulleres Total Homes Mulleres
Salario bruto 20.195,9 22.505,1 17.797,0 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Pagamentos extraordinarios 2.364,8 2.738,9 1.976,2 2.172,22 2.515,14 1.813,48
Valoración en especie 41,3 56,8 25,1 52,11 68,21 35,27
Salario ordinario 17.789,8 19.709,4 15.795,6 20.020,26 22.243,56 17.694,42
(Salario bruto = Salario ordinario + Pagamentos extraordinarios + Valoración en especie)

O salario ordinario é a partida que máis contribúe ao salario bruto, do que representa no ano 2018 o 90,00%, mentres que os pagamentos extraordinarios e a valoración en especie só representan nese ano o 9,77% e o 0,23% respectivamente.

   


Distribución salarial

A distribución do salario anual en Galicia no ano 2018 mostra unha grande dispersión e tal e como se pode observar no gráfico, o salario bruto anual do 50% dos asalariados galegos non supera os18.600 euros (mediana).

No ano 2018 só un 25% dos asalariados galegos percibiron un salario bruto anual superior a 26.946,82 euros e tan só un 10% dos asalariados obtiveron un salario bruto anual superior a 37.884,89 euros.

O salario bruto anual medio no ano 2018 foi 24.826,91 euros por traballador para os homes, un 27,04% superior ao das mulleres que se situou en 19.543,17 euros por traballador.

A distribución salarial das mulleres atópase máis a esquerda que a dos homes en todos os niveis salariais. O 50% das mulleres non superan os 16.146,14 euros mentres que a porcentaxe de homes que gaña menos de esa cantidade é ao redor do 25%.

Outra variable que determina unha distinta distribución salarial é o nivel de estudos acadado polo traballador. Só o 10% dos asalariados con nivel de estudos “Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa” gaña máis de 26.118,63 euros mentres que o 25% dos asalariados con nivel “Secundaria 2ª etapa e postsecundaria non terciaria” gaña máis de 26.317,74 euros anuais e por útlimo o 50% dos asalariados con nivel de educación “Terciaria” gaña máis de 25.963,71 euros anuais.


Salario bruto anual segundo a idade

Existe unha relación positiva entre a idade dos traballadores e o nivel salarial, de forma que o salario dos maiores de 55 anos, 24.995,96 euros, é case un 120 superior ao salario dos menores de 25. Por sexos, nos maiores de 24 anos, a maior diferenza a atopamos no grupo de idade de 45 a 54 anos, onde as mulleres cobran un 33,52% menos que os homes.

Salario bruto anual segundo a idade. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Idade Total Homes Mulleres
Total 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Menor de 25 11.382,22 12.984,01 ..
25-34 18.009,29 19.540,57 16.263,80
35-44 21.392,25 23.614,12 19.194,72
45-54 25.172,24 28.820,66 21.584,92
55 e máis 24.995,96 28.090,72 21.454,64

   

Salario bruto anual segundo a ocupación

A ocupación é unha das variables que máis inflúen no nivel salarial. En Galicia, no ano 2018, o salario bruto anual do grupo dos “Directores e xerentes” é, segundo os datos dispoñibles, o maior (61.505,67 euros), e supera nun 176,50% ao salario medio. Esta situación é similar en España, aínda que menos acentuada, onde o salario deste grupo alcanza no ano 2018 a cifra de 54.341,32 euros, e supera nun 126,34% ao salario medio.

Ademais, segundo os datos dispoñibles, só en tres grupos de ocupacións o salario é maior ao salario medio, tanto en España como en Galicia: “Directores e xerentes”, “Técnicos e profesionais científicos e intelectuais”, “Técnicos e profesionais de apoio”. As ocupacións menos remuneradas son as “Ocupacións elementais” e os “Traballadores dos servizos de restauración, personais, protección e comercio”, nas que o salario bruto non alcanza en Galicia no ano 2018 os 15.000 euros anuais.

Ao comparar o salario bruto anual de Galicia con España nos distintos grupos de ocupación, pódese observar que as ocupacións onde menor diferenza existe son os “Técnicos e profesionais científicos e intelectuais” e as “Ocupacións elementais”. E, salvo no grupo de “Directores e Xerentes”, o salario bruto anual en España no ano 2018 supera ao rexistrado en Galicia.

Salario bruto anual segundo a ocupación. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Ocupación España Galicia
Total 24.009,12 22.244,59
Directores e xerentes 54.341,32 61.505,67
Técnicos e profesionais científicos e intelectuais 34.505,80 32.428,28
Técnicos, profesionais de apoio 29.261,35 28.747,98
Empregados contables, administrativos e outros empregados de oficina 21.730,58 20.439,98
Traballadores dos servizos de restauración, personais, protección e comercio 17.047,80 14.938,80
Traballadores cualificados no sector agrícola, gandeiro, forestal y pesqueiro 19.690,87 ..
Artesans e traballadores cualificados das industrias manufactureiras e a construción (excepto operadores de instalacions e maquinaria) 22.617,64 20.889,20
Operadores de instalacions e maquinaria, e montadores 23.184,12 21.246,59
Ocupacións elementais 15.163,76 14.816,48

Salario bruto anual segundo a actividade económica

Existen grandes diferenzas salariais segundo a actividade económica. As actividades económicas máis remuneradas son as “Actividades financeiras e de seguros”, onde o salario anual acada en 2018 en Galicia os 41.905,22 euros, seguidas a grande distancia (non superan os 28.000 euros) da “Información e comunicacións” e da “Enerxía”. Por outro lado, as actividades con menor remuneración son as “Actividades artísticas, recreativas e de entretemento; Outros servizos” e o “Transporte e almacenamento; Hostalaría”, nas que o salario bruto anual non acada os 15.000 euros.

Salario bruto anual segundo a actividade económica. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Actividade España Galicia
Total 24.009,12 22.244,59
B,D,E Enerxía 32.403,76 27.022,50
C Industria manufactureira 27.640,15 24.931,23
F Construción 22.971,69 21.700,66
G Comercio por xunto e ao retallo; reparación de vehículos de motor e motocicletas 21.006,64 19.089,76
H_I Transporte e almacenamento; Hostalaría 18.048,58 14.723,99
J Información e comunicacións 33.118,04 27.891,37
K Actividades financeiras e de seguros 45.043,40 41.905,22
L_N Actividades inmobiliarias; Actividades profesionais, científicas e técnicas; Actividades administrativas e servizos auxiliares 21.414,44 20.760,13
O_Q Administración pública e defensa, seguranza social obrigatoria; Educación; Actividades sanitarias e de servizos sociais 26.837,45 26.215,57
R_S Actividades artísticas, recreativas e de entretemento; Outros servizos 17.304,79 14.760,97

Salario bruto anual segundo o nivel de estudos

As diferenzas salariais entre os distintos niveis de formación acadados polo traballador son notables e o salario anual crece a medida que aumenta o nivel de estudos. Os asalariados galegos con nivel de formación alcanzado “Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa” gañaron de media, no ano 2018, 16.849,67 euros anuais, mentres que os asalariados con educación “Terciaria” percibiron un salario bruto de 29.995,66 euros anuais, un 78,02% máis que os primeiros.

Por outra parte, aínda que as mulleres gañan menos que os homes nos tres niveis de formación considerados, a medida que aumenta o nivel de formación dos traballadores diminúen as diferenzas entre homes e mulleres. Así, mentres que nos traballadores con nivel de formación “Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa” o salario das mulleres é o 68,57% do salario dos homes, nos traballadores con nivel de eduación “Terciaria” o salario das mulleres acada o 77,55% do salario dos homes.

Salario bruto anual segundo o nivel de estudos. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Nivel de estudos Total Homes Mulleres
Total 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Menos que primaria, primaria e secundaria 1ª etapa 16.849,67 19.475,18 13.353,97
Secundaria 2ª etapa e postsecundaria non terciaria 21.616,11 24.890,10 18.421,74
Terciaria 29.995,66 34.314,82 26.610,93

Salario bruto anual segundo a antigüidade

O salario bruto anual está directamente relacionado coa antigüidade no posto de traballo, non obstante na última categoría (máis de 30 anos) o salario descence con respecto a anterior. Esto último pode estar orixinado, entre outros motivos, pola existencia de topes salariais e porque a proporción de mulleres con respecto aos homes aumenta.

Salario bruto anual segundo a antigüidade. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Antigüidade Total Homes Mulleres
Total 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Menos de 1 ano 15.568,46 18.012,15 12.785,66
De 1 a 3 anos 17.246,30 19.287,11 14.949,21
De 4 a 10 anos 20.822,15 22.332,66 19.401,80
De 11 a 20 anos 26.259,99 29.955,49 22.678,25
De 21 a 29 anos 33.624,77 37.133,45 29.410,64
30 ou máis anos 33.489,41 37.226,08 29.677,09

Salario bruto anual segundo o tipo de xornada

O tipo de xornada é a variable que determina o nivel salarial. O salario medio anual dos asalariados con xornada a tempo parcial no ano 2018 en Galicia foi menor en máis dun 55% que o dos asalariados con xornada a tempo completo, tanto en homes como en mulleres.

Salario bruto anual segundo o tipo de xornada. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Tipo de xornada Total Homes Mulleres
Total 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Tempo completo 25.491,33 26.818,79 23.772,12
Tempo parcial 10.102,86 11.397,24 9.513,15

   

Non obstante, esta comparación, que é válida desde o punto de vista dos ingresos dos traballadores, non resulta pertinente se comparamos salarios como “prezo da man de obra” posto que os salarios a tempo completo corresponden a máis horas de traballo. Neste caso a ganancia por hora é unha variable máis relevante.

Se comparamos a ganancia por hora entre os dous tipos de xornada observamos que a ganancia por hora dos asalariados a tempo parcial é un 20,11 menor que a ganancia por hora dos asalariados a tempo completo.

Na comparación por sexos, a ganancia por hora dos homes é un 13,54% menor a tempo parcial que a tempo completo e a ganancia por hora das mullleres a tempo parcial é un 20,52% menor que a tempo completo.

Ganancia por hora segundo o tipo de xornada. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Tipo de xornada Total Homes Mulleres
Total 10,97 11,56 10,28
Tempo completo 11,24 11,67 10,67
Tempo parcial 8,98 10,09 8,48

   

Salario bruto anual segundo o tipo de contrato

Para os efectos da enquisa consideráronse dous tipos de contrato, os contratos de duración indefinida e os contratos de duración determinada. Para poder realizar comparacións entre asalariados con contrato de duración indefinida e duración determinada, axustouse o salario daqueles asalariados que non permaneceron todo o ano no centro de traballo e asignóuselles un salario anual equivalente ao que percibirían no caso de traballar durante todo o ano nas mesmas condicións.

Os asalariados galegos con contrato de traballo de duración indefinida teñen en 2018 un salario superior nun 38,73% ao dos asalariados con contrato de duración determinada. A análise segundo o sexo reflicte que estas diferenzas son máis notables nos homes que nas mulleres e mentres que os homes con contrato de traballo de duración indefinida cobran un 44,84% máis que con contrato de duración determinada, nas mullleres esta diferenza e do 29,65%.

Salario bruto anual segundo o tipo de contratos. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Tipo de contrato Total Homes Mulleres
Total 22.244,59 24.826,91 19.543,17
Duración indefinida 23.914,96 26.802,99 20.792,71
Duración determinada 17.238,79 18.505,40 16.038,06

   

Composición do salario mensual

Para analizar a composición do salario segundo os conceptos retributivos pártese do salario mensual medio, que en cifras brutas acadou no ano 2018 en Galicia o valor de 1.681,22 euros (1.866,34 euros no caso dos homes e 1.487,57 euros no caso das mulleres).

O salario mensual bruto está composto polo salario base, os complementos salariais, os pagamentos extraordinarios e os pagamentos por horas extraordinarias. O salario base é o compoñente principal do salario bruto mensual do que representa o 69,71% seguido dos complementos salariais, que supoñen un 27,31% do salario bruto.

O salario neto obtense a partir do salario mensual bruto despois de deducir as cotizacións á Seguridade Social a cargo do traballador e as retencións do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). No ano 2018 este acadou en Galicia o valor de 1.344,62 euros mensuais, 1.474,39 euros no caso dos homes e 1.208,85 no das mulleres. En media, as cotizacións á Seguridade Social e as retencións do IRPF representan no ano 2018 o 20,02% do salario bruto mensual dos galegos.

Composición do salario mensual. Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Compoñentes Total Homes Mulleres
Salario base 1.172,06 1.288,09 1.050,69
· Complementos salariais 459,11 507,37 408,62
· Pagamentos por horas extraordinarias 9,15 14,39 3,67
· Pagamentos extraordinarios 40,90 56,49 24,59
Salario bruto 1.681,22 1.866,34 1.487,57
· Cotizacións á Seguridade Social 106,87 117,52 95,74
· Retencións IRPF 229,73 274,43 182,98
Salario neto 1.344,62 1.474,39 1.208,85

Principais indicadores

A Encuesta de Estructura Salarial (EES) realízase de xeito harmonizado en toda a Unión Europea (UE) o que posibilita a construción de indicadores comparables para os Estados Membros.

No marco desta enquisa Eurostat elabora e difunde principais indicadores de salarios para toda a UE e os seus países. O IGE realizou unha explotación dos microdatos da EES para Galicia que completa a información existente posto que elabora indicadores de salarios para Galicia e as súas provincias, comparables cos existentes para os países da UE28.

Os indicadores calculados para o ámbito galego son a fenda salarial, a proporción de asalariados con salarios baixos e a mediana das ganancias medias por hora. Para o cálculo destes indicadores só se consideran os asalariados de empresas de 10 ou máis asalariados incluídas nalgunha das seccións B a S (excluída a O: “Administración pública, defensa e seguridade social obrigatoria”) da CNAE 2009.

Fenda salarial

A fenda salarial é un indicador que representa a diferenza entre a ganancia media por hora dos homes e a ganancia media por hora das mulleres como porcentaxe da ganancia media por hora dos homes.

No ano 2018 a fenda salarial en Galicia foi do 8,50%. Esto significa que os homes gañan máis que as mulleres un 8,50% do que gañan os homes. A fenda salarial en Galicia sitúase nese ano por debaixo da fenda salarial da UE28, que alcanza o valor do 15% e da de España, que alcanza o 11,90%.

Proporción de asalariados con salarios baixos

Considéranse asalariados con salarios baixos aqueles que gañan 2/3 ou menos da mediana das ganancias brutas por hora na rexión/país de referencia. Polo tanto, cómpre resaltar que o limiar empregado para determinar que salarios son baixos é específico de cada país.

En Galicia, no ano 2018 o 13,10% dos asalariados tiñan salarios baixos, unha porcentaxe lixeiramente superior á do ano 2014, que era do 11,20%.

A consideración deste indicador segundo o sexo permite observar importantes diferenzas entre homes e mulleres en Galicia. Así, no ano 2018 a porcentaxe de mulleres asalariadas con salarios baixos en Galicia acadou o valor do 19,10% fronte ao 7,40% dos homes.

Proporción asalariados con salarios baixos (porcentaxe). Galicia. Ano 2018
Unidade: Euros
Tempo Total Homes Mulleres
2014 11,2 6,3 16,3
2018 13,1 7,4 19,1

   

A comparación por países debe realizarse con cautela debido á existencia de umbrais diferentes para cada país. Non obstante, os datos de Eurostat reflicten que no ano 2018 o 13,10% dos asalariados de Galicia perciben salarios baixos e en España no mesmo ano esta porcentaxe é do 14,33%.

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico y de terceros para optimizar su uso. Las cookies no se utilizan para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando se considera que acepta su uso. Conozca nuestra política de cookies

De acuerdo