O obxectivo da operación Produto Interior Bruto municipal é obter estimacións municipais do Produto Interior Bruto (PIB). O PIB é unha macromagnitude económica que resume o volume de actividade produtiva nun espazo económico nun período de tempo determinado. É o resultado dos procesos de produción de diversos axentes que operan en cada concello (empresas, fogares, administracións públicas, etc.) producindo bens e servizos finais. O PIB vai depender do emprazamento das unidades produtivas nun concello pero o desenvolvemento da súa actividade pode non ter reflexo claro na renda dos fogares. Esta operación supón un avance na produción estatística do IGE de cara ao cumprimento do principal obxectivo das operacións que forman parte do Sistema de contas económicas de Galicia: ofrecer unha representación cuantificada da realidade económica galega. O punto de partida para as estimacións do PIB municipal é a información dispoñible nas Contas Económicas Anuais, nas que se estiman as contas de produción e explotación para 73 ramas de actividade. Para cada unha das 73 ramas desagrégase o Valor Engadido Bruto (VEB) por concello utilizando diversos métodos de estimación en función das distintas fontes estatísticas dispoñibles. Non obstante, aínda que internamente se calcula, non se difunde a desagregación por ramas de actividade dos concellos por criterios de segredo estatístico. Só para os concellos de máis de 20.000 habitantes publícase unha desagregación do PIB en 4 sectores de actividade. Así mesmo, para as comarcas realízase unha desagregación maior do PIB, en 12 sectores produtivos, o que permite identificar aqueles nos que as comarcas están especializadas en termos relativos con respecto a Galicia. Na difusión de resultados inclúense, así mesmo, datos do Produto Interior Bruto por habitante. A poboación utilizada neste cálculo é a poboación a 1 de xullo de cada ano, estimada como promedio da poboación a 1 de xaneiro do ano t e a 1 de xaneiro do ano t+1, a partir das Cifras poboacionais de referenciaque elabora o IGE. Na publicación inclúese unha ferramenta para a visualización dos resultados. |
O 23,7% do Produto Interior Bruto de Galicia concéntrase nos concellos de Vigo e A Coruña. Vigo é o concello galego cun maior Produto Interior Bruto, 7.036 millóns de euros, seguido da Coruña cun PIB de 6.024 millóns de euros. Nestes dous concellos xérase case o 24% do valor engadido de Galicia. |
||
Os dez concellos de Galicia con maior Produto Interior Bruto (PIB) municipal Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010 (descarga da táboa) |
Os concellos nos que se emprazan as sete grandes cidades achegan o 42,7% do PIB de Galicia e ocupan sete dos oito primeiros lugares. Arteixo, cun PIB de 3.238 millóns de euros, aparece no terceiro lugar no ano 2014, só superado polos dous grandes concellos de Galicia. Con respecto a 2012, o PIB do concello de Arteixo medra un 48%, debido ao comportamento do sector servizos. No ano 2014 aparece entre os principais concellos de Galicia en termos de actividade xerada o concello das Pontes de García Rodríguez, cun PIB que ascende a 695 millóns de euros, e un descenso respecto a 2012 do 17%. Esta caída do nivel de actividade deste concello está estreitamente relacionado coa actividade de xeración de enerxía eléctrica. |
|
Estrutura produtiva dos concellos de máis de 20.000 habitantes Naqueles concellos de máis de 20.000 habitantes preséntase unha desagregación do PIB municipal en catro grandes sectores económicos, máis os impostos netos sobre os produtos. Estrutura do Produto Interior Bruto (PIB) dos concellos de máis de 20.000 habitantes. Ano 2014 Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010 (descarga da táboa) Entre os resultados máis significativos están os seguintes: |
||
Arteixo é o concello cun maior PIB por habitante no ano 2014 Arteixo convértese no ano 2014 no concello cun maior PIB por habitante. Nos primeiros postos aparecen concellos de poboación reducida, xa que, de entre os quince concellos con maior PIB por habitante, ademais de Arteixo, só As Pontes de García Rodríguez e O Porriño superan os 10.000 habitantes. |
||
Os quince concellos de Galicia con maior Produto Interior Bruto (PIB) por habitante. Ano 2014 Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010; IGE. Cifras poboacionais de referencia (descarga das táboas de PIB por habitante e poboación municipal) |
Estes concellos presentan outras características que podemos resumir en tres tipos: |
O PIB da comarca da Coruña foi de 11.304 millóns de euros en 2014, isto é, nesta comarca xerouse o 20,5% da actividade produtiva de Galicia. Na de Vigo o PIB ascendeu a 9.378 millóns de euros, o que representa o 17% do total. As seguintes, en orde de magnitude, son as de Santiago, Ourense, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Estas sete comarcas achegan o 64,3% do PIB total de Galicia. Destas sete comarcas, tan só A Coruña rexistra un crecemento positivo do PIB entre o ano 2012 e o 2014. Na comarca de Vigo o PIB permanece estancando entre 2012 e 2014, mentres que destacan as caídas do nivel de actividade en Santiago e Pontevedra. Fóra das comarcas cuxa cabeceira é unha gran cidade, destacan as comarcas do Salnés, Barbanza e O Morrazo, cunha achega conxunta do 7,3% do PIB de Galicia. |
As dez comarcas de Galicia con maior Produto Interior Bruto (PIB). Ano 2014 Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010 (descarga da táboa) |
||||
Porén, ao igual que pasaba no caso dos concellos, se falamos de PIB por habitante a situación das comarcas é diferente. A comarca do Eume presenta un PIB por habitante de 35.393 euros, é dicir, un 76% superior á media de Galicia. A Mariña Occidental rexistra a segunda cifra de PIB por habitante con case 30.000 euros por habitante. As comarcas da Coruña superan os 28.000 euros e a comarca de Terra de Trives sitúase en cuarto lugar cun incremento do PIB total do 30,5% debido ao comportamento positivo do sector enerxético na comarca. O comportamento deste sector na comarca de Chantada tamén explica o crecemento do PIB por habitante nesta comarca. |
|||||
As comarcas con maior e menor PIB por habitante de Galicia. Ano 2014
Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010; IGE. Cifras poboacionais de referencia |
|||||
Cómpre destacar a caída do PIB por habitante en Santiago debido ao forte decrecemento do VEB xerado pola construción no período 2012-2014, así como a unha caída no VEB das actividades de comercio, transporte e hostalaría. Na comarca de Pontevedra o PIB por habitante tamén cae, aspecto que viría explicado por unha caída no sector secundario da comarca. Se falamos das comarcas con menor actividade por habitante destacan A Paradanta, Muros e O Condado, cun PIB por habitante que non chega ao 60% da media de Galicia. |
|||||
Especialización produtiva por comarca As estimacións publicadas polo IGE permiten construír uns índices de especialización relativa, que comparan a estrutura produtiva de cada comarca coa estrutura produtiva de Galicia, identificando aqueles sectores máis predominantes, en termos relativos, nas comarcas galegas1. Especialización produtiva por comarca. Ano 2014 (preme neste enlace para ver o mapa en tamaño grande) Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010 Dezaoito comarcas teñen especialización produtiva no sector primario (agricultura, gandaría, pesca e silvicultura) e once comarcas teñen especialización produtiva no sector enerxético (Eume, Noia, Ordes, Chantada, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Viana e A Paradanta). A presenza industrial é sobranceira en varias comarcas: 1O índice calcúlase para cada comarca e sector como o cociente entre o peso do VEB do sector na comarca e o peso do VEB do sector na economía galega. En cada comarca defínese o sector de especialización como aquel que presenta o maior valor dos índices anteriores. |
Nas provincias da Coruña e Pontevedra xérase máis do 77% da produción final de Galicia Por agregación dos datos municipais obtéñense os datos provinciais. A provincia da Coruña é a responsable do 45,3% da produción final e ten un PIB por habitante superior nun 9,9% á media de Galicia. A provincia de Pontevedra ten un PIB de 17.419 millóns de euros, pero o PIB por habitante é inferior ao de Galicia. Ourense achega só o 10,6% da xeración de valor na nosa comunidade e é a provincia cun PIB por habitante inferior. Produto Interior Bruto (PIB) e PIB por habitante de Galicia e das provincias. Ano 2014 Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010; IGE. Cifras poboacionais de referencia Por grandes sectores económicos, destaca o elevado peso do sector primario en Lugo, cunha achega do 12,5% ao PIB total, mentres na provincia de Pontevedra queda reducido a un 3,4%. A industria e enerxía na provincia Ourense representa un 23,8% do PIB xerado, polo pulo do sector eléctrico fundamentalmente. Na provincia da Coruña destaca o sector servizos, cunha contribución ao PIB provincial superior (4,3 puntos) á media galega. Estrutura produtiva de Galicia e das provincias. Ano 2014 Fonte: IGE. Produto Interior Bruto municipal. Base 2010 (descarga da táboa) |
Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico y de terceros para optimizar su uso. Las cookies no se utilizan para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando se considera que acepta su uso. Conozca nuestra política de cookies