Resumo de resultados


 Enquisa de poboación activa (EPA)


Introdución

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida aos fogares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza dende 1964. En xullo de 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o INE e o Instituto Galego de Estatística (IGE) para a duplicación da mostra no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo da ampliación da mostra é permitir a análise da poboación galega en relación coa actividade económica cunha maior desagregación do que se viña facendo ata o momento. Como resultado deste convenio, a partir do terceiro trimestre de 2009 incorpórase á operación a mostra adicional recollida polo IGE, utilizando idéntica metodoloxía e o mesmo sistema de traballo de campo que o INE.

A finalidade principal da EPA é coñecer a actividade económica no relativo ao seu compoñente humano. Está orientada a dar datos das principais categorías poboacionais en relación co mercado de traballo (poboación ocupada, parada, activa e inactiva) e a obter clasificacións destas categorías segundo diversas características. Tamén posibilita confeccionar series temporais homoxéneas de resultados.

A EPA incorporou as cifras do Censo de poboación e vivendas do INE de 2021 ás súas estimacións dos anos 2021 en diante. Para máis información consultar a seguinte ligazón.


Poboación activa


No terceiro trimestre de 2024 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.373.500 persoas, das cales 1.271.900 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,6%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 16.500 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,6 puntos respecto ao segundo trimestre de 2024.


Poboación de 16 ou máis anos segundo a relación coa actividade económica. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 2.373,5 5,4 0,2 12,9 0,5
Activos 1.271,9 16,5 1,3 9,9 0,8
Poboación ocupada 1.159,4 23,8 2,1 16,1 1,4
Poboación parada 112,5 -7,3 -6,1 -6,2 -5,2
Inactivos 1.101,6 -11,1 -1,0 3,0 0,3
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Con respecto ao mesmo trimestre de 2023, o número de persoas activas aumenta en 9.900 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,1 puntos.


Taxas de actividade segundo o sexo. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado
Total 53,6 0,6 0,1
Homes 57,7 0,2 -0,3
Mulleres 49,8 0,9 0,4
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 0,2 puntos respecto á cifra rexistrada hai 3 meses, situándose no 57,7%. A taxa de actividade feminina, pola súa banda, rexistra tamén unha variación positiva, cifrada neste caso en 0,9 puntos, ata situarse no 49,8%.


Poboación activa segundo o sexo. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 1.271,9 16,5 1,3 9,9 0,8
Homes 653,6 4,6 0,7 2,0 0,3
Mulleres 618,3 11,9 2,0 7,9 1,3
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Poboación ocupada


A ocupación aumenta en 23.800 persoas no terceiro trimestre de 2024 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.159.400 persoas ocupadas. A taxa de ocupación tamén aumenta con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,8%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 16.100 persoas, o que supón un incremento do 1,4% en termos relativos.


Taxas de ocupación segundo o sexo. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado
Total 48,8 0,8 0,4
Homes 52,8 0,5 -0,2
Mulleres 45,3 1,4 1,0
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Por sexo, neste trimestre aumentou a ocupación masculina: o número de ocupados varóns aummenta en 6.700 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2024; a ocupación das mulleres tamén rexistrou un incremento, neste caso de 17.100 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nun aumento da taxa de ocupación masculina de 0,5 puntos e nun incremento de 1,4 puntos da taxa feminina.

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2023, o número de homes ocupados aumenta en 1.700 persoas (un 0,3%), e o de mulleres ocupadas un 2,6%.


Poboación ocupada segundo o sexo. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 1.159,4 23,8 2,1 16,1 1,4
Homes 597,7 6,7 1,1 1,7 0,3
Mulleres 561,7 17,1 3,1 14,4 2,6
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu na construción, pero aumentou no sector primario, na industria e no sector servizos. Na construción, a diminución da poboación ocupada cifrouse en 400 traballadores e traballadoras menos que hai 3 meses. No sector primario a ocupación aumentou en 3.300 persoas respecto ao trimestre anterior; na industria, a ocupación aumentou en 12.100 persoas. No sector servizos o incremento foi de 9.000 persoas.


Con respecto ao mesmo trimestre de 2023, a ocupación diminuíu no sector primario un 2,3%, e no sector servizos un 1%. Na industria e na construción a ocupación aumentou con respesto ao mesmo trimestre de 2023: na industria un 13,1% e na construción, 5,2%.


Poboación ocupada segundo sectores de actividade. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 1.159,4 23,8 2,1 16,1 1,4
Agricultura e pesca 74,8 3,3 4,6 -1,8 -2,3
Industria 190,9 12,1 6,8 22,1 13,1
Construción 83,1 -0,4 -0,5 4,1 5,2
Servizos 810,7 9,0 1,1 -8,3 -1,0
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Poboación asalariada


En Galicia había 948.800 persoas asalariadas no terceiro trimestre de 2024, 784.200 con contrato indefinido e os 164.600 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 1.300 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal aumenta tamén en 24.600 efectivos (o que supón, en termos relativos, un incremento do 17,6% con respecto ao segundo trimestre de 2024). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 1,9%, e as persoas con contrato temporal diminuíron, pola contra, un 1,8%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 17,3%.


Poboación asalariada segundo o tipo de contrato. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 948,8 25,8 2,8 11,6 1,2
De duración indefinida 784,2 1,3 0,2 14,6 1,9
Temporal 164,6 24,6 17,6 -3,0 -1,8
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Poboación parada


No terceiro trimestre de 2024 en Galicia había 112.500 persoas en paro, 7.300 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminuíu 0,7 puntos e sitúase no 8,8%.

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2023, o número de parados e paradas diminúe en 6.200 persoas (un 5,2%) e a taxa de paro, a súa vez, baixa 0,6 puntos en termos interanuais.


Taxas de paro segundo o sexo. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado
Total 8,8 -0,7 -0,6
Homes 8,6 -0,3 0,1
Mulleres 9,2 -1,0 -1,1
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 55.900 persoas (2.100 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 56.600 persoas (5.200 mulleres paradas menos). Ambas as dúas taxas de paro, tanto a masculina como a feminina, reducíronse, situándose a primeira no 8,6% e a segunda no 9,2%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino aumenta en 300 persoas (un 0,5% máis), mentres que o volume de paradas dimunúe en 6.500 persoas (un 10,3% menos que hai un ano).


Poboación parada segundo o sexo. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 112,5 -7,3 -6,1 -6,2 -5,2
Homes 55,9 -2,1 -3,6 0,3 0,5
Mulleres 56,6 -5,2 -8,4 -6,5 -10,3
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Fogares


No terceiro trimestre de 2024, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 4.700 unidades e sitúase en 38.600 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2023, esta tipoloxía de fogares diminúe un 20,9%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 11.600 unidades. O número de fogares nesta situación é de 669.200. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 14.400 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,2% en termos relativos.


Fogares segundo a tipoloxía de actividade. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de fogares, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 1.127,4 1,5 0,1 6,4 0,6
Fogares con polo menos un activo 768,9 4,5 0,6 4,2 0,5
Todos os activos son ocupados 669,2 11,6 1,8 14,4 2,2
Todos os activos son parados 38,6 -4,7 -10,9 -10,2 -20,9
Con ocupados e parados 61,1 -2,4 -3,8 0,0 0,0
Fogares nos que non hai ningún activo 358,6 -2,9 -0,8 2,3 0,6
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Poboación xuvenil


Dos 333.200 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 136.900 (o 41,1%) están ocupados/as, 31.900 (o 9,6%) parados/as e os 164.300 (o 49,3%) restantes son inactivos.


Poboación de 16 a 29 anos segundo a relación coa actividade económica. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 333,2 3,1 0,9 7,0 2,1
Activos 168,8 8,2 5,1 1,3 0,8
Poboación ocupada 136,9 9,8 7,7 1,6 1,2
Poboación parada 31,9 -1,5 -4,5 -0,3 -0,9
Parados que buscan primeiro emprego 10,5 0,0 0,0 0,3 2,9
Parados que xa traballaron 21,5 -1,5 -6,5 -0,6 -2,7
Inactivos 164,3 -5,2 -3,1 5,7 3,6
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 41,1% no terceiro trimestre de 2024. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 2,6 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2023 diminúe 0,4 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 18,9% neste trimestre; diminúe 1,9 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co terceiro trimestre de 2023, diminúe 0,3 puntos.


Taxas de actividade, ocupación e paro da poboación de 16 a 29 anos. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado
Taxa de actividade 50,7 2,1 -0,7
Taxa de ocupación 41,1 2,6 -0,4
Taxa de paro 18,9 -1,9 -0,3
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


No terceiro trimestre de 2024, o 79,3% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao segundo trimestre de 2024, a cifra de ocupados a xornada completa sube un 13,4%. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial diminúe neste trimestre; en concreto, baixa en 3.000 persoas. Con respecto ao terceiro trimestre de 2023, increméntase a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 7.300 persoas), mentes que a ocupación a xornada parcial en diminúe (en 5.600 persoas).


Poboación ocupada de 16 a 29 anos segundo o tipo de xornada. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 136,9 9,8 7,7 1,6 1,2
Completa 108,5 12,8 13,4 7,3 7,2
Parcial 28,4 -3,0 -9,6 -5,6 -16,5
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Dos 128.400 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 58,7% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido diminúe un 4,3% respecto ao trimestre anterior; rexistra un incremento, neste caso do 3,3%, respecto ao mesmo trimestre de 2023. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal aumenta un 34,5% respecto ao trimestre pasado, e rexistra un incremento tamén do 0,6% respecto ao terceiro trimestre de 2023.

A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 41,3%.


Poboación asalariada de 16 a 29 anos segundo a duración do contrato. Galicia. Terceiro trimestre de 2024
Unidade: Miles de persoas, tanto por cento
Dato do trimestre actual Variación absoluta respecto ao trimestre pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao trimestre pasado (tanto por cento) Variación absoluta respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (miles de persoas) Variación relativa respecto ao mesmo trimestre do ano pasado (tanto por cento)
Total 128,4 10,3 8,7 2,7 2,1
De duración indefinida 75,4 -3,4 -4,3 2,4 3,3
Temporal 53,0 13,6 34,5 0,3 0,6
Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa (descarga da táboa)


Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

INE-IGE. Enquisa de poboación activa (EPA)

Este sitio web utiliza cookies propias de tipo técnico y de terceros para optimizar su uso. Las cookies no se utilizan para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando se considera que acepta su uso. Conozca nuestra política de cookies

De acuerdo