Resumo de resultados


Enquisa sectorial ás empresas e ás institucións sen fins de lucro. Divisións 90, 91, 93 e 94 da CNAE-2009

Resumo de resultados 03/02/2017
Datos correspondentes ao ano 2014

Introdución

O obxectivo da operación Enquisa sectorial ás empresas e ás institucións sen fins de lucro é obter unha estimación das variables económicas das empresas e Institucións Sen Fins de Lucro (en adiante, ISFL) que exercen a súa actividade en Galicia e están comprendidas dentro das divisións 90, 91, 93 e 94 da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-09). Esta operación tamén ten como finalidade sentar unha base de partida para a realización de sucesivas operacións estatísticas relativas ao sector non lucrativo da economía galega.

O estudo inclúe o conxunto das ISFL e empresas con actividade en Galicia encadrada nos grupos CNAE-09 comentados. Non se inclúe no ámbito de investigación os Organismos Públicos. As variables están referidas ao exercicio económico 2014.

Baixo a consideración xenérica de ISFL englóbanse as entidades que teñen fins e actividades diferentes e que se organizan baixo modelos e figuras xurídicas que presentan certos trazos en común, entre os que destaca a ausencia dun interese directo de lucro, se ben o carácter non lucrativo deberá ser matizado nalgúns casos nos que determinadas ISFL exercen actividades dirixidas ao mercado. As asociacións e fundacións conforman o núcleo do sector non lucrativo; trátase de entidades que se sitúan nun plano intermedio entre as empresas privadas en sentido clásico e as administracións públicas. A posición de carencia de intereses lucrativos das ISFL é compatible coa súa posible dependencia fundacional, das empresas privadas nuns casos e das administracións públicas noutros.

Pola súa parte, a efectos desta operación, dentro do concepto de empresa inclúense as persoas físicas e as sociedades mercantís.

Anexo: Clasificación Nacional de Actividades Económicas CNAE-09:

  • 90 Actividades de creación, artísticas e espectáculos
  • 91 Actividades de bibliotecas, arquivos, museos e outras actividades culturais
  • 93 Actividades deportivas, recreativas e de entretemento
  • 94 Actividades asociativas

Información sobre as empresas

As empresas de Galicia cuxa actividade se enmarca dentro dun dos códigos da CNAE-09 considerados nesta operación (90, 91 e 93), ingresaron uns 189.423 miles de € en 2014. O montante dos gastos destas empresas nese ano ascendeu a 171.275 miles de €. O 39,1% deste importe destinouse ao pago de salarios e demais conceptos incluídos en gastos de persoal; o 26,9% dedicouse á compra de aprovisionamentos e o 34% restante foi parar ao financiamento dos servizos exteriores contratados por estas empresas.

O emprego medio anual no ano 2014 nas empresas consideradas ascendeu a 6.412 persoas empregadas.

Ingresos e gastos das empresas pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014
Miles de €

Fonte: IGE    (descarga da táboa de ingresos e de gastos)

Persoal medio anual ocupado nas empresas pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014
Persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Información sobre as ISFL

As ISFL de Galicia cuxa actividade se enmarca dentro dun dos códigos da CNAE-09 considerados nesta operación (90, 91, 93 e 94), ingresaron uns 470.082 miles de € en 2014. O 31,7% destes procede de subvencións, doazóns e legados concedidos ás ISFL consideradas; o 26% dos ingresos procede das cotas que achegan os asociados ou afiliados á ISFL; a terceira partida por volume de ingresos sería a de prestación de servizos, que achega o 23,2% dos ingresos totais das ISFL en 2014. As demais compoñentes da conta de ingresos deste tipo de entidades (achegas de usuarios, ingresos de promocións, patrocinadores e colaboradores, resto de ingresos) achegan o 19,1% restante.

O montante dos gastos das ISFL de Galicia con actividade nas CNAE-09 90, 91, 93 e 94 ascendeu a 391.880 miles de €. O 48,9% deste importe destinouse ao pago dos gastos de persoal; o 17,8% dedicouse á compra de aprovisionamentos e o 33,3% restante foi parar ao financiamento dos servizos exteriores contratados polas ISFL incluídas nesta operación.

O emprego medio anual no ano 2014 nas ISFL consideradas ascendeu a 8.550 persoas empregadas. Conxuntamente, isto é, sumando o das empresas e das ISFL, o emprego nas actividades consideradas ascendeu no ano 2014 a 14.962 persoas.

Ingresos e gastos das ISFL pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014
Miles de €

Fonte: IGE    (descarga da táboa de ingresos e de gastos)

Persoal medio anual ocupado nas ISFL pertencentes ás CNAE-09 90, 91, 93 e 94. Galicia. Ano 2014
Persoas

Fonte: IGE    (descarga da táboa)

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico y de terceros para optimizar su uso. Las cookies no se utilizan para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando se considera que acepta su uso. Conozca nuestra política de cookies

De acuerdo